Categorías: Actualidade

Luis Álvarez apunta que a reunión de onte evidenciou “unha Galicia resignada fronte á Galicia ilusionada e con proxectos concretos” que presentou Formoso

Admite “decepción” pola falla de resposta de Rueda, centrado en confrontar co goberno central, ás propostas presentadas polo líder dos socialistas galegos

O PSdeG leva ao Pleno do Parlamento unha proposición de Lei para obrigar á representación paritaria nos órganos de goberno de toma de decisións da Xunta de Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, sinalou que a xuntanza de onte entre o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o presidente da Xunta evidenciou “unha Galicia resignada, na que tódolos problemas dependen de solucións externas, fronte a unha Galicia ilusionada e con proxectos concretos” que presentou o líder socialista.

Así o dixo logo da reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia, que fixou a axenda do Pleno do Parlamento da próxima semana na que os socialistas comezarán a materializar as propostas alternativas. Nesta ocasión a sesión de control centrarase nas medidas urxentes do goberno galego para resolver o colapso do sistema sanitario, ademais de dúas interpelacións sobre o cambio de modelo de Atención Primaria e sobre os equipos de valoración da Dependencia.

Álvarez admitiu “decepción” logo de que o presidente da Xunta “non despexara ningunha incógnita sobre as competencias propias” cargando os problemas unicamente ás competencias estatais. Dixo que “os galegos poden sentirse defraudados, pero o responsable é o goberno da Xunta, non quen fai propostas alternativas”.

O responsable socialista aludiu así á proposta do líder socialista de incrementar 140 millóns o orzamento de atención primaria para contratar preto de 1.000 médicos que quedaron vacantes dende a chegada de Feijoo en 2009, ou á petición de incrementar o orzamento de I+D+i en dous anos ata acadar a media do Estado do 1,4 por cento do PIB. Lamentou que a resposta, nos dous casos, “foi non”.

Engadiu que a vontade de diálogo “é absolutamente esencial” en política, e defendeu o proxecto socialista, que a partir de agora presentarán no Parlamento de Galicia, sinaladamente nos tres eixos de sanidade, política social e renovación industrial. As propostas, engadiu, veñen avaladas de anos de experiencia de goberno en 3 das 4 deputacións provinciais e en máis de 100 concellos en toda Galicia, que ofrecen “coñecemento real para resolver os problemas da cidadanía”.

Igualdade

Así o dixo logo de presentar os asuntos que os socialistas galegos levarán ao próximo Pleno do Parlamento, que comezará co debate dunha proposición de Lei para reformar o decreto lexislativo 2/2015 que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Os socialistas galegos queren fixar por Lei a paridade nos órganos de goberno da Xunta, así como nos entes instrumentais, colexios ou comités consultivos.

Explicou que, malia á normativa en materia de Igualdade, a día de hoxe “hai algunha Consellería na que non hai practicamente ningunha muller porque a Xunta fai unha conta global, suma e divide”, co que continúa a haber órganos con infrarrepresentación feminina. Quere estender esta obriga dunha representación equilibrada nos órganos de toma de decisións logo do “lamentable espectáculo” do comité de expertos dos fondos Next Generation EU, no que non había unha soa muller.

O Grupo Socialista tamén presentará unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que cumpra a Lei de Recuperación da Terra Agraria, aprobada en maio de 2021, e que daba un prazo para constituír unha Comisión de Seguimento da que a día de hoxe non se sabe nada.

Tamén presentarán unha proposta sobre a redacción do plan especial do porto de Cambados, a tramitación da desafectación dos terreos urbanos sen actividade portuaria e a garantía da permanencia das depuradoras de Tragove. Acusou ao goberno galego de empregar este caso para confrontar co Estado cando é a Xunta quen debe acreditar que as depuradoras non poden estar noutro emprazamento e que dependen da súa continuidade na costa de Cambados.

Finalmente, presentarán unha moción sobre emprego, coa que urxirán ao goberno galego a artellar dous plans de choque sobre emprego xuvenil e para reducir a fenda laboral entre homes e mulleres. Tamén pedirán un programa de reorientación da incorporación ao mercado de traballo de colectivos sensibles, sinaladamente desempregados e desempregadas de longa duración, o fomento do autoemprego e o impulso de proxectos estratéxicos para o tecido produtivo.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28