O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Raúl Fernández, advertiu hoxe unha “falla de autocrítica preocupante” na Xunta logo da vaga de lumes do pasado mes de marzo. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que alertou ao goberno galego fronte aos “tics” demostrados ao “centrarse en buscar culpables máis que en atopar solucións”.
O responsable socialista comparou a reacción do goberno galego sinalando unha suposta “intencionalidade” dos lumes, idéntica á busca de “tramas incendiarias” na vaga de lumes do outono de 2017 “ata que a Fiscalía negou a súa existencia”. Desta volta, dixo, o presidente da Xunta tivo que corrixir a súa versión oficial “cando houbo outros indicios de causas”.
Fernández sinalou que “só a análise rigorosa dos erros e dos acertos aporta eficacia no futuro”, unha tarefa que, dixo, “lamentablemente non se está a facer”, a pesares de detectar uns lumes con elevada “virulencia e intensidade” que os fai “máis destrutivos”, mentres a súa “desestacionalización” os converte en altamente perigosos.
Lembrou que nos tres primeiros meses do ano, en pleno inverno, xa ardeu máis superficie que en todo 2018, xerando ademais “alarma social, medo, pánico, noites horribles e o desaloxo de centros educativos ou vías de comunicación”. Por iso reclamoulle á Xunta que “analice o grao de implementación e efectividade das medidas a adoptar antes de poñerse a buscar aos supostos incendiarios”.