Categorías: ActualidadeNovasPortadaSecretaría Xeral

G. Caballero destaca que “con lealdade e con unidade, o Partido Socialista é imparable” e volverá acadar “resultados históricos en Galicia” nas locais e xerais de 2023

O secretario xeral do PSdeG reafirma o seu compromiso de “seguir traballando por unha Galicia de progreso e de modernidade” co apoio da militancia

O líder socialista participou na presentación do libro sobre a historia do socialismo coruñés, “un espello no que mirarnos con orgullo para aprender do ben feito e seguir facendo cousas ben”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, proclamou hoxe na Coruña que “con unidade e con lealdade, o Partido Socialista é imparable”. “Estamos en condicións”, salientou durante a presentación dun libro sobre a historia da agrupación socialista coruñesa, “de seguir remando con forza para volver colleitar resultados históricos en Galicia nas eleccións municipais e xerais que se celebrarán en 2023”.

Para iso, tal e como remarcou o líder socialista, “temos que seguir pendentes dos problemas do país e da xente, reactivando e adaptando o noso proxecto aos novos tempos, pero sempre sendo un instrumento útil aos galegos e ás galegas”.

Gonzalo Caballero realizou estas declaracións hoxe, no reitorado da Universidade da Coruña, durante o acto de presentación do libro ‘Un viaje a la historia del socialismo coruñés del siglo XX y XXI’. Alí expresou o seu desexo de que, no ano 23, “Galicia siga tendo á maioría da súa cidadanía gobernada por alcaldes e alcaldesas socialistas” e de que “sigamos tendo un goberno de progreso e socialista en España”.

Con eses obxectivos reafirmou a súa vontade de “seguir traballando por unha Galicia de progreso e de modernidade”. “Ese”, salientou Gonzalo Caballero, “é o meu compromiso e para iso pido o apoio á toda a militancia: para seguir traballando por unha Galicia mellor, sempre cun PSdeG que cando é útil a Galicia é o mellor PSdeG na tradición fundada por Pablo Iglesias”.

Neste contexto, Gonzalo Caballero manifestou a súa confianza plena “no meu partido e na militancia do PSdeG”. “Esta é” reivindicou, “a miña familia, a nosa familia socialista, e necesitamos que esta familia teña toda a forza e toda a capacidade para seguir sendo o mellor partido útil para os galegos e para as galegas”.

“IMPULSO” DAS ALCALDÍAS SOCIALISTAS

Neste contexto, o secretario xeral do PSdeG destacou a fundamental achega realizada polo partido na Coruña á construción do proxecto socialista para o conxunto de Galicia. “E creo”, incidiu, “que esta cidade ten que seguir sendo unha referencia, porque o futuro de Galicia vaise xogar tamén coa capacidade que teñan as cidades de liderar unha política de vangarda, emprendedora, de modernidade e de futuro”.

Por iso, engadiu Gonzalo Caballero, “precisamos tamén que o impulso das alcaldías socialistas referende a capacidade  de facer políticas de progreso fronte un Partido Popular na Xunta que opta pola inacción e pola falla de compromiso”.

Así, aludiu aos múltiples problemas na sanidade ou na educación pública para os que a única resposta de Feijoo é a política dos grandes anuncios e titulares cando a realidade é que “cando temos que pedir unha cita en atención primaria, temos que esperar unha ou dúas  semanas ou ata 26 días como ocorreu este verán”.

Fronte a ese discurso “que a dereita quere impoñer no país” e fronte a esa política de “titulares” que “non é a real”, o máximo responsable do PSdeG apelou a “conseguir mobilizar a toda a organización socialista para recuperar a capacidade que temos e enfrontar eses vindeiros retos electorais do 2023”.

Esa mobilización da organización, como dixo, debe sustentarse na mobilización das ideas e os valores socialistas, “que son os máis potentes para transformar o mundo” e que se fan máis necesarios que nunca nun inicio de curso político “moi complexo” na medida en que “a dereita e a ultradereita seguen sen asumir os seus resultados”.

“A ESQUERDA REAL”

Nesta liña, Gonzalo Caballero lembrou que “non é o mesmo saír dunha crise coma esta pola dereita -con recortes e axustes- que facelo pola esquerda -con políticas expansivas-” e que, por iso, “temos que facer bandeira do noso ADN”.

Así, o secretario xeral animou a todos e todas as socialistas a “facer pedagoxía” e a recordar que “se somos socialistas é porque cremos na igualdade de oportunidades e en que esa igualdade é un requisito imprescindible para que poidamos defender a liberdade e a xustiza social”.

Un modelo que “defende os dereitos individuais a través da acción colectiva” e que se contrapón co dunha dereita “que obstrúe as capacidades de liberdade e de desenvolvemento para tantos e tantas cidadás do noso país”, tal e como subliñou.

Neste contexto, o líder do socialismo galego animou a traballar en tres niveis: o das ideas e os valores, o do compromiso e a militancia e o da capacidade para aplicar políticas transformadoras onde gobernamos. “Se non o facemos, non haberá quen o faga”, advertiu Caballero antes de lembrar que, en Galicia, “a esquerda real é a que lidera o PSdeG”.

Nesta liña, recordou que xa a nivel estatal os socialistas “tivemos a capacidade de cambiar o relato que dicía que nos superaban polos extremos rupturistas” e “volvemos ser a primeira forza política de España sen estar supeditados ás estruturas da dereita e do poder”. “Foi”, lembrou Gonzalo Caballero, “grazas á organización e á militancia, que segue a ser vital para os próximos retos electorais”.

“EXERCICIO DE MEMORIA”

En paralelo, na súa intervención na presentación do libro, o secretario xeral do PSdeG puxo de relevo que a historia do socialismo coruñés é “un espello no que mirarnos con orgullo para aprender do ben feito e seguir facendo as cousas ben”. Nese “exercicio de memoria”, Gonzalo Caballero apuntou que “podemos impregnarnos dos mellores valores” aínda que “non para recrearnos, senón para construír o futuro”.

O líder do PSdeG salientou o papel xogado polo socialismo coruñés na consecución de diferentes gobernos locais que impulsaron a transformación da Coruña ata convertela “nunha cidade de referencia”. Tamén remarcou a súa destacada contribución para acadar o goberno da Xunta con Fernando González Laxe ou con Emilio Pérez Touriño, ademais de diferentes gobernos de España.

O libro ‘Un viaje a la historia del socialismo coruñés del siglo XX y XXI’ foi coordinado por Antonio Campos Romay e Jesús Penendo Pallas coa asesoría histórica de Luis Lamela García. Na presentación, ademais de Antonio Campos Romay, participaron a secretaria xeral do PSOE coruñés, Eva Martínez Acón, a ex secretarios xeral da Agrupación como Marián Ferreiro e quen foi alcalde, Javier Losada, e tamén o presidente da Xunta Fernando González Laxe.

Tamén interviron, a través dunha gravación de vídeo, o ex secretario xeral local José Nogueira e a presidenta do PSOE, Cristina Narbona. Narbona recoñeceu o traballo dos e das socialistas coruñesas por impulsar a cidade e salientou o traballo feito polo goberno de España ante a crise por potenciar a reactivación.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08

Paloma Castro pídelle á Xunta que habilite a cobertura do espazo deportivo do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra

Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que…

24/04/2024 12:41