A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou no Parlamento unha serie de iniciativas parlamentarias responsabilizando á Xunta de deixar desasistidos aos 11 membros do xurado que participaron no xuízo do “crime da rozadora” da Cañiza. Sinala ao goberno galego como responsable da “absoluta imprevisión” con estes cidadáns que tiveron que soportar condicións draconianas nos dous días que durou o xuízo.
A responsable socialista advertiu que os membros do xurado tiveron que soportar as horas que duraron as deliberacións “sen botellas de auga, nin comida decente, nin cea –tiveron que desprazarse a unha bocatería escoltados pola Policía Nacional- e, nin sequera, de habitacións dispoñibles á hora que saíron da Audiencia”.
Criticou a falla de previsión para garantir unhas condicións mínimas, que foron atendidas “de forma improvisada e no último momento”, do que responsabilizou á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia.
Salientou a presión a que se ven sometidos os 11 cidadáns legos en Dereito que son escollidos para exercer como xurado popular e acusou de “absoluto desentendemento e imprevisión” ao Conselleiro de Xustiza no trato que se lles proporciona, a pesar de coñecer o resultado dos sorteos de xurado con 2 ou 3 meses de antelación a que comecen os xuízos.
Acusou ao Goberno Galego de impor estas responsabilidades á Dirección Xeral de Xustiza “cando hai anos era o propio persoal da Xunta de Galicia quen xestionaba este tipo de trámites”. Vilán apuntou ao conselleiro de Xustiza pola total imprevisión nos coidados e dereitos dos cidadáns xurados neste xuízo e sinalou que “incluso tivo que vir a Policía Nacional a escoltalos para que puidesen saír a cear”.
O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia reclamoulle á Xunta de Galicia a “nomear a unha persoa responsable de xestionar todos os trámites relacionados coa intendencia relacionada cos cidadáns xurados que participan nos xuízos con xurado popular nas audiencias provinciais de Galicia e evitar que se repitan situacións coma estas”.