Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero esixe a Feijóo unha “Xunta do benestar” tras “12 anos debilitando os servizos públicos”: “Galicia está á cola de España en servizos sociais e cunha sanidade debilitada”

O secretario xeral denuncia que Galicia “é a número 13 das 17” no desenvolvemento dos servizos sociais, que “son dereitos que os galegos e as galegas necesitan e merecen”

O líder socialista reclama 5.000 novas prazas no Sergas para reforzar a atención primaria, a vacinación e as urxencias, aliviar as listas de espera e avanzar cara a presencialidade

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levou hoxe ao pleno do Parlamento as “eivas” na sanidade pública e nos servizos sociais de Galicia como consecuencia do “debilitamento” inflixido polas políticas do PP durante 12 anos na Xunta e da súa “falla de compromiso” co público.

“Ante unha crise como esta, tan profunda no económico e no social, necesitamos fortalecer os servizos públicos”, reivindicou o líder do PSdeG ante o presidente autonómico, consciente de que “no ano no que Galicia recibe máis fondos extraordinarios do goberno de España, a Xunta ten que construír un escudo protector para os galegos e as galegas que tan mal o están pasando”.

“Póñase a carón das familias, é o momento de construír a Xunta do benestar”, reclamou Gonzalo Caballero, logo de denunciar que “Galicia está a cola de España” no desenvolvemento do sistema de servizos sociais e de sinalar que o propio conselleiro de Sanidade recoñeceu que farán falta dous anos para que a sanidade pública volva á situación que tiña antes da covid, cando “xa non estaba ben”.

“Preocúpanos que Galicia sexa a decimoterceira comunidade en desenvolvemento dos servizos sociais, cun gasto anual por habitante de 367 euros fronte aos 406 da media de España e con só un profesional de servizos sociais por cada 2.500 habitantes mentres en España hai un por cada 1.875 persoas”, reflectiu o dirixente socialista.

Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero subliñou que Galicia tamén está por debaixo da media estatal en cobertura das atencións por dependencia, que ten menos da metade de prazas públicas en residencias por cada 100 maiores, que a cobertura de teleasistencia en Galicia é cinco veces inferior ao dato de España e que faltan 2.000 prazas en escolas infantís.

Entre outros datos, o voceiro do Grupo Socialista fixo fincapé en que Galicia non chega á media de España en canto a prazas residenciais, diúrnas e ocupacionais para persoas con discapacidade, ao igual que en prazas de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero. Así mesmo, sinalou que só tres de cada 100 maiores teñen servizo de axuda no fogar fronte aos cinco de España, ao tempo que recalcou que a maior cantidade de horas ten que ver con que “o pagan os concellos”.

“E se os servizos sociais amosan a súa falla de compromiso, señor Feijóo, o mesmo ocorre coa sanidade”, recalcou Gonzalo Caballero, antes de afondar nun aumento das listas de espera que leva hoxe a agardar 18 días máis para entrar en quirófano -ata os 72 días- ou oito días máis para ver un especialista -ata 49 xornadas-.

Advertiu tamén dos problemas nas urxencias e na atención primaria, polo que reclamou 5.000 novas prazas no Sergas ao longo deste mandato. “Cómpre reforzar o sistema para atender e para vacinar”, argüíu, antes de rexeitar que “a Xunta queira converter o Sergas nun call center no que é o persoal de administración o que decide se un paciente ten dereito a atención presencial”.

“DEBILITANDO COA BOCA PEQUENA”

“Coa boca pequena, a dereita vai debilitando os servizos públicos en Galicia: sábeno hoxe milleiros de familias en Galicia que non teñen praza nunha residencia, nunha escola infantil ou que agardan semanas para ser atendidos polo médico”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen esixiu a Feijóo que “rectiique” porque “os galegos e as galegas non merecen isto”.

“É fundamental facer unha aposta decidida polos servizos públicos para construír un escudo protector da xente fronte á crise”, recetou o responsable do PSdeG, consciente de que os servizos públicos “son dereitos que os galegos e as galegas necesitan e merecen”.

“Non queremos ter unha comunidade de segunda nos seus servizos”, apostilou e, aínda que sinalou que “non podemos confiar na dereita polo retroceso que implica” para o eido público, amosou a súa “man tendida” para corrixir esta situación.

E, fronte á “realidade ficticia” que trata de pintar Feijóo sobre a situación dos servizos públicos en Galicia, Gonzalo Caballero criticou esa “falta de pudor”. “Onde están as súas medallas, señor Feijóo?”, inquiriu, antes de requirirlle “empatía, sensibilidade” e que “baixe do pedestal”, porque na protección da cidadanía “non é o mellor acompañante”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Elena Espinosa esíxelle á Xunta que responda cun Plan de continxencias ao “clamor da rúa” polas eivas na sanidade de Vigo no verán

Reclama un “cambio real” para evitar que se repita o colapso da Atención Primaria e Hospitalaria do pasado verán provocado…

16/05/2024 13:32

Carmen Dacosta reclámalle á Xunta que mellore a planificación dos recursos sanitarios diante da “situación catastrófica” da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Esíxelle á nova xerencia da área que reforce o persoal sanitario para garantir a asistencia sanitaria de calidade que merecen…

16/05/2024 13:28

Julio Abalde reclámalle á Xunta que “poña as pilas” e elabore un Plan estratéxico diante da caída da produtividade marisqueira

Reivindica axudas para garantir a supervivencia dun sector estratéxico para Galicia   O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio…

15/05/2024 14:38

Paloma Castro acusa á Xunta de “retroceder máis de 20 anos” nas política de Igualdade por seguir as teses da extrema dereita

Censura a devaluación da antiga Secretaría Xeral de Igualdade no novo goberno e alerta de que a reintegración do concelleiro…

15/05/2024 14:05

Besteiro esíxelle a Rueda “valentía” para atender ás demandas de transparencia formuladas pola Valedora e o Consello de Contas

Repróchalle ao presidente da Xunta que o PP se descolgara onte dun acordo parlamentario para pedir a continuidade das bonificacións…

15/05/2024 11:56

O Parlamento aproba a proposta socialista para instar á Xunta a promover políticas que impulsen a incorporación da muller ao traballo de calidade

Carmen Rodríguez Dacosta criticou que o PP, cando chegou ao Goberno no 2009, “eliminou todas as políticas de igualdade no…

14/05/2024 20:09