Categorías: Secretaría Xeral

G. Caballero esixe a Feijóo que defenda “a Galicia verde” abandonando ás “políticas tóxicas”: “está en xogo o dereito ao futuro, porque non hai unha Galicia B”

Denuncia que dous dos seis parques naturais non teñen plan de xestión, que 72 especies en perigo de extinción carecen de plan de recuperación ou que aínda hai zonas nas que non se pode mariscar por contaminación das rías

O líder socialista subliña que “ata as grandes centrais foron máis ecoloxistas que a Xunta” ao adiantar a reconversión das plantas máis contaminantes que “só Feijóo seguía defendendo”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, centrou hoxe a sesión de control ao presidente da Xunta na necesaria loita contra o cambio climático, un eido no que denunciou “un claro déficit” por parte do goberno galego. “Non hai un planeta b nin unha Galicia b, por iso cómpre protexer a Galicia a: a Galicia auténtica, a Galicia verde”, remarcou.

“Está en xogo o dereito ao futuro”, incidiu Gonzalo Caballero antes de esixir a Feijóo que “abandone as políticas tóxicas” e que “aposte por unha axenda verde” para o noso país. “Galicia non pode ser a última comunidade de España en políticas medioambientais”, advertiu, para requirir ao mandatario “compromiso ecolóxico” tras o “suspenso rotundo” nesta materia por parte do seu goberno.

O líder socialista xustificou ese “suspenso claro” no feito de que Galicia é a última comunidade de España en porcentaxe de superficie protexida como Rede Natura, cun 11% do territorio fronte ao 27% da media estatal, ou en que “temos o peor plan director da Rede Natura de España” segundo WWF.

Esa cualificación tamén se mantén no que atinxe á “conservación real” dos parques naturais, toda vez que, tal e como referiu o máximo responsable do PSdeG, “dous dos seis” que existen en Galicia -as Fragas do Eume e a Serra do Xurés- carecen aínda de plan de xestión, o cal incumpre o marco legal.

No relativo á protección da flora e da fauna, Gonzalo Caballero denunciou que ningunha das 126 especies que se atopan en situación vulnerable contan cun plan de recuperación e que só o teñen tres das 75 en perigo de extinción. Todo iso, recordou, a pesares de que a lei de biodiversidade obriga á súa aprobación.

A continuación, criticou que a taxa de reciclaxe en Galicia “non chega ao 20% cando o obxectivo europeo está no 50%”, na liña da aposta da Xunta pola incineración. “Non apostan pola reciclaxe nin pola economía circular”, reprobou o voceiro do PSdeG no Parlamento galego.

A defensa da biodiversidade forestal tampouco foi unha prioridade da Xunta, reflectiu o dirixente socialista, consciente do “retroceso na protección dos bosques autóctonos” e dos problemas derivados dos incendios polo pouco coidado dos montes. Ademais, afondou en que 21 anos despois da aprobación da directiva europea da auga aínda hai “moitas zonas de Galicia onde non se pode mariscar pola contaminación”.

A maiores, o voceiro parlamentario do PSdeG censurou que hoxe o orzamento da Xunta para políticas de medio ambiente sexa “un 35% máis baixo” que hai 12 anos, o correspondente ao último ano do goberno progresista presidido por Emilio Pérez Touriño. “A súa nota, señor Feijóo, é un suspenso claro”, remachou Gonzalo Caballero, crítico coa “ausencia de compromiso verde” do PP.

MODELO ENERXÉTICO

Outro aspecto no que baseou Gonzalo Caballero o “suspenso” da Xunta en política medioambiental foi a mala planificación do modelo enerxético. “Obviaron as dificultades do carbón e vostede seguiu defendendo ese modelo contaminante cando xa non o facían nin as propias empresas”, reprobou.

De feito, o máximo dirixente do PSdeG acusou a Feijóo de actuar como “delegado” de empresas que producían enerxía con carbón e que se amosaron “máis ecoloxistas que vostede” cando decidiron reconverter a súa actividade antes do prazo estipulado.

E, logo de criticar que o goberno galego pasou de “desprezar as enerxías renovables” a “avanzar sen rumbo” por esta vía, Gonzalo Caballero tendeu a man para selar “un pacto verde” en Galicia.

Neste escenario, o responsable do socialismo galego instou a Feijóo a “facer unha emenda á totalidade á súa política medioambiental” para sacar a Galicia “do último posto da lista”. “Ten que elixir entre ser un axente do cambio ou un axente contaminante”, finalizou Gonzalo Caballero.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04

Paloma Castro considera “incomprensible” a negativa do PP a resolver os problemas viarios provocados pola ampliación da vía de acceso ao Montecelo

Esíxelle á Xunta e Concello que “deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema serio para…

02/05/2024 14:02