Categorías: Actualidade

Intervención do portavoz do Grupo Socialista no Debate do Estado da Autonomía

• INTRODUCIÓN

Sr. Núñez Feijóo, Castelao hoxe é reivindicado por todos, felizmente, pero foi un galeguista, deputado do Frente Popular e exiliado. Non debemos obviar o que foi. Non sei se vostede se recoñecería nesta cita de Sempre en Galiza: “Os elementos da dereita so conciben unha patria artificial, posta ao servizo dos seus intereses”

Sr. Núñez Feijóo, tivemos un ano pródigo en acontecementos políticos:

• As sentenzas da Gürtel, evidencia da corrupción estrutural do PP
• O cambio de goberno en España, unha oportunidade para avanzar.
• O cambio de liderado no Partido Popular.
• A persistente tensión en Cataluña.
• As incertezas políticas externas, do BREXIT indefinido á guerra comercial entre EEUU e China.
• A continuidade da recuperación económica, con indicios de esgotamento dos ventos de cola

Que falta aquí?
Que non hai iniciativas, medidas ou proxectos en positivo que lembrar da acción de goberno da Xunta de Galicia. Que pode ofrecerlle aos cidadáns no seu balance do último ano? Que pode ofrecerlles como grande proxecto da súa década?
O seu executivo é como un surfista, que se limita a aproveitar a cinética das ondas para manterse no poder. Inercia e propaganda, co único obxectivo de manterse no poder.

Que lembramos dos seus últimos 12 meses, se deixamos a un lado o episodio de “noivo á fuga” da dereita española –vostede di que segue aquí, pero a súa decisión de non irse obedeceu ao cálculo, non ao compromiso-?

• Os incendios do outono pasado, con tres falecidos
• A interminable folga da xustiza
• O descoloque coa folga feminista do 8 de marzo
• Os venres negros da CRTVG
• Ou o falecemento dun paciente no PAC de A Estrada
Vou parando.

Sr. Núñez Feijóo: A parálise ilústrase polo seu programa lexislativo para este ano: 11 textos legais, desde a Administración Dixital de Galicia ao Impulso demográfico. Cantos proxectos rexistraron neste ano no Parlamento? Dígollo eu: 0

Foi un presidente que preferiu xogar ao catenaccio en Galicia antes de ter un tropezo que repercutise en Madrid; foi un goberno con conselleiros agardando a condena a galeras do sacrificio municipal.

Fixeron vostedes un Rajoy, co dolce far niente como estratexia de supervivencia.

O resultado: un goberno paralizado, que non atendeu nin á fractura social, nin á xeracional, nin á de xénero nin á territorial que denunciabamos hai 12 meses. Inercia e propaganda, co único obxectivo de manterse no poder

É certo, despois dos incendios de outubro pasado creamos unha Comisión de política forestal que foi unha emenda á totalidade da súa política, e unha recuperación apenas disfrazada das iniciativas do mandato do presidente Touriño. Fixémolo desde o Parlamento, coa participación dos axentes económicos e sociais interesados no monte. E démoslle a volta como un calcetín á súa política forestal. Tan é así que precisa unha nova lei de mobilización de terras para poder aplicala. Tan é así que tivo que cambiar de conselleiro. Ao novo, felicitacións sinceras. Pero imos ser extremadamente esixentes co que asinou, estritos nos prazos e vixiantes no cumprimento dos cambios pactados. Para evitar que os desgraciados sucesos do ano pasado, co seu eco en Mondariz neste ano, volvan repetirse. Nós non non conformamos con promesas.

• A DÉCADA PERDIDA

En poucos meses levará gobernando 10 anos. Xa non pode reclamar inocencia ou apelar a herdanzas. Gobernou con maiorías absolutas, cun goberno amigo en Madrid. Tivo todo a favor para cumprir o que prometeu en 2009. Menos o contexto, pero xa o coñecía cando fixo as promesas.

Nós facemos un diagnóstico realista e poñeremos o acento en 4 temas:

En demografía, Galicia segue indo a menos.

En economía, simplemente retornamos, dez anos despois, ao punto de partida. Pero con máis desigualdades, con menos emprego e máis precariedade.

En servizos públicos, o duro axuste orzamentario e o enfoque conservador deixaron feridas severas.

En infraestruturas, co denominado Plan Move chegou o presidente e mandou parar.

O contexto non axudou pero tanto o Sr. Rajoy como vostede son responsábeis da xestión da crise. Vostede sentiuse cómodo coas política económica restritiva de Montoro entre 2011 e 2018. E en 10 anos, xestionou vostede 2 veces o PIB anual de Galicia. Para ben e para mal.

Vostede presume de ter impedido que Galicia quebrase. Pero non o fixo ningunha CA, e todas elas tiveron un crecemento económico sensiblemente similar. Galicia, igual que o resto.

Vostede presume tamén de equilibrar as contas. A débeda seguiuse acumulando en grandes cantidades nos seus mandatos, de 3.900 a máis de 11,5 mil millóns, e iso non sería un problema se servise para pór en marcha un sistema de investigación máis forte, para completar infraestruturas que faltasen… Témome que só lle serviu para gañar as eleccións.

Hoxe precisariamos ser rigorosos coas contas ao tempo que ambiciosos cos proxectos. Dentro dos límites de déficit acordados pero esgotándoos ao servizo dun proxecto de país. Vostede non o fai por falta de obxectivos definidos, máis alá da supervivencia electoral a todo custe. Por iso tamén se opoñen á relaxación do déficit pactada coa UE e que significaría 3.000 millóns de gasto adicional para as CCAA. Máis médicos, máis residencias, máis profesores, máis coidadores de dependentes, máis axudas ao estudo. Nós non nos conformamos.

Galicia sobreviviu e nos últimos anos está espertando, certo. A produtividade do traballo está recuperando o seu atraso e o comercio exterior evoluciona satisfactoriamente. Está ben, pero a pregunta é que ten que ver a Xunta de Galicia con isto?

Cando a confección ou o automóbil invisten e conquistan mercados exteriores, alguén considera seriamente que foi consecuencia de accións da XG? A recuperación do sector naval depende directamente do ciclo internacional de negocios. E as promesas específicas como PEMEX ou investimentos decisivos no sector lácteo anunciadas en campaña, onde están?

A modernización de Galicia depende do esforzo dos empresarios que arriscan, de autónomos ou cooperativas, de empresas familiares ou de grandes grupos. Dos emprendedores que creen nunha idea e conseguen levala a cabo, ou fracasan pero non desisten. Sabemos que a empresa responsable e o mercado competitivo teñen un papel decisivo na nosa prosperidade. E queremos favorecer o emprendemento e o risco. A competencia, no duplo sentido da palabra.

O progreso depende tamén do esforzo e o talento dos investigadores que moitas veces en condicións precarias traballan duramente. Da mocidade que saca adiante os seus estudos ás veces en condicións difíciles, e logo se lanza á selva do mercado laboral para sobrevivir con salarios de menos de 6 euros á hora, con contratos de meses ou de días. Dos traballadores e traballadoras que cumpren coa súa tarefa, sabendo que a formación, a seriedade e a experiencia non os protexen sempre do desemprego ou do axuste salarial, pero axudan.

Esta Galicia resistente, con capacidade de superación, é a que está sacando pouco a pouco a cabeza do pozo. A que nos está facendo avanzar.

E desde a política deberíamos colaborar con ese esforzo social. E o seu goberno, paralizado, está axudando moito menos do que é esixible. Inercia e propaganda, co único obxectivo de manterse no poder.

En demografía. Vostede ten o triste privilexio de ter o récord de menor número de nacementos en Galicia na serie histórica (18.312). Había 23.175 en 2008. O ano pasado diciámoslle que a Tarxeta Benvida era un regalo magnífico –aínda que mal xestionado– para as parellas ou nais que a recibían… pero que non ía ter efectos sobre a natalidade. Hoxe as cifras corrobórano. O ditame do Observatorio demográfico está feito na súa fase inicial e compartimos o diagnóstico: precisamos emprego dabondo e de calidade, servizos públicos e estratexias de conciliación para que a dinámica cambie. Interésannos os resultados e non a retórica. Vostede está aprobado en retórica pero moi suspenso en resultados.

Sabe que tamén ten o récord en saldo vexetativo negativo (D-N), acadado no 2017? Sabe que o saldo negativo acumulado supera as 92.000 persoas entre 2009 e 2017?

Unha Galicia que vai a menos e un goberno que na práctica mira para outro lado por mera incapacidade. Que fai marketing sen resultados. Recoñeceu que vai mal, si, pero non nos dixo que pensa facer para remedialo.

En economía, que está facendo a Xunta de Galicia? Ten un proxecto eficaz ou limítase a tirar partido do impulso global de España e da acción dos axentes económicos?

• O IGAPE está paralizado. Irrelevante e ineficaz. Só executa 1 de cada 2 euros dun orzamento menguante (de 345 millóns en 2010 a 116 millóns en 2018). Procedementos tortuosos, decisións súper lentas, cofinanciamento disuasorio. Ten algún Plan para reformar o IGAPE?

• En I+D+I quedámonos atrás. Menos investigadores e menos recursos. Sen resolver as cuestións organizativas, coa segregación entre investigación básica e aplicada, cunha execución orzamentaria en AGAIN baixa e en descenso. Cun gasto do 0.87% do PIB (P.Vasco: 1,82%)

• En formación, chegamos tarde. Sectores en auxe como o metal (metal mecánico, construción naval, renovábeis,…) teñen unha grave insuficiencia de traballadores cualificados. E mentres, en 2017, o programa 323-b de Mellora da cualificación no emprego tivo un grado de execución do 7%.

• En infraestruturas, simplemente tirou a toalla, como un boxeador noqueado. O Plan Move cifraba o investimento previsto en 3622 millóns de euros Sabe canto investiu a XG entre 2010 e 2017? Apenas 600. Na práctica, o Plan está paralizado desde que foi aprobado. Vostede esixe agora á AXE todo e xa en infraestruturas. Debería aplicar unha esixencia similar coa Xunta de Galicia. Para cando a conexión completa de Santiago coa Costa da Morte ou a Estrada, a variante de altas prestacións da Costa Norte, ou a variante de Carballo…Sigo? Estou falando só da metade dunha provincia pero podería amplialo a todas. Esquecéronse vostedes de aplicar as bonificacións das peaxes nas autopistas titularidade da CA. Imos proporlle que o fagan.

Sr. Núñez Feijóo: en política industrial, en innovación, en formación, en infraestruturas…. merece un rotundo suspenso. A economía vai indo a pesar da ineficacia da XG en temas clave que deberían reforzar as nosas capacidades de futuro. Están malversando o presente e deteriorando o futuro. Falou vostede do turismo. Está ben. Pero Galicia lidera a caída en pernoctacións no último ano (-8%). ¿Que pensa cambiar?

Sr. Núñez Feijóo, este fracaso ten consecuencias dramáticas.

A primeira, a grave fenda en emprego. No segundo trimestre de 2018 España tiña 200 mil ocupados máis que 9 anos antes. Galicia 77 mil menos. Sabe cantas persoas máis terían unha ocupación se nos comportásemos como España desde 2009? 90 mil: eliminaríamos todo o desemprego feminino; ou toda a nosa mocidade, incluso a que marchou, tería traballo en Galicia.

Esa é a súa responsabilidade. A Iniciativa de Garantía Xuvenil foi un fracaso patente de xestión. A utilización dos fondos para o emprego merece de novo unha nítida reprobación. En diversas consellerías. Na pesca caeu o emprego EPA un 40% desde 2009…e no programa 723 A que atende ao relevo xeracional só gastan o 37% en 2017.

Cae o emprego industrial. Créase un emprego máis precario. Coa reforma laboral reduciuse o poder de negociación dos sindicatos: baixan os salarios. A taxa de actividade da mocidade galega é inferior á española, a taxa de temporalidade superior. E iso que cada vez os grupos de idade relevante son máis reducidos.

Precisamos darlle un horizonte á mocidade, con máis e mellor educación, que prepara para un mundo en cambio, e sobre todo, con maiores oportunidades laborais onde o talento e o esforzo poidan amosarse. Por iso nós propoñemos reformar as normas da FP dual para poder ampliala, eliminar as taxas de primeira matrícula nas universidades e facilitar o acceso aos mestrados cunha política de bolsas máis decidida. Por iso, en emprego, o noso empeño é que a Xunta use os recursos de que dispón para favorecer a inserción laboral e a formación especializada.

Concordamos con impulsar o diálogo social. Para reducir substancialmente a precariedade. Pero non se quede na foto e produza con urxencia os acordos que permitan endereitar o rumbo. No emprego público fixémoslle e farémoslle propostas ambiciosas e realistas para que en 2020 esteamos por baixo do 5%. E no ámbito da contratación pública, a demanda sindical de abrir un diálogo sobre as cláusulas sociais na contratación, que nós apoiamos, debería servir tamén para que nos servizos sociais, no transporte, nas actividades de limpeza e seguridade, nas obras públicas…. combatamos a precariedade, melloremos as condicións de traballo e favorezamos a protección do medio ambiente.

Os salarios eran o 46,7% do PIB en 2008 e son agora o 42,7%, 2.400 millóns de euros de diferencia. Aumentaron as desigualdades. Esta suba dos beneficios non produce máis riqueza social porque non dá lugar a unha expansión da capacidade económica vía investimento. Hai fuga de recursos financeiros por medio do sistema bancario ou en xeral financeiro.

Non seduce aos empresarios que xa están aquí para que invistan. E non seduce aos de fóra para que creen riqueza e emprego en Galicia. Só captamos un 0.27% dos investimentos estranxeiros totais en España (1º semestre de 2018). Menos do 0.5% nos últimos 5 anos. Non está funcionando a política fiscal de sedución de investidores. Porque choca coas dificultades da economía real. Os datos de creación de empresas (logo da aprobación da lei de fomento de iniciativas empresariais en outubro de 2017): houbo caída dun 6% sobre os mesmos meses do ano anterior, continuando a tendencia á baixa. Algo debe fallar cando anuncian a reforma da reforma….

Discutiremos sobre a baixada impositiva cando a coñezamos, no debate de orzamentos. Só pode dicirlle que leva anunciado ano tras ano rebaixas que nos deberían ter convertido nun paraíso fiscal….de xeito paralelo á suba do IVA/IRPF por Rajoy/Montoro. Hai moito de marketing. Cando imos aos datos comprobamos que nos orzamentos, os beneficios fiscais de 2017 eran maiores que en 2018. Hai 3 anos duplicaron o imposto de hidrocarburos, ao diesel (3,6 cts) e ás gasolinas. ¿Daquela estaba ben? E incrementaron substancialmente o ITP que agora queren baixar. ¿Daquela estaba ben? Sexamos serios, deixe de xogar cos galegos.

E, sobre todo, discutamos sobre os efectos reais do cambio impositivo: non hai ningún balance que coñezamos dos cambios impositivos. ¿Favoreceron a equidade? Non parece. ¿Impulsaron o emprego? Tampouco. ¿Serviron para atraer investimentos? Xa din antes as cifras. Este é o debate pertinente, mais alá da propaganda.

En calidade democrática, non dixo nada. Calou sobre os medios de comunicación públicos. Están cheos de preocupación, frustración e malestar. Levamos 20 venres negros, cada vez máis masivos, porque nunca houbo tanta intervención, porque a privatización avanza máis alá dos límites legais, porque se abre expediente a xornalistas críticos,….

Evita aplicar unha lei aprobada hai 7 anos, bloqueando todas aquelas previsións que favorecen a profesionalidade e a neutralidade informativa.

• Nin elección parlamentaria do director xeral.
• Nin Estatuto Profesional
• Nin consello de informativos,
• Nin contratos-programa.
• Nin produción propia completa dos informativos
• Nin lei do audiovisual e consello do audiovisual.

Pasaron 7 anos. E a vida segue igual: un incumprimento premeditado, contumaz e desleal. Comprométase a cumprir a lei.

Estamos falando de medios públicos postos ao servizo dos seus intereses partidarios. Estamos falando de que se persigue aos xornalistas críticos, reducindo substancialmente a nosa calidade democrática. O expediente disciplinario aberto vai ser unha mancha, indeleble, no seu currículo, non no da xornalista perseguida.

Falemos de igualdade de xénero. É a cuestión máis relevante do século XXI. As mulleres van gañar a batalla da igualdade. Polo seu empuxe e a súa determinación.

Hai 4 mulleres traballando a tempo parcial por cada home. Hai máis mulleres que homes con contrato temporal. Tamén no sector público. Co impulso da contratación indefinida no ámbito público e coas políticas de conciliación, con permisos iguais de paternidade e maternidade, como vai facer o Goberno Sánchez, estaría impulsando a igualdade.

A fenda salarial persiste, en todos os tramos de salarios e de idade. As mulleres teñen un solo de lama e un teito de cristal
Só o 27,7% do persoal directivo ou xerencial das empresas en Galicia son mulleres. Nos Consellos de administración de Sociedades e Entes autonómicos hai 2 homes por cada muller. E isto depende de vostede. Dea exemplo. Quebre o teito de cristal e terá máis lexitimidade para esixirllo ao sector privado. É só unha decisión da Xunta de Galicia.

E se nos centramos en dereitos, en Galicia practícanse hoxe menos do 10% das interrupcións voluntarias do embarazo que as mulleres galegas deciden –pois o SERGAS dificulta o acceso–. O resto, a Madrid, a clínicas privadas.

Hai un problema de base. Aos responsábeis do seu partido prodúcelles urticaria a igualdade de xénero e reaccionan sen control. Sabe vostede que a Xunta foi condenada por servizos mínimos abusivos nesa folga da que o Sr. Tellado dicía: “a folga feminista é do máis machista”?; lembra o dos “gobernos floreiro”, da súa deputada responsable de igualdade?. Escoitaron o outro día ao alcalde de Vilanova, que une ao machismo o insulto persoal inaceptable? É ese o pensamento do seu partido? Tome medidas, Sr. Feijóo, cese ao alcalde ou non será crible nesta materia.

En emprego, en política industrial, en calidade democrática, en igualdade, os resultados da súa longa acción de goberno son un fracaso. E mentres, a Xunta de Galicia segue ao tran-tran, sen altura de miras e sen proxecto recoñecible. O seu grande proxecto é presentar o orzamento 2019. Surfeando as ondas sen naufragar pero sen ter claro onde ir. E xa dixo Séneca, señor Núñez Feijóo, que “non hai vento favorable para aquel que non sabe a que porto vai”. Inercia e propaganda, co único obxectivo de manterse no poder.

Non teñen un proxecto para o país. Teñen un proxecto de permanencia no poder. Como amosa que convertese o DEA nunha plataforma de anuncios para axudar aos seus candidatos ás municipais. En realidade, o único proxecto político serio de ANF é moi simple de definir: chámase ANF.

Pero nos últimos tempos os seus graos de liberdade reducíronse: o episodio de “noivo á fuga” debilitouno na política española, e salvo accidente, a saída a España está pechada nos vindeiros anos. A recomposición do seu goberno foi unha ocasión perdida para darlle un novo impulso a Galicia en vez de cubrir as necesidades partidarias.

O cambio de goberno defínese en dúas palabras: control e continuidade.

Control persoal, con conselleiros/as sen peso político, algúns moi ligados a vostede, poñendo límites claros ás ambicións de baróns provinciais.

Continuidade: as claves da acción política seguen a estar nas mesmas mans. Non entran novos actores, non hai unha re-ligazón do seu Goberno con outros sectores sociais. Non hai aspiracións de abrir unha nova etapa, delineando un proxecto máis ambicioso para os dous anos que lle quedan.

Este goberno menor anuncia que ten na cabeza volver ser candidato no 2020. Non era prudente limitarse a dúas lexislaturas?

O ANF de 1982 votou por Felipe González, segundo vostede dixo. De ser así o ANF do 82 non votaría por Feijóo 09, por Feijóo 012 ou por Feijóo 016. E moito me temo que tampouco por Feijóo 020. Iso é o relevante.

Porque o proxecto de Felipe González no 82 era claro: Modernización da sociedade española, construción dun sistema fiscal potente e equitativo que permitise financiar un estado capaz e un sistema de benestar progresivamente comparable ao europeo, integración na Unión Europea e afirmación internacional de España, recoñecemento da pluralidade. Un proxecto ambicioso e ben definido, de éxito, que hoxe compartimos unha maioría moi ampla da cidadanía española. E que está nas antípodas do seu.

• ESTÁ A XUNTA DE GALICIA CURANDO AS FERIDAS SOCIAIS?

Non podo contestarlle a todo. Agradézoche que agora atenda o que no último ano votou en contra: a extensión da gratuidade do transporte para a xente moza a toda Galicia, por exemplo (22/4/2018). Pero debería aproveitar a caducidade das concesións para impulsar Consorcios Metropolitanos, que dean solución á demanda crecente de mobilidade. De medio ambiente e xustiza só repetiu o do ano pasado. Que credibilidade lle imos dar? E despois de ser o presidente que mais castigou aos empregados públicos, tarda moito en compensalos.

Falareille da sanidade e os servizos sociais.

• SITUACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS – SANIDADE

Nos servizos públicos existen diversas métricas. Para nós unha das máis importantes é a que corresponde á percepción dos usuarios dos servizos, que neste caso son os cidadáns. O último Barómetro sanitario 2017 (CIS) indica que:

• Galicia é a 3ª peor sanidade das CCAA de España
• +75% dos usuarios consideran necesarios cambios no SERGAS

Sr. Núñez Feijóo: temos un bo sistema, pero estamos no peor lugar da serie histórica. Os recortes e a xestión dos gobernos Rajoy e Feijóo están pasando unha dura factura a un sistema que resiste grazas ao empeño e calidade dos profesionais. Pero a súa resistencia ao stress ten un límite.

• Diminuíu o persoal na sanidade pública cando as necesidades crecen polo avellentamento. Non hai 1500 profesionais máis, como vostede repite. Hai 500 menos (Ministerio). A OPE prevista, en resposta a unha iniciativa nosa , é un paliativo insuficiente, cando temos en conta as xubilacións e a estabilización de interinos.

• Existe unha precariedade excesiva que debilita o sistema e castiga aos profesionais. A xustiza española e a europea condenaron ao seu Goberno a facer indefinidos moitos contratos precarios.

• Dos +2500 titulados MIR nos anos Feijoo só se contratan de xeito estable un 15% polo SERGAS

• En 2017 a Xunta de Galicia dedicou case 400 millóns de euros a pagar contratos eventuais. É algo máis do 20% que se destina a persoal en todo o SERGAS

Un Goberno que di defender aos profesionais en realidade está expulsando do sistema a aqueles que forma ou, no mellor dos casos, explotándoos miserablemente con precariedade abusiva.

• No Barómetro CIS 2017 son o triplo os usuarios que din que as listas de agarda empeoraron fronte aos que creen que melloraron…. sen reflexo nas estatísticas que comunica. Mais que resolver o problema, xestionan as listas para encubrilo.

No tempo de espera para a primeira consulta, os usuarios que agardaron máis de 6 meses pasan do 8.6% ao 14.4% nun ano, o duplo que en España (Andalucía, 4,1% e Asturias 2,4%, por comparar)

A realidade do sistema sanitario está nas salas de espera dos hospitais e os centros de saúde. Os cidadáns saben perfectamente o que pasa e dannos a razón.

• Vigo está condenado con vostedes a experimentar os problemas dunha sanidade pública dependente da privada. 137.000 pacientes do sistema están referenciados en Povisa. E o Álvaro Cunqueiro ten unha xestión na que a iniciativa privada ten máis espazo do que debera.

Non somos contrarios á iniciativa privada. Pero nós defendemos o servizo público, que debe ser eficiente pero ter como obxectivo atender as necesidades da cidadanía. E vostede leva gobernando 10 anos: é o principal responsable desta situación. Vostedes votaron en contra de establecer un catálogo de servizos obrigatorio para todas as áreas sanitarias. Non pode vir agora a vendernos fume.

Vai vir á CI da sanidade porque a creou a oposición, contra o seu criterio. Negouse recentemente a comparecer en Pleno. E agardo que esa Comisión permita poñerlle cifras e letras á realidade dos recortes, a precariedade, a privatización, os déficit asistenciais, as supresións de áreas sanitarias e as listas de agarda da sanidade pública. E que esa evidencia permita cambiar a política sanitaria para mellorar o sistema.

• O SISTEMA DE SERVIZOS SOCIAIS

Sr. Núñez Feijóo: despois de anos de recuperación económica, centos de miles de persoas viven en fogares con carencia material; 131.456 nas últimas estatísticas con carencia material severa.

Sabe o que significa? As persoas non poden permitirse
• Unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada 2 días.
• Manter a vivenda cunha temperatura adecuada.
• Pagar regularmente os gastos da vivenda principal.
• Dispoñer de teléfono.

Os catro á vez. Seguramente ningún de nós, deputados, sabe o que é vivir así. Pero un de cada 20 dos nosos compatriotas en Galicia o experimenta cada día.

E mentres, o número de perceptores da RISGA e das Axudas Sociais de emerxencia baixan entre 2016 e 2017. Agora prometeu a rápida publicación do Decreto de desenvolvemento da Lei de Inclusión social, despois de 3 anos de retraso…. Manteñen unha RISGA nin suficiente nin digna, excesivamente burocratizada, non individualizada. Están poñendo trabas excesivas para que aqueles que o merecen poidan ter esta renda de integración. Non fan os deberes. Tampouco en atención temperá, co segundo menor gasto, despois de Canarias.

En relación á atención aos dependentes, o IGE dinos que hai
• 30.000 demandantes de Axuda a domicilio sen ela.
• 12.000 demandantes de Teleasistencia sen ela.
• En total 117.875 persoas sen atender, 23.500 por riba de 2011

Claro que melloraron as cifras absolutas de atención desde que vostede é presidente. O raro sería o contrario, cunha lei de implantación progresiva que remataba no 2015… pero o número de persoas que precisan atención medra a maior velocidade.

E sobre todo: o déficit está nas prazas residenciais para maiores e dependentes; fundamentalmente nas prazas públicas e financiadas. Produce frustración, molestias e dificultades económicas a moita xente. Abre un amplo espazo á lexítima oferta privada, que en condicións de demanda moi alta, sube os prezos. Poñendo contra as cordas en termos financeiros a moitas familias.

Sr. Núñez Feijóo: a súa política de residencias é un imposto non declarado aos maiores, este si real. Vostede leva anos prometendo 7 residencias máis (900 prazas). Pero seguen na ficción, aínda non comezaron. E moitos dos seus potenciais usuarios van falecer sen ter a oportunidade de residir nelas. Se quere baixarlle os impostos aos maiores, xa sabe onde actuar.

É necesario un esforzo público con un calendario realista. Non faga máis anuncios, por favor. Comece as residencias ou cale. Se quere ser críbel para os maiores, Sr. Feijóo, ten que licitar estas 7 residencias nas áreas urbanas neste ano, como se comprometeu neste Parlamento en marzo.

Compromiso cos maiores? A Xunta de Galicia camiña mentres a realidade corre. De novo, inercia e propaganda, co único obxectivo de manterse no poder.

• A INSERCIÓN DE GALICIA EN ESPAÑA

• O ano pasado faciamos nesta sesión unha defensa do orde constitucional e a democracia en España, como fundamento das liberdades cívicas e o autogoberno. Non cambiamos de posición. Confesamos ser demócratas e autonomistas convencidos.

Rexeitamos a aposta independentista, fóra das normas comúns de convivencia. Pero tamén denunciamos a aposta neo-centralista, que borraría a diversidade de España e renuncia ao diálogo e á capacidade de sedución. Hoxe, felizmente, o Goberno de España está impregnado dun espírito diferente: o recoñecemento das personalidades diferenciais dos territorios e o diálogo como instrumento de relación cos diferentes. Estamos no momento da política e non do peche de portas.

Son tempos de sementeira e non de seitura. Logo de anos de indiferenza, compre un labor paciente e preciso, para recuperar a convivencia ou cando menos a conlevancia. Demos tempo ao diálogo.

Cando se abra formalmente a reforma, Galicia ten que estar presente. Para falar das competencias, do financiamento e dos símbolos. Avancemos no federalismo, coas súas institucións unitarias. Configurando unha oferta política que seduza aos que hoxe queren marcharse e os convenza de que España é un magnífico horizonte de futuro.

O principal risco é que a competencia polo voto extremo entre o Partido Popular e C`s – agora tamén con VOX- acabe levando ao Sr. Casado a posicións centralistas incompatibles cunha maioría da sociedade española. Deixarse arrastrar por esa onda significaría non ser leal á identidade de Galicia e aos intereses e sentimentos da súa cidadanía.

Asegurabamos o ano pasado que existen diversos niveis de preferencia polo autogoberno e de asunción de identidades propias. A diferenciación entre nacionalidades e rexións na CE 78 reflicte esa realidade. Pero o café para todos fixo táboa rasa das diferenzas e mesmo hoxe Galicia, que ten unha potente identidade propia e unha elevada preferencia polo autogoberno, quedouse atrás ao non reformar o seu Estatuto. Respecto ás identidades e aos autogobernos, con potentes mecanismos de igualación que eviten a discriminación entre cidadáns en función do lugar onde vivan. Esa é a nosa receita.

• Ollando a vista atrás chama poderosamente a atención que os 7 anos de Rajoy na Moncloa (con maioría absoluta), con Núñez Feijóo en Galicia (con maioría absoluta), fosen tan infrutuosos. 7 anos de vacas fracas. Non son quen de lembrar ningunha competencia transferida neste tempo. De ningunha autovía completada (desde o corredor do Norte entre Barreiros e San Cibrao a Pontevedra-Vigo no sur). De ningún ano en que a execución dos fondos orzamentados para o AVE superase a cifra do 60%. De que a PLISAN tivera a conexión ferroviaria que merece. Da reforma do modelo de financiamento, prevista para 2014. E así sucesivamente.

Ningunha transferencia, retrasos, recortes e escusas en infraestruturas e nada en financiamento. Ese é o balance, mentres vostedes durmían despreocupados e calaban como cómplices. Inercia e propaganda, co único obxectivo de manterse no poder.

E hoxe espertaron, vigorizados polo novo rol de oposición, dispostos a reclamar aquí e agora o que ignoraron durante anos. Agora, Conferencia de Presidentes, ¿coa convocatoria electoral en Andalucía, despois de que Rajoy estivese anos sen convocala, e vostede calado?

En só 3 meses o Goberno de España desbloqueou o debate no Congreso sobre a transferencia da AP 9: imos facer todo o posible porque sexa tramitada.

E o novo goberno, como nós mesmos, está fondamente comprometido co respecto á memoria histórica. Por primeira vez ten un Goberno de España unha dirección xeral encargada deste tema. E no Pazo de Meirás saben vostedes que foi este grupo o que lanzou a idea en xullo de 2017 dun estudo histórico-xurídico rigoroso que permitise fundamentar a reclamación da titularidade do Pazo para o patrimonio público, evitando unha negociación coa Familia Franco que ninguén desexa. E non houbo un estudo, houbo dous. O primeiro, promovido pola Deputación de A Coruña que, enviado ao Goberno do Sr. Rajoy só mereceu un apresurado e dirixido informe negativo –que agora complica moito mais as cousas-.

Co novo Goberno, por vez primeira, prodúcese un encargo formal á avogacía do Estado para que revise a fondo a documentación existente e determine a base legal para reclamar a titularidade. A vontade é total; o compromiso tamén. Precisamos unha fundamentación xurídica que permite actuar á administración do estado con seriedade neste tema. Pero outorguemos un mínimo tempo para que as cousas se fagan ben…

7 anos de hibernación (e vacas fracas) non poden ser compensados en tan pouco tempo. Aproveitei este novo talante para facer avanzar as demandas de Galicia, unha vez asegurado o compromiso co AVE polo novo ministro de Fomento.

E mentres o Grupo Popular en Madrid e a Xunta de Galicia coinciden en negarlle ao novo goberno os recursos financeiros para que poida facer avanzar a política social e os investimentos que Galicia necesita. Despois de que desde distintas institucións se advertise da imposibilidade de cumprir coa senda de déficit establecida e de que a UE autorizase unha modificación, son tan fanáticos da austeridade que lle emendan a plana á UE? Sobre todo cando iso significaría unha política social máis inclusiva e igualitaria que beneficiaría a 800 mil pensionistas en Galicia e a moitos miles de persoas en situación de necesidade; así como 300 millóns adicionais para as contas da Xunta de Galicia en 2019. Ou é que eses fondos adicionais evidenciarían aínda máis a ausencia de proxecto? Non saben en que gastalos? Repasen a miña intervención e as propostas de mañá e saberán en que.

• CONCLUSIÓN E PECHE

Sr. Núñez Feijóo: Non ten proxecto…máis alá de querer gañar as vindeiras eleccións. Non o tivo nestes dez anos.

Non hai un obxectivo ao que dirixir estratexicamente a acción de Goberno.

Carece dunha visión de Galicia…máis alá de querer seguir no poder catro anos máis.

E o seu goberno? O inefable portavoz do Partido Popular falou nun pleno pasado de anestesia. Aberto o catálogo de enfermidades, na N aparece “narcolepsia”: un “estado morboso que se caracteriza por un desexo incontrolable de durmir”.

Un goberno pasivo, durmido diante das necesidades dos cidadáns e a modernización de Galicia.

Esa somnolencia incontrolable só desaparece cando están na oposición, como agora en relación co Goberno de España. En dous anos a terapia democrática permitirá a curación completa.

Precisamos cambios de fondo. Precisamos un proxecto para darlle un futuro a este país. Con modernización económica e inclusión social. Con competitividade, emprego de calidade. Combate ás desigualdades e servizos públicos reforzados. Aproveitando as oportunidades que abre o cambio de talante e o compromiso co autogoberno do executivo de Sánchez. Necesitamos un impulso socialdemócrata e unha decidida vontade reformista que substitúa á inercia e á propaganda, co único obxectivo de manterse no poder.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04

Paloma Castro considera “incomprensible” a negativa do PP a resolver os problemas viarios provocados pola ampliación da vía de acceso ao Montecelo

Esíxelle á Xunta e Concello que “deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema serio para…

02/05/2024 14:02

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24