Categorías: Actualidade

Luis Álvarez presenta “unha alternativa socialista para liderar o goberno” dunha Galicia “activada e en marcha, que recupere a ilusión e o dinamismo, que supere os complexos do PP”

O portavoz do Grupo Socialista intervén na segunda sesión do debate de Investidura para contrapoñer a alternativa socialista en positivo coa proposta “vella e esgotada” do PP

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, interveu na segunda sesión do Debate de Investidura que se celebrou hoxe no Parlamento para presentar “unha alternativa socialista para liderar o goberno” de Galicia. Álvarez contrapuxo un modelo de país “activado e en marcha, que recupere a ilusión e o dinamismo, que supere os complexos do PP” fronte á proposta “vella e esgotada” do PP.

O responsable socialista artellou unha intervención con críticas á xestión do PP nos últimos 13 anos e ao proxecto do candidato do PP, adiantando o voto en contra dos socialistas galegos. A continuación presentou “unha alternativa que quere recuperar a ilusión e a confianza nesta terra, un proxecto que non quere levantar muros nin prohibicións, senón construír un país con futuro que funcione”.

Defendeu “unha Galicia territorio enerxético, industrial, científico, da innovación, de oportunidades laborais, unha Galicia que conta cunha Atención Primaria de calidade, que sabe coidar dos seus maiores, unha Galicia territorio con cultura e lingua propias, e que as saben preservar e promover como un dos seus tesouros máis valiosos”.

Fronte a “unha proposta vella e esgotada” á que “os galegos e as galegas vamos darlle carpetazo tan pronto se convoquen eleccións e teñamos ocasión de ofertarlle á sociedade esa alternativa que encarna o PSdeG”.

DEBATE DE INVESTIDURA 2022

DISCURSO DO PORTAVOZ DO GRUPO PARLAMENTARIO DOS SOCIALISTAS DE GALICIA, LUÍS ÁLVAREZ

Nota: este é un borrador que pode rexistrar variacións con relación á intervención definitiva

Sr Rueda, teña por seguro que o escoitamos con atención, que dende esta bancada socialista seguimos con interese o seu discurso de investidura, e xa lle avanzo que probablemente estivemos moito máis atentos do que estivo o presidente da Xunta en funcións que se senta ao seu lado, o sr Núñez Feijoo, que leva xa bastante tempo coa maleta feita e coa cabeza fóra de Galicia.

Permítame, previamente, agradecerlle ao Sr. Núñez Feijóo o seu traballo ao longo destes últimos trece anos como presidente da Xunta de Galicia. Dende a discrepancia política, pero dende o recoñecemento institucional e tamén persoal, porque sei do sacrificio que supón a entrega ao servizo público. Non foi vostede o presidente que persoalmente quixera, pero ten sido o meu presidente.

Deséxolle, no persoal, o mellor dos futuros.

Escoitámolo sr Rueda, e teño que dicirlle que o seu discurso soa repetitivo, a máis do mesmo, a un tempo político esgotado que xa deu de si todo o que podía dar. Na súa proposta non vemos ideas frescas nin proxecto de país. Hai uns cantos retallos collidos de aquí e de aló, pero que non dan para facer un traxe á medida de Galicia. Ten nas mans unha compás sen norte, incapaz de sinalar o rumbo; o seu único relato é que vai seguir o exemplo de Feijóo, como si con iso xa chegara. Non vemos altura de miras. Fáltalle programa e fáltanlle guionistas. Lamentablemente teño que dicirlle que o seu proxecto é un spin-off moi desarticulado, sen argumento, é algo así como a secuela dunha película xa de por si mediocre e na que se empezaba a ver a cuberta cos créditos finais, do final dun ciclo político.

Mire señor Rueda, cústame visualizar esa Galicia que vostede nos pinta. Cústame ver cal é o seu modelo. Se non me equivoco, se o escoitamos ben, vostede só se limita a falarnos de Galicia e do goberno da Xunta como un Camiño que se percorre dende a Idade Media, e do que se acaba de retirar un dos camiñantes. Este figura retórica pode estar ben traída, dado que estamos en Ano Santo, pero atrévome a dicirlle que como publicista do Xacobeo aínda ten moito que mellorar. O Camiño non vai resolver os problemas que ten este país. O Camiño é un símbolo de identidade, galega e europea, que temos que preservar, pero o Camiño non vai a procurar que un doutor en Farmacia formado en Galicia teña que emigrar a Múnic para traballar nun instituto científico punteiro.

Cal é o modelo sr Rueda?, insisto. Unha das mentes máis brillantes da estatística do século XX, George Pelham Box, dixo que “Todos os modelos son incorrectos, pero algúns son útiles”, e eu diría que o seu modelo, ademais de incorrecto, demostrou non ser útil para os intereses de Galicia nin tampouco para os intereses dos galegos e galegas.

Pero vamos por partes. Vostede dedicou boa parte do seu discurso a reivindicar un legado, a facer balance de 13 anos dun goberno de cuxas políticas é corresponsable. E sinala como logro, como máximo fito, que conseguiron manter a salvo a arquitectura institucional da comunidade, como si a arquitectura do resto de España, como si as institucións de Madrid, Euskadi ou Aragón se desmoronaran e caeran en anacos. Mesmo di que cada ano foron capaces de aprobar un proxecto de orzamentos. Permítame o sarcasmo, sr Rueda, pero xa imaxino o traballiño que pasaron no Grupo Popular para reunir de cada vez esa maioría suficiente para aprobar as contas nesta Cámara. Cada ano aprobaron orzamentos, magnífico logro; cada mes pagaron facturas, moi ben; e cada día conseguiron que ao abrir unha billa en San Caetano saíra auga. Magnífico. Parabéns por todo iso.

Claro que cando facemos balance de verdade, o balance que lle interesa aos galegos e galegas, a cousa cambia. A realidade é moi teimuda, sr Rueda. E si realmente pisara a rúa, se escoitara á xente aguantándolle a mirada, atoparíase enseguida con algúns dos grandes problemas deste país, coa falta de oportunidades laborais para a xente moza e mellor formada da nosa historia, coas dificultades que teñen milleiros de pacientes para ser consultados polo seu médico de cabeceira cando o requiren ou coa feble consistencia dos mecanismos de protección habilitados dende a Xunta para facer fronte ás dificultades derivadas da guerra de Ucraína ou do encarecemento do combustibles.

O BALANCE DE 13 ANOS NOS QUE RUEDA FOI CORRESPONSABLE

  • A SANIDADE E AS POLÍTICAS SOCIAIS

Empecemos pola sanidade, o 40% do gasto autonómico. O seu discurso neste ámbito é triunfalista e certamente terxiversado, pois pretende facer parecer que todo o que está na man da Xunta de Galicia funciona como precisión milimétrica, mentres que o resto do mundo é culpable dos males e deficiencias do sistema.

Pero lembremos que Galicia está, neste 2022, na segunda metade do ránking das CC.AA. en gasto sanitario por habitante. Esta clasificación, permítame o comentario, sitúa como as peores comunidades a Murcia, Andalucía e Madrid, e creo que non fai falla que lle diga quen goberna en todas elas, mentres nos primeiros postos da táboa están o País Vasco, Asturias e Navarra.

Con este dato por diante hai que afrontar que a sanidade galega sufriu, nesta última década, un proceso paulatino de transformación que levou á concentración de servizos tanto a nivel xeográfico como asistencial. Valdeorras, Lemos, A Mariña e O Salnés deixaron de ser áreas sanitarias, e os seus hospitais de referencia ven agora como os servizos que prestan dependen da dispoñibilidade dos hospitais das grandes cidades. Vostedes crearon unha sanidade de dúas velocidades. A este obxectivo responde o intento de pechar o paridoiro de Verín, moi mediático, pero tamén que hoxe existan problemas para manter o servizo de cardioloxía na Mariña, de rehabilitación no Barco, de técnicos de radioloxía no Salnés ou incluso dotación de enfermería en Monforte.

E vaiamos á Atención Primaria, a porta de entrada ao sistema sanitario:

Cando chegaron á Xunta recibiron un modelo que funcionaba, no que non existían listas de espera e na que calquera paciente tiña a oportunidade de ser atendido en tempo e forma, e de maneira presencial, polo seu médico de cabeceira. As esperas prolongadas para ter cita e a atención telefónica son agora o pan de cada día, sr Rueda, e sobre isto non basta que nos diga que van todo facer o posible por mellorar a Atención Primaria, porque iso, ata o de agora, equivale a nada.

Coa rede de coidados ás persoas maiores, dependentes e discapacitados pasa o que xa todos coñecemos, e que tamén constatou o Consello de Contas, que hai un exceso de privatización de prazas cunha baixa progresiva das inspeccións, o que supón unha fórmula perversa para o benestar das persoas maiores. Se faltan profesionais nos centros e non se cumpren as ratios, non se controla; se non se dispón de medios materiais suficientes, non se supervisa; se hai algunha incorrección no trato aos usuarios, ao mellor ningún o constata.

Logo de que a covid-19 convertera as residencias na verdadeira zona cero da pandemia, a Xunta comprometeuse a impulsar un novo modelo organizativo da rede de coidados que non vemos por ningún lado. Só un pouco de cosmética, uns cantos titulares, pero o modelo segue a ser o mesmo: cero prazas públicas de nova creación e toda a rede de coidados fiada á iniciativa privada. Incluso as sete residencias cuxa construción financia Amancio Ortega nas cidades galegas moito nos tememos que, se nada o impide, acaben tamén en mans da iniciativa privada que busca o lucro co coidado dos maiores.

Non quero deixar este apartado sen referirme tamén ás deficiencias que se constatan en Galicia no sistema de axuda á Dependencia. As valoracións de usuarios e a aprobación dos plans de axuda son procedementos que se eternizan no tempo. As axudas chegan moitas veces tarde, e a dotación das mesmas dista moito de cubrir coas necesidades.

No ámbito educativo queda en mera declaración o agradecemento ao esforzo e sacrifico feito polo profesorado durante a pandemia se logo as políticas que desenvolven camiñan pola senda dos recortes que vimos na última década. É tempo de reverter a política de recortes e ataques a Educación Pública. O sr Núñez Feijóo marcha co saldo de ter pechado 138 centros públicos de ensino e de ter reducido o orzamento educativo en 113 millóns de euros. A gratuidade dos libros de texto, implantada por un goberno socialista, é recordada como un espellismo na historia da autonomía e foi unha medida que ao PP sempre lle queimou nas mans.

Iso si, a financiación dos centros privados e concertados seguiu crecendo ano a ano, do mesmo xeito que se utilizaron subterfuxios para blindar os fondos para os centros que segregan aos alumnos por sexo.

Cando chegaron ao poder había 30.000 profesores na educación pública galega e agora hai 1.400 menos. Sr Rueda, atenda e escoite as xustas reivindicacións e necesidades en canto a recuperación do horario lectivo, a progresiva redución das rateos alá onde son máis necesarias e volvan cubrir as baixas docentes.

E mire, atendan o rural, que os nenos e nenas que viven nesas contornas poidan ser escolarizados cerca da súa casa sen necesidade de perder horas e horas en desprazamentos. Apostar polo rural tamén é isto, deter o peche de escolas e permitir que sigan prestando servizos públicos indispensables.

  • ECONOMÍA, EMPREGO E SECTORES PRODUTIVOS

A súa política económica carece de enfoque e de orientación. Limítase a dicir que vai facer o mesmo que se facía, cando o que se fixo ata o de agora non serviu para deter o desmantelamento industrial nin acelerar a modernización, a innovación tecnolóxica ou a transformación dixital tan necesaria para cambiar os fundamentos do noso modelo económico coa finalidade de xerar máis riqueza e oportunidades de emprego.

Salienta a evolución da débeda en Galicia como un éxito, cando o certo é que se triplicou en termos absolutos. No 2008, a débeda pública da comunidade equivalía a 1.429 € por habitante, hoxe cada galego, cada galega, debe 4.353 €, tres veces máis, sen que saibamos moi ben para que serviu este empeño.

Porfían unha e outra vez nas rebaixas fiscais, poñéndolle deberes rimbombantes aos demais, pero deixándoas na mínima expresión cando depende de vostedes. Seguimos esperando pola exención das taxas portuarias, descontos en carburantes ou rebaixas de taxas e impostos que dependen da Xunta. Agora anuncia unha redución do primeiro tramo do IRPF, do 9,4 ao 9%. Pero canto vai supoñer iso para unha familia galega? Antes de que me diga a cifra, xa lle avanzo que a contía é moi reducida.

Sabe, sr Rueda, que en Galicia temos 50.700 fogares con todos os seus activos en paro. Sabe, ademais, que en 27.300 deses fogares non se percibe prestación por desemprego nin entran outro tipo de ingresos?.

A última Enquisa de Poboación Activa, relativa ao primeiro trimestre deste 2022, deixa ver algunhas alarmas. Sinala, para empezar, un aumento da contratación a tempo parcial, cunha taxa do 14,3%, sen perder de vista que a taxa de parcialidade involuntaria é moi alta , dun 77,9%. Os traballadores queren empregos a xornada completa, pero non os atopan.

A taxa de paro dos menores de 25 anos tampouco mellora. Ao revés, sube ata o 32%, dous puntos máis que na media do Estado. Si que temos datos máis positivos na taxa de temporalidade, pois os asalariados con contrato indefinido aumentan un 6% grazas aos efectos da reforma laboral, si sr Rueda, desta última reforma laboral que vostedes, o PP, celebraron dando botes con Vox no Congreso cando pensaban que a tumbaran.

Se en 1990 a agricultura galega, un dos nosos sectores tradicionalmente estratéxicos,  xeraba o 5,8% da renda agraria española co 21% dos agricultores, en 2018 obtiña o 4,9% da renda, pero só co 6,8% da poboación ocupada agraria. Desapareceron 9 de cada 10 explotacións que existían en Galicia e nos próximos 10 anos xubilaranse máis da metade dos nosos agricultores e gandeiros.

Falta unha política activa de ordenación do territorio que apoie o aumento da base territorial das explotacións con respecto ao abandono de terras. Máis de dous terzos do territorio galego está en estado de abandono, temos soamente o 21% do noso territorio de Superficie Agraria Útil, mentres que España ten máis do doble, un 46%. Son datos que coñecen, claro que coñecen, pero que non se esforzan en cambiar.

O abandono da xestión forestal resulta evidente xa que se perpetúan os problemas do século XX, como os lumes, o abandono das comunidades de montes veciñais ou a desaparición da industria forestal. A perda de valor do monte é evidente, e a súa contribución ao PIB galego caeu un 25% en pouco máis de dúas décadas.

No caso da pesca, o único que escoitamos no seu discurso foron datos de vendas e facturación e como única liña de traballo lanzaron a idea de atacar a falla de relevo xeracional, pero sen concretar medidas. Sendo certo que é uns dos maiores problemas aos que se enfronta o sector, non podemos pasar por alto que ten outros moitos problemas aos que facerlles fronte e, entre eles, está a subida do prezo de carburantes e materias primas ao que o goberno galego, aínda que critica as medidas adoptadas por Madrid, non é quen de articular unha liña de axudas propias. A moitos barcos, vémolo coa costeira do bonito, non lles é rendible saír a faenar. E a resposta da Xunta son brazos cruzados.

  • MODELO DE SOCIEDADE QUE DEIXAN

Non mo tomen a mal, pero levan anos falando do declive demográfico, reivindicando o rural e a natalidade, traendo plans e leis de impulso a este Parlamento e o certo é que, logo de máis dunha década, non vemos resultando algún. Nestes últimos 13 anos, Galicia fíxose máis pequena, perdeu algo máis de 100.000 habitantes, que é como se un burato negro se tragara unha cidade como Santiago.

Falan de fixar poboación no rural, pero ao rural castígano recortando servizos públicos, pechando escolas unitarias ou sen cubrir as prazas correspondentes de pediatras, reducindo as liñas de transporte público ou permitindo a exclusión financeira co peche de oficinas bancarias.

Sr Rueda, non atenderon as inquedanzas que ten a mocidade galega. Os mozos e mozas deste país, a xeración máis formada da historia, precisa de oportunidades laborais e non de campamentos de vacacións. Dende que vostedes chegaron á Xunta, arredor de 200.000 mozos e mozas fixeron a maleta para buscar traballo ou seguir investigando fóra de Galicia. É un balance demoledor, que nos achica e nos empobrece como país.

A iso sumamos que arredor de 320.000 mozas e mozos entre 15 e 34 anos se ven na obriga de ter que vivir coas súas familias,  case o 67% da poboación nesa franxa de idade. Estamos ante o dato máis alto desde que hai rexistros segundo a Enquisa Continúa de Fogares  do INE. E mentres, a Xunta deixou sen executar 400 millóns de euros en políticas de vivenda no período 2010-2020. ¡¡400 millóns de euros!!

Tampouco hai programas orientados a corrixir os problemas habitacionais das persoas con rendas máis baixas ou con necesidades de integración, e a Rede galega contra a Pobreza leva anos avisando que isto se ten convertido xa no principal problema de exclusión social en Galicia.

De Igualdade, que quere que lle diga. Dedicoulle 10 segundos nun discurso de case hora e media. A súa visión sobre a igualdade e o feminismo continúa oca e falta de contido, e tenta complementala con apelacións constantes á familia. E supoño, ademais, que unha idea moi determinada de familia.

Nada nos falou da fenda salarial, un dos principais obstáculos para acadar a igualdade no ámbito  laboral. Segundo un estudio feito pola UXT, en Galicia a fenda salarial é dun 19,3%, o que se traduce en que as traballadoras galegas cobran unha media de 5.000 euros menos ao ano que os homes. En realidade é como si as mulleres quedaran abandonadas noutra época, pois perciben un salario medio similar ao que cobraban os homes hai 12 anos.

Agora tamén quererá falar de autogoberno, Sr. Rueda, e de desenvolver o noso Estatuto de Autonomía. Tería valor, sobre todo cando participou en todos os gobernos do Sr Núñez Feijoo, que xa sabemos que non vai a pasar á historia como un dos arquitectos da autonomía galega, pois a diferencia do que ocorre con Albor, Laxe, Fraga ou Touriño, foi o primeiro que non ampliou o noso marco competencial nin conseguiu sequera unha soa transferencia.

A CONFRONTACIÓN COMO NORMA

Vemos tamén que segue sen rechistar a doutrina do seu mentor, a de buscar sempre a alguén a quen cargarlle as culpas do que non son capaces de facer. Nun lugar preferente das súas ladaíñas ten a Madrid, ao Goberno de España, non sabemos si iniciando unha estratexia que tamén o levará a vostede a facer as maletas para forxarse un destino político na Meseta.

E outras moitas veces, como non podía ser menos, a culpa é de Vigo, dos vigueses e viguesas mesmo do seu alcalde, porque me da a impresión, como ocorre coas cidades da Coruña, de Lugo, de Santiago, Ferrol ou Pontevedra que lle teñen moi tomada a medida ao PP. E tamén llela van a tomar moi pronto en Ourense, Sr. Rueda, cando os cidadáns e cidadás teñan a oportunidade de reprobar ese pacto da vergoña que mantén de forma impropia na alcaldía a quen non sabe estar á altura do cargo que ostenta. Poñan fin a esa demencia Sr Rueda, agora está tamén na súa man.

Dicíalle que acude a este Parlamento a pedir o apoio para investidura tendo Madrid, que non Galicia, na súa cabeza. E ao mellor por iso lle formula unha decena de preguntas ao presidente do Goberno de España. Penso que as fai cun sentido retórico, porque se llelas formulara aos galegos e galegas, someténdose por exemplo ao ditado das urnas, seguramente se atoparía cunha resposta tan contundente como insatisfactoria para os seus intereses.

Pero mire Sr Rueda, nós facemos política aquí, en Galicia. Estamos no Hórreo e non na Carreira de San Xerónimo. As sesións de control ao presidente Pedro Sánchez xa hai quen llelas faga no Congreso, e moi axiña irá tamén o Sr Feijóo a facer o propio no Senado, iso si, valéndose dun posto de designación creado para defender os intereses desta terra, que non os intereses do Partido Popular.

Así que permítame que, xa que estamos aquí cara a cara, eu lle faga tamén unhas cantas preguntas a vostede sobre Galicia e mesmo que lle anticipe algunhas respostas:

  • Cal é a resposta da Xunta a un paciente que pasou a noite con febre ou que se levanta con lumbalxia, unha liña telefónica?

  • Que lle vai ofrecer aos sanitarios que se forman en Galicia para que queden en Galicia, retellar os centros de saúde?

  • Como corrixirá a supresión das 1.334 prazas de profesores, blindando de novo o financiamento dos centros que segregan?

  • Cal é o seu compromiso ante o déficit de prazas residenciais para maiores, ou esta pregunta temos que remitirlla a Amancio Ortega?

  • E aos dependentes que agardan meses, anos, por un plan de axuda individualizado, que lle ofrecemos, a caridade dunha orde mendicante?

  • Cal é a súa previsión para ampliar as competencias do noso autogoberno, agardar a ver que fan os demais?

  • Que pode esperar a mocidade con fame de ter unha oportunidade laboral na súa terra, un campamento de verán?

  • Que estratexia ten para ampliar o gasto público en I+D+i, paralizar outra vez os contratos posdoutorais?

  • Cal é a súa receita para corrixir a fenda salarial entre homes e mulleres?, esa non a responda, que xa llela anticipo eu: ningunha.

  • E esa cátedra da Universidade de Vigo para avanzar na mellora da coordinación cos concellos, vaina poñer no campus de Ourense, ese faro que orienta a súa política para as cidades?

Podo chegar a entender sr Rueda, porque incluso iso sería algo humano, que viva mellor poñéndolle deberes aos demais que facéndoos vostede. Que estea máis tranquilo derivando as responsabilidades cara a terceiros que asumíndoas en primeira persoa. Vostede reclámalle a outros, responsabiliza a outros, pero vostede non fai, non se aplica; actúa como aquel alumno preguiceiro que non cumpre coas tarefas propias e que se fai esixente coas tarefas dos demais.

Mal comezo, sr Rueda, si é que iso vai ser a norma. Porque o que denota é que ao mellor estaba moito máis cómodo no papel do eterno número dous, e non á altura da responsabilidade que se dispón a asumir. Realmente está preparado, sr Rueda? De verdade ten gañas de afrontar esta tarefa? É consciente do papel que ten que xogar a persoa que ocupa a presidencia da Xunta?

A principal eiva do seu discurso de investidura, e véxome na obriga de ter que recordarllo unha e outra vez, é que non foi capaz de trasladarlle a esta Cámara un proxecto político con fame para gañar o futuro. Non hai ilusión, senón fatiga. En vez de ideas frescas o que vemos é esgotamento, as mesmas palabras de sempre.

UNHA ALTERNATIVA PARA LIDERAR O GOBERNO

Galicia xa non pode esperar a que vostede aprenda, a que se afaga ao cargo coa esperanza de que ao mellor algún día teña algunha capacidade para dirixir con harmonía esta orquestra. Nós dende logo non imos agardar, non podemos, e por iso hoxe mesmo queremos lanzar a nosa alternativa de goberno que tamén poñeremos en valor ante os galegos e galegas cando sexamos convocados ás urnas. É unha alternativa que quer recuperar a ilusión e a confianza nesta terra, un proxecto que non quer levantar muros nin prohibicións, senón construír un país con futuro e que funcione, que poña o foco no desenvolvemento de novos proxectos industriais, coa instalación de novas fontes de enerxía renovable para fornecelos. Unha alternativa que aposte pola formación e a innovación, si, pero sobre todo para que deixe pegada en Galicia. Un proxecto, en definitiva, que lle dea esperanza á mocidade que están rematando os seus estudos ou explorando un mercado laboral moi limitado e que non é capaz de ofrecerlle un posto cualificado á altura do seu potencial.

Queremos un modelo económico que funcione e que estea enraizado no Marco Europeo da sustentabilidade, da innovación tecnolóxica, do respecto ao medio ambiente e a economía circular. Pero propoñemos tamén unha economía en marcha, que funcione en moitos outros ámbitos como ocorre no caso da moda, da automoción, da industria agroalimentaria, da loxística ou da transformación de produtos pesqueiros.

A alternativa de goberno que estamos en condicións de liderar os socialistas galegos dende o momento en que poida pronunciarse o pobo galego ten estas características:

  1. É unha alternativa de goberno que quer poñer este país a funcionar apostando polos proxectos transformadores dos nosos recursos, como o leite, a madeira ou a produción pesqueira e acuícola.

  1. É unha alternativa con vocación de poñer en valor as materias primas e o recursos minerais do noso territorio, a condición de que sexa compatible co medio ambiente e co marco de ordenación.

  1. É tamén unha alternativa que non se pecha fronte á enerxía limpa, senón que aposta por desenvolver o potencial que temos para xeración de enerxía eólica ou de hidróxeno verde, indispensables para garantir no futuro o  subministro á industria e ás familias.

  1. O noso modelo alternativo propón unha nova revolución industrial, pero que debe respectar a superficie agraria útil e as áreas naturais protexidas ou sensibles.

  1. Vamos a apoiar que o grupo Stellantis teña futuro en Galicia, coa implicación decidida do Goberno central e da Xunta de Galicia.

  1. Vamos a respaldar tamén que o grupo Altri se instale tamén en Galicia, coa implicación activa de todas as administracións, teña ou non teña comprometido de antemán financiación europea.

  1. Temos deseñada unha alternativa de goberno que non renuncia a acadar o obxectivo de investir o 3% do PIB en políticas de I+D+i, como se fixou no seu día na Estratexia de Lisboa, algo no que a Xunta xa se da por derrotada, pois en toda una década no foi capaz de incrementar o gasto en innovación por riba do 1%.

  1. Queremos poñerlle fin á sangría de talento que sofre este país. Que ese mozo investigador de Químicas que é captado por un laboratorio de Alemaña, esa enxeñeira forestal que ten que irse a Suecia ou o xornalista que só pode desenvolver a súa profesión no audiovisual en Barcelona teñan tamén unha oportunidade en Galicia, no país no que se formaron.

  1. A nosa é unha alternativa de goberno que ten gañas de darlle o arreón definitivo ao sector da biotecnoloxía, no que Galicia ten moito que dicir, e farémolo redobrando os esforzos para duplicar o número de patentes, especialmente no apartado das ciencias da saúde, pero tamén no sector da alimentación.

  1. O PSdeG ten deseñada unha alternativa de goberno libre de ataduras, colaborativa coa organización federal da que forma parte, pero en ningún momento subordinada ou dependentes de intereses alleos aos de Galicia. Por iso demandamos que o Instituto Oceanográfico teña a súa sede principal en Vigo. Por iso mesmo defendemos que as instalacións da cadea mar-industria, que tanto emprego xeran no litoral galego, poden e deben seguir onde están porque son perfectamente compatibles co coidado das nosas costas.

A alternativa de goberno do PSdeG consiste tamén en:

Unha Galicia, territorio enerxético

Unha Galicia, territorio industrial

Unha Galicia, territorio científico

Unha Galicia, territorio da innovación

Unha Galicia, territorio de oportunidades laborais

Unha Galicia que conta cunha Atención Primaria de calidade

Unha Galicia que sabe coidar dos seus maiores cando más vulnerables son

Unha Galicia, territorio con cultura e lingua propias, e que as saben preservar e promover como un dos seus tesouros máis valiosos.

Ese é o futuro que nós albiscamos á volta da esquina, sr Rueda, unha Galicia activada e en marcha, un país que recupere a ilusión e o dinamismo, que supere os complexos do Partido Popular. Dixo que non ía fotocopiar as últimas páxina do goberno de Feijoo, e seguramente non faga. Posiblemente ao que se dedique é a distribuír as fotocopias como se foran as partillas da herdanza: o centro do Termalismo para Ourense, unha cátedra de concellos para Vigo, unha delegación reforzada en Ferrol…

Como dixo aquel letrista arxentino, sr Rueda, “hai días eternos que amencen esgotados”. E ese é o seu proxecto de goberno, unha proposta vella e esgotada, á que os galegos e galegas vamos a darlle carpetazo, non teña ningunha dúbida, tan pronto se convoquen eleccións e teñamos ocasión de ofertarlle á sociedade esa alternativa que encarna o PSdeG.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08