O líder do PSdeG visita unha empresa de compoñentes cardiovasculares afincada en Ames, que demostra que “existen iniciativas que buscan soñar unha Galicia distinta na que o talento teña unha oportunidade”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle hoxe á Xunta que fixe o gasto en I+D+i como prioridade político económica, incrementando o invetimento ata acadar o 3 por cento do PIB, tal e como fixa a Estratexia de Lisboa. Así o dixo logo da visita á empresa de compoñentes cardiovasculares Conic Vascular, afincada en Bertamiráns -Ames-.
O responsable socialista sinalou que esta empresa demostra que “existen iniciativas que buscan soñar unha Galicia distinta, onde o talento teña a súa oportunidade”, con xente nova formada en ciencia e investigación. Explicou que a innovación tecnolóxica constitúe “a terceira gran pata económica en Galicia” -xunto coa industria e o sector agrogandeiro- que “está moi devaluada”.
Advertiu que “sen investigación nin avances tecnolóxicos a xente nova terá moi poucas oportunidades, e seguirán vendo Galicia como o territorio ao que volver en Navidade”, precisamente “o que queremos evitar”.
Valentín González Formoso realizou a visita á empresa Conic Vascular, afincada en Bertamiráns, logo de reunirse no Concello de Ames co seu alcalde, o socialista Blas García, con quen analizou varios proxectos locais e a situación do Concello.