O secretario xeral do PSdeG esixe a Feijóo deixar a “tibieza” e aclarar “se está disposto a pactar cunha forza como Vox”
Vigo, 22 de marzo de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe na presentación das candidaturas socialistas ao Congreso e o Senado na provincia de Pontevedra, un foro no que chamou á cidadanía a mobilizarse de cara á cita coas urnas. “Non pode quedar ninguén na casa”, sinalou.
“Hai que mobilizarse fronte ao retroceso que busca a dereita e para impulsar ao goberno progresista de Pedro Sánchez”, enfatizou o líder dos socialistas galegos, consciente de que o próximo 28 de abril están en xogo “dous modelos: o da dereita que abraza á ultradereita e o do progreso” que encarna Pedro Sánchez.
“Estamos motivados e con forza”, proseguiu Gonzalo Caballero, quen criticou a “tibieza” amosada polo presidente da Xunta ante os pactos do seu partido coa ultradereita. “Ten que aclarar se está disposto a pactar cunha forza como Vox”, incidiu.
Nesa liña, o máximo dirixente do PSdeG fixo fincapé en que o PP “abandonou ao electorado moderado”, o que explica que actualmente teña “a expectativa de voto máis baixa nunhas eleccións xerais dende 1982”. Por iso, abundou, “o tempo do control político da dereita chegou ao seu fin”.
No acto tamén interveu o secretario provincial do PSOE en Pontevedra, David Regades, quen puxo o foco tamén na “forza” coa que os socialistas afrontan esta cita coas urnas e para a que presentan unhas candidaturas de homes e mulleres “con solvencia e capacidade” que contribuirán a reforzar o goberno de Pedro Sánchez.
Na presentación pública da lista nas cidades de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía tamén interviñeron a cabeza de lista ao Congreso, Olga Alonso; o número dous da candidatura, Guillermo Meijón; e o primeiro aspirante ao Senado, Modesto Pose.