O secretario xeral recorda que Rajoy, coa complicidade de Feijóo, deixou sen executar 2.000 millóns de euros orzamentados para Galicia e “bloqueou” o traspaso da AP-9
Vigo, 12 de abril de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comezou a campaña electoral cun reparto electoral este venres en Vigo, cidade na que destacou que o PSOE é “o voto útil para que os avances sociais cheguen á maioría” e para que “ninguén quede na cuneta” nun contexto de “desigualdade crecente”.
“En 10 meses de goberno, o país foi a mellor, con medidas moi importantes, como a suba das pensións e do salario mínimo ou a universalización da sanidade”, recordou Gonzalo Caballero, ao tempo que sinalou a importancia de “seguir” nesta senda porque “queda moito por facer”.
Sobre todo, como dixo o líder dos socialistas galegos, porque a alternativa son “os recortes de Feijóo, Rajoy e Casado”. “Os socialistas temos unha prioridade social fronte ao retroceso que implican a dereita e a ultradereita”, recalcou.
“Xogámonos moito”, advertiu Gonzalo Caballero, para sacar a colación que “o PP gobernou sete anos en España e leva dez gobernando en Galicia” e o que supuxo foron “incumprimentos con Galicia”. Rajoy, que está hoxe en Pontevedra con Ana Pastor, “orzamentou para Galicia 2.000 millóns de euros que non gastou”.
Do mesmo xeito, proseguiu o máximo dirixente do PSdeG, “nin Feijóo, nin Rajoy, nin Ana Pastor teñen credibilidade para falar de infraestruturas” ou de cuestións como a transferencia da AP-9, que o PP “bloqueou” e “nin permitiu que se debatira” no Congreso dos Deputados.
“RECENTRALIZACIÓN”
Ademais, engadiu, os populares “abrazáronse a un programa de ultradereita” que fala da “recentralización das competencias” mentres o seu propio manual di que “non se poden facer máis transferencias”.
Por tanto, concluíu Gonzalo Caballero, “non teñen credibilidade” porque “non fixeron o traspaso da AP-9 cando gobernaban e agora plantexan un programa de goberno totalmente manexado pola ultradereita”.
En cambio, remarcou o líder socialista, o goberno de Pedro Sánchez, en 10 meses e en minoría, “conseguimos que a transferencia da AP-9 puidese ser sometida a debate” na Cámara baixa.