O líder dos socialistas galegos insta á Xunta a aproveitar os fondos europeos e a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial do goberno de España para situar a Galicia “á vangarda e non á cola de Europa”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) para coñecer de preto a actividade deste organismo da USC e reflexionar sobre “a Galicia que queremos no futuro”.
“Galicia ten recursos e capacidade para desenvolver unha estratexia dixital que nos faga estar á vangarda do emprendemento, do futuro, da tecnoloxía, e non sempre atrasados cunha fenda dixital que nos pon á cola de España e de Europa”, aseverou.
O líder dos socialistas galegos pediu ao goberno galego que “traballe por un gran acordo” no que se aposte pola intelixencia artificial (IA) como “mecanismo de competitividade e modernización de Galicia”, xa que o noso país “ten potencial para gañar os retos dun futuro dixital” que conte con computación avanzada, tecnoloxías intelixentes ou robots persoais.
“Se non nos movemos e Galicia non aposta por unha liña de emprendemento que capte fondos para a dixitalización e a IA, estaremos perdendo posibilidades para saír desta crise con vías de futuro”, sentenciou o socialista, quen lembrou que “a IA é un mecanismo fundamental para facer avanzar a nosa capacidade produtiva, a Galicia na que vivimos e tamén a interrelación entre todos nós”.
Así a todo, Caballero sinalou que nesta pandemia “avanzamos cara unha nova realidade”, o que supón que “o futuro de Galicia será dixital ou non será futuro”, polo que instou a aproveitar os fondos europeos Next Generation para “optar a grandes recursos que reactiven noso país e traballen por esa Galicia dixital”.
“APROVEITAR O POTENCIAL”
Doutra banda, o máximo dirixente dos socialistas galegos puxo en valor os 600 millóns de euros que o goberno de España vai dedicar a desenvolver a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial.
“Temos que conseguir que organismos como CiTIUS sexan unha referencia na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial para que Galicia estea á cabeza e non á cola, e así poidamos aproveitar o potencial dos nosos investigadores, das nosas empresas e dos nosos centros universitarios, que poden supoñer un avance na fronteira do coñecemento do mundo dixital e das tecnoloxías intelixentes”, sinalou.
8M
“Somos fondamente feministas, poñemos en valor o 8M como referencia fundamental para defender a igualdade e os dereitos da muller, pero nestas circunstancias cremos que é máis importante facer actos simbólicos e virtuais que manifestacións multitudinarias”, sinalou o líder dos socialistas galegos ao ser preguntado polos actos do Día da Muller.
Por iso, o secretario xeral dos socialistas galegos fixo un chamamento á prudencia e á responsabilidade e sinalou que o PSdeG non vai convocar nin participar en actos multitudinarios para conmemorar o 8M. “Preferimos facer actos simbólicos e virtuais que compatibilicen a defensa do feminismo coa responsabilidade e a loita contra o virus”, concluíu.