Categorías: Secretaría XeralUncategorized

Gonzalo Caballero propón 12 pactos para enfrontar os grandes retos do país: “A nosa proposta non vai de cheques en branco, vai de compromiso con Galicia para a reconstrución”

O líder socialista sinala a xeración de emprego como eixo clave e formula fortalecer a sanidade pública, reforzar o autogoberno, estimular a cogobernanza e abrir unha comisión de seguimento dos proxectos europeos

O secretario xeral chama a “converter en normal” que Feijóo dialogue cos líderes da oposición: “temos a obriga de traballar para dar oportunidades de futuro aos galegos e as galegas”

Caballero e Feijóo coincidiron na importancia de fortalecer o sistema de vacinación, de mellorar a saúde mental, de reformar a atención aos maiores e de explorar acordos en torno aos proxectos europeos

O dirixente do PSdeG reclamou cambios para unha política industrial activa, aumentar as axudas de rescate e reapertura do tecido produtivo, un catálogo xeral de servizos públicos e máis fondos para os concellos

Santiago, 26 de marzo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu hoxe á xuntanza co presidente da Xunta cunha proposta de acordo en torno a 12 eixos para enfrontar “os grandes retos do país” e encarar a reconstrución. “A nosa proposta non vai de cheques en branco, vai de compromiso con Galicia”, subliñou.

“O primeiro que lle transmitín ao presidente é a nosa vontade de colaboración”, manifestou o líder do PSdeG, na liña da “vontade construtiva e propositiva” que xa avanzara de cara a esta xuntanza. “Nós entendemos o goberno como unha tarefa común e exercemos a oposición con lealdade e ánimo de colaboración”, engadiu.

Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque “neste momento, cunha crise de tanta envergadura, o interese de Galicia debe ser o único importante”. “Estou convencido de que é o que nos está a demandar a xente: que cada quen faga a súa parte para reconstruír Galicia”, apostilou, para sinalar que as diferenzas ideolóxicas e programáticas entre PSdeG e PP deben permitir o diálogo nunha situación de crise tan grave.

Así pois, dende a óptica de que “temos a obriga de traballar para dar oportunidades de futuro aos galegos”, o máximo responsable do PSdeG debullou unha axenda de traballo en torno á mellora dos servizos públicos e, en primeiro termo, do sistema de vacinación; á reactivación económica e a xeración de emprego como eixo clave e á loita contra a desigualdade derivada da crise.

EIXOS PARA O ACORDO

En concreto, Gonzalo Caballero propuxo mellorar os plans de axudas directas para os sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalería, o comercio, o deporte, a cultura ou o ocio nocturno; traballar pola modernización da nosa industria e dos sectores primarios e apostar polo coñecemento, a ciencia e a innovación “para impulsar o futuro”.

A mellora dos servizos públicos co establecemento dun catálogo xeral de prestacións foi outro dos puntos nos que se baseou o diálogo co presidente da Xunta, así como a importancia de atender os riscos de pobreza e exclusión. Neste punto, o dirixente socialista fixo fincapé na situación das mulleres, que sofren “con máis dureza” as consecuencias das crises, e na mocidade, actualmente sen expectativa de futuro.

“Non nos podemos permitir que unha nova xeración teña que emigrar do país”, advertiu, consciente da importancia de atender o reto demográfico e de vertebrar o territorio para evitar o abandono do medio rural. Ao fío diso, resaltou a necesidade de contar con infraestruturas de calidade, de comprometérmonos coa sustentabilidade ambiental e de atender o dereito á vivenda.

Ademais, Gonzalo Caballero formulou a apertura dunha comisión non permanente que poida avaliar e facer seguimento dos fondos europeos que reciba Galicia para desenvolver proxectos encamiñados á reactivación económica e á modernización. En paralelo, propuxo estimular a cogobernanza, reforzar o autogoberno galego coa transferencia de 30 competencias e aumentar os fondos que reciben os concellos fronte á crise, unha cuestión na que non houbo acordo co presidente da Xunta.

“NORMALIDADE”

Finalmente, o secretario xeral do PSdeG chamou a “converter en normal” as xuntanzas do presidente da Xunta cos líderes da oposición. “É o normal nunha democracia”, considerou, partidario de “traballar xuntos” para avanzar tamén co goberno de España nos proxectos máis importantes para Galicia.

“Sei que moitas veces non imos coincidir na orientación das políticas, pero sei que poderemos coincidir nas necesidades e intereses das galegas e dos galegos”, concluíu Gonzalo Caballero.

CONTIDO DA XUNTANZA

Tras unha xuntanza que se prolongou durante case tres horas, o presidente da Xunta e o líder do PSdeG coincidiron na importancia de poñer todos os medios necesarios para un axeitado plan de vacinación. Caballero instou a abordar un plan extraordinario de contratación e estabilización de persoal para o sistema sanitario público.

Ademais de reclamar melloras en atención primaria e hospitalaria, o secretario xeral do PSdeG instou a mellorar as prestacións en saúde mental, e conseguiu o compromiso do presidente de contratar 120 profesionais máis neste eido antes de fin de ano.

No que atinxe ao rescate dos sectores afectados polas restricións, Gonzalo Caballero reclamou unha boa xestión do plan de axudas directas aprobado po goberno de España, e que faga aportacións dende as arcas autonómicas. Ademais, demandou un programa de reapertura dos negocios que tiveron que pechar e que “deben seguir sendo parte do futuro da economía do país”.

Ambos dirixentes repasaron a situación da industria de Galicia e Caballero requiriu unha política industrial “máis activa” por parte da Xunta para abordar os retos do sector da automoción, o papel, o aluminio, o mar e o naval.

Así mesmo, o dirixente socialista pediu que o emprego sexa “factor determinante” á hora de fixar os proxectos que opten a fondos europeos. Nesta liña, Caballero aceptou estudar os proxectos aprobados onte polo Consello da Xunta e amosouse disposto a respaldar todos aqueles que sexan positivos para a reactivación de Galicia.

En paralelo, chamou a incrementar a inversión en I+D+i ata o 1,5% do PIB en dous anos e solicitou que se manteñan o nivel de inversión en investigación sanitaria da Xunta este ano ao longo de toda a lexislatura.

No eido social, Gonzalo Caballero pediu traballar nun novo modelo de residencias de maiores e o presidente comprometeuse a presentalo proximamente. Tamén formulou o líder socialista a importancia de que a Xunta financie debidamente o servizo de axuda no fogar que están levando adiante os concellos, así como de traballar en sendos plans contra a pobreza infantil e soidade non desexada.

Finalmente, Gonzalo Caballero sinalou a importancia do diálogo político, económico, social e municipal. Ante a carencia de modelo da Xunta para a reactivación, instou a traballar nun plan estratéxico de Galicia para esta década, priorizando a modernización, o emprego, a loita contra a desigualdade e a vertebración territorial. Ao respecto, o presidente trasladou a súa intención de poñelo en práctica.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Nicolás González Casares esíxelle a Xunta e PP que se sumen ao consenso na defensa do galego: “se o PP quere, o galego será lingua oficial en Europa en cuestión de meses”

Participa na manifestación na defensa da lingua celebrada en Compostela   O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares,…

17/05/2024 14:16

Besteiro, na homenaxe a Luísa Villalta: “A defensa da nosa lingua é hoxe máis necesaria que nunca”

O secretario xeral do PSdeG lembra que os socialistas adiantaron no Parlamento o 11 de abril un gran pacto polo…

17/05/2024 13:31

O PSdeG constitúe o comité de campaña para as eleccións europeas

Nicolás González Casares, Lorena Guerra e Elba Veleiro forman parte da candidatura de España nas eleccións europeas do próximo 9…

16/05/2024 19:04

Carlos López Font esíxelle á Xunta que cumpra coa legalidade no transporte de viaxeiros por estrada

Denuncia a “escasa ou nula transparencia” por parte do goberno galego e alerta dun empeoramento no servizo   O portavoz…

16/05/2024 18:29

Paloma Castro urxe á Xunta a “desatascar” o proxecto de dragaxe do Lérez

denuncia que o PP leva 13 anos tomándolle o pelo aos pontevedreses e pontevedresas mantendo bloqueada a actuación   A…

16/05/2024 18:27

Elena Espinosa esíxelle á Xunta que responda cun Plan de continxencias ao “clamor da rúa” polas eivas na sanidade de Vigo no verán

Reclama un “cambio real” para evitar que se repita o colapso da Atención Primaria e Hospitalaria do pasado verán provocado…

16/05/2024 13:32