O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe a “fuxida para adiante” do conselleiro de Sanidade logo do “plante” desta semana a unha xuntanza co Ministerio para tratar a situación da Atención Primaria. Nunha intervención na Comisión de Sanidade, o responsable socialista acusou ao conselleiro de “presumir diante dos seus de que rebenta reunións de traballo co Ministerio”.
Torrado criticou ademais que a Xunta tildara de “electoralista” a convocatoria do Goberno, ironizando sobre que “as reunións do Ministerio son electorais pero as da Consellería non”, en alusión ao encontro cos médicos para desconvocar no último momento a folga desta semana sen datas nin orzamentos. Criticou o desleixo do goberno galego logo de dez anos nos que reduciron o persoal sanitario en 1.250 profesionais e deixaron sen pedir un total de 150 prazas MIR.
O responsable socialista interveu na comparecencia en Comisión da responsable da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde –Acis-, na que sinalou as advertencias do Consello de Contas fronte a que “amparen” fundacións de investigación que escapan ao control financeiro. Advertiu do perigo de utilizar as fundacións de investigación sanitaria “para contratar persoal que fai traballo asistencial nos hospitais”.
Apuntou así que os investimentos da Acis para este ano reducen un 6,1 por cento a partida destinada ao persoal, a pesares de que “manteñen a mesma plantilla de 32 traballadores e traballadoras coa mesma estrutura de categorías”.
O parlamentario socialista aludiu neste sentido á noticia coñecida esta mesma mañá dunha nova condena do TSXG contra o Sergas por ter encadeado contratos a unha doutora de forma “torticeira” e “fraudulenta”. Sinalou que “a realidade abofetea á Xunta sobre a súa xestión da Sanidade” e das advertencias emitidas polos socialistas fronte ao “problema grave de persoal” no Sergas.
Redución de coñecemento
Julio Torrado advertiu dunha redución global do 3 por cento orzamento do Acis, que se acumula coa diminución do 5 por cento no orzamento para investigación sanitaria Xunta de Galicia. Advertiu que “cando temos menos coñecemento pasa o que pasa e escoitamos a Pablo Casado dicir as cousas que se din”, en alusión á derradeira metedura de pata do líder do PP, que anunciou unha redución de 50 euros no SMI coma se en realidade fora un incremento.