Categorías: Secretaría Xeral

G. Caballero propón un “plan progresista” para reactivar Galicia trala covid: “é tempo de falar de esperanza e non de darlle as costas aos galegos cando máis o necesitan”

O líder do PSdeG lamenta que o PP “diga non” a crear 5.000 novas prazas na sanidade, a manter o profesorado, a combater a desigualdade, a apostar pola industria ou a xerar emprego para 3.000 mozos e mozas: “o balance é a decepción”

Reclama á Xunta que saque “do colchón” os fondos extraordinarios que veñen do Estado porque “están mellor en mans da xente” á vista de que non teñen un proxecto para “construír un país máis forte”

O secretario xeral critica “a unilateralidade e a falla de vontade de diálogo” do PP, pero segue “tendendo a man” por “corresponsabilidade” porque “é momento de arrimar o ombreiro”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no pleno do Parlamento para presentar “unha proposta alternativa” para a reactivación de Galicia trala pandemia con máis de 300 medidas pensadas para “dar impulso, protección e esperanza aos galegos e ás galegas cando máis o necesitan”.

“É tempo de falar de esperanza, e a Xunta ten que ser unha aliada da xente”, remarcou o líder do PSdeG, partidario de que o goberno galego actúe como “catalizador” para a saída da crise. E que o faga, incidiu, “da man dos servizos públicos, enfrontando os retos da transformación ecolóxica e dixital, priorizando a xeración de emprego e apoiando á mocidade, ás mulleres, aos parados de longa duración e aos sectores máis vulnerables”.

Nese senso, Gonzalo Caballero debullou a proposta socialista impulsada na comisión de reactivación do Parlamento. Así, defendeu a creación de 5.000 novas prazas estables na sanidade pública, o aumento dos profesionais de servizos sociais nun momento no que Galicia conta cun traballador neste eido por cada 2.458 habitantes cando en España hai un por cada 1.875 ou o mantemento dos profesores para o próximo curso, e reprobou que “o PP di non”.

“O PP tamén di non”, proseguiu, a tomar medidas contra a pobreza e a desigualdade, a traballar para que “as mulleres non saian máis rezagadas desta crise”, a centrarse na reindustrialización de Galicia, a destinar a I+D+i o 1,5% do PIB galego, a contratar 2.000 investigadores, a aumentar a inversión en cultura ata o 1% do orzamento ou a un plan de emprego xuvenil para “dar unha oportunidade a 3.000 mozos e mozas”.

“O balance, por tanto, é a decepción”, recalcou o máximo dirixente socialista, crítico coa “unilateralidade” e a “falla de vontade de diálogo” amosado polo PP na comisión ao rexeitar “o 85% das propostas socialistas” e co feito de que a Xunta carece de medidas “de alcance, de contido” para encarar a saída da crise. “Carece de concreción e dun plan de futuro para o país”, reprobou.

Así as cousas, Gonzalo Caballero xulgou que o goberno galego “non sabe que facer” cos millóns de euros extraordinarios que o Estado consignou para Galicia nos anos 2020 e 2021. E, neste punto, concluíu que a Xunta “carece de capacidade de xestión”, polo que reclamou que esas contías se destinen á xente e a financiar as competencias que trasladou aos concellos sen darlles financiamento.

De feito, o responsable do PSdeG subliñou que eses fondos “están mellor nas mans da cidadanía” que “no colchón” da Xunta. “Non sigan acaudalando e axuden aos galegos e ás galegas que estiveron meses sen pegar ollo por mor das dificultades e dos problemas”, incidiu, ao tempo que esixiu a fin do “aldraxe ao municipalismo”. “Vostedes delegan as súas competencias aos concellos pero nos lles dan financiamento a pesar de a Xunta recibe inxentes cantidades de fondos”.

“SEGUIMOS TENDENDO A MAN”

A pesares de que Gonzalo Caballero reduciu o ditame impulsado polo PP trala comisión de reactivación a “unha carta aos reis magos” na que non figuran “medidas efectivas para xerar emprego” por parte dun goberno que foi incapaz de facelo nos 12 anos previos e na que tampouco hai plans de apoio para “os sectores máis danados pola pandemia”, asegurou que “seguimos tendendo a man” para colaborar na saída da crise.

“Por corresponsabilidade e porque é momento de arrimar o ombreiro”, argumentou o dirixente socialista, non sen afear ao PP que rexeitara colaborar con todas as forzas políticas para “construír un país máis forte” e para que a reactivación “chegue a todos os galegos e a todas as galegas”.

Por iso, a pesares de rexeitar o ditame global que incorpora o fondo de consenso, o Grupo Parlamentario Socialista abstívose na proposta de gasto para 115 millóns de euros. “Non podemos ser cómplices de que Galicia perda unha oportunidade histórica e de que a Xunta non se poña a carón da cidadanía, pero o noso desexo é que o goberno galego acerte, porque o seu acerto será o de todos os galegos”, finalizou Gonzalo Caballero.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04