Categorías: Actualidade

Gonzalo Caballero rexeita uns orzamentos autonómicos para 2022 “de dereitas, sen capacidade nin modelo nin estratexia”: “Carecen de impulso para a reactivación, para a xeración de emprego e compromiso co público”

O portavoz parlamentario do PSdeG defenderá o vindeiro luns unha emenda á totalidade “para que a Xunta entenda que o proxecto de orzamentos non está á altura do que Galicia necesita”

O dirixente socialista censura que a Xunta “enterre os fondos que recibe” e que o PP “priorice a súa alianza cos millonarios” emendando en materia de IRPF

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, avanzou hoxe que o vindeiro luns defenderá en Pleno a emenda á totalidade do Grupo Socialista con petición de devolución “para que a Xunta entenda que o proxecto de orzamentos non está á altura do que Galicia necesita”.

“Os orzamentos da Xunta e a emenda do PP contra o goberno autonómico en favor dos millonarios de Galicia amosan que estes orzamentos, ademais de carecer de impulso para a reactivación, compromiso co público e impulso para á xeración de emprego, son uns orzamentos da dereita nos que o PP quere priorizar a súa alianza cos máis ricos, cos millonarios de Galicia, en vez de fortalecer a sanidade, a educación e as políticas sociais”, censurou o dirixente socialista.

Neste sentido, Gonzalo Caballero criticou que o PP “incluso emende ao goberno da Xunta para que teña unha alianza férrea cos millonarios e se neguen a incrementar, tal e como dicía a propia Xunta, lixeiramente o imposto da renda a quen cobra máis de 100.000 euros ao ano” o que deixa ver “que goberno e que PP temos en Galicia”.

“Para reactivar Galicia necesitamos políticas de progreso e non políticas conservadoras, necesitamos políticas que fortalezan o público e que dean solucións aos problemas industriais, do medio rural e da mocidade galega, e non un goberno da Xunta que enterra os fondos que recibe, que os mete nun burato porque non ten capacidade, ambición nin estratexia para sacar adiante Galicia en momentos tan complexos”, sentenciou.

Así, lamentou que os orzamentos da Xunta non teñan “modelo económico” nin “proxecto” para a reactivación, malia que “grazas ás políticas progresistas marcadas dende España e dende a Unión Europea” Galicia poida alcanzar “máis de 11.000 millóns de euros nos orzamentos para 2022”.

MÁIS FONDOS PARA SANIDADE, EDUCACIÓN E POLÍTICAS SOCIAIS

Por todo isto, o voceiro socialista pediu a Feijóo “que reconsidere a súa política orzamentaria” que “un ano máis segue na inercia dos orzamentos de anos anteriores”. “Cómpre unha política orzamentaria distinta”, sinalou, que “responda a unha nova política económica” que fortaleza os servizos públicos, modernice a economía, xere emprego e loite pola igualdade.

Neste sentido, avanzou que o Grupo Socialista presentou emendas aos orzamentos en sanidade para incrementar o investimento en Atención Primaria, aumentar o número de profesionais sanitarios en Primaria e Hospitalaria, incluír un plan de saúde mental, promover hábitos saudables e contra trastornos aditivos ou realizar un programa de loita contra a adición ao xogo e ás apostas, entre outras cuestións.

No eido educativo, Gonzalo Caballero defendeu unha mobilización de fondos para ofrecer os libros de texto gratuítos, as primeiras taxas universitarias gratuítas, apostar pola dixitalización ou dispor de máis fondos para o profesorado que permitan unha mellora na “calidade” da educación pública galega.

En canto ás políticas sociais, o dirixente socialista sinalou que os orzamentos do goberno galego “carecen do compromiso necesario”, polo que propuxo aumentar as partidas destinadas a esta materia para reforzar o persoal de inspección dos centros residenciais e de día, ampliar o equipo de valoración da discapacidade, mellorar a Rede Galega de Atención Temperá, poñer en marcha un plan de loita contra a pobreza ou ofrecer a gratuidade as das escolas infantís “dende xa”.

MÁIS FINANCIAMENTO PARA A ADMINISTRACIÓN LOCAL

Ademais, Gonzalo Caballero propuxo “afondar” no financiamento do Servizo de Atención no Fogar, xa que, “a pesar de que o Grupo Socialista conseguiu un incremento do financiamento autonómico do SAF na Comisión de Reactivación que é salientable”, a Xunta aínda non o financia “da maneira en que debe facelo”.

En canto ao financiamento local, o voceiro parlamentario propuxo un aumento no financiamento para os concellos. “Non pode ser que, cando a Xunta vai recibir máis de 1.000 millóns de euros dos fondos europeos, non aposte polo municipalismo galego”, sinalou, logo de subliñar que os concellos son o “eslavón máis feble” das administracións públicas polo feito de recibir moitas competencias que non lle corresponden, sen recibir en paralelo o financiamento axeitado.

MÁIS PARTIDAS PARA MOCIDADE, EMPREGO E I+D+i

No plano da mocidade, o dirixente socialista destacou que, “mentres o PP baixa a partida destinada a mocidade”, o Grupo Socialista inclúe na súa emenda á totalidade un incremento nos programas específicos para este colectivo para levar a cabo un plan de emprego xuvenil ou poñer en marcha un plan de axudas á vivenda en alugueiro para a xente moza, entre outras medidas.

En canto ao emprego, incidiu, o PSdeG propón aumentar as partidas orzamentarias “para a mellora da empregabilidade”, especialmente das persoas paradas de longa duración e maiores de 45 anos, fomentar o emprego feminino e da xente moza ou reforzar as oficinas de emprego.

Así mesmo, en canto a I+D+i, a emenda á totalidade socialista inclúe un incremento nas partidas para impulsar un plan galego de I+D+i e partidas específicas para investigación sanitaria e universitaria. Para finalizar, Gonzalo Caballero sinalou que en materias como igualdade, industria, memoria democrática ou medio ambiente, tamén “as propostas do Grupo Socialista son distintas aos retrocesos que implica o PP”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08

Paloma Castro pídelle á Xunta que habilite a cobertura do espazo deportivo do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra

Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que…

24/04/2024 12:41