O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, levará ao Pleno desta semana unha proposición de Lei para regular a actividade dos grupos de interese ou lobbies en Galicia. Os socialistas queren que a Xunta incorpore os requisitos esixidos pola UE e faga públicos por Lei tódolos contactos que mantén con estes actores á hora de elaborar os anteproxectos de Lei e os proxectos de decreto.
Díaz Villoslada propón incorporar así á normativa galega “a regulación do que a doutrina denomina habitualmente pegada normativa, e que fai referencia á publicidade dos contactos que a Administración pública manteña cos grupos de interese” durante a elaboración das normas. Estes deberán reflectirse, dixo, “nun informe que se publicará no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia, co obxectivo de asegurar que a influencia sexa transparente e non desproporcionada”.
Reclamou así unha “correcta información” das prácticas destes grupos e supeditar a súa actividade ás esixencias de transparencia e a un código de conduta, diante do risco de que cheguen a ter un exceso de capacidade para influír no sentido das decisións do goberno.
Lembra que a Lei de transparencia e bo goberno aprobada por Feijóo en 2016 “deixa fora do seu ámbito a actividade concreta aos grupos de interese”. Esta Lei, sinala, “non abrangue á actividade dos lobbies máis alá das relacións contractuais ou de subvención que manteñan coa administración autonómica”.
O texto que presenta o parlamentario socialista establece un Rexistro de grupos de interese público e gratuíto, así como das súas actividades diante da Xunta de Galicia, ou a coordinación e control do relacionado con eles por parte do Valedor do Pobo. Tamén incorpora un réxime sancionador e mecanismos de colaboración coas entidades locais e co Parlamento de Galicia para promover a transparencia da súa actividade.