A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Patricia Otero, alertou hoxe do incremento da sinistralidade laboral en Galicia, derivada da “mala prevención de riscos” e a elevada precariedade laboral como causas do incremento da sinistralidade. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que denunciou o “desleixo” do goberno galego á hora de mellorar as condicións laborais.
Sinalou que a falla de orzamento e desinterese á hora de executar a Estratexia Galega de Seguridade ocasionan o incremento dos accidentes laborais en Galicia. Desta forma, en 2018 rexistráronse en Galicia un total de 27.941 accidentes laborais con baixa, 50 deles mortais, un 16,28 por cento máis que o ano anterior.
Estes datos afectan especialmente ás traballadoras mulleres, con 9.356 baixas laborais durante 2018. De acordo coa Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo, Galicia é a sétima Comunidade Autónoma con maior incidencia de accidentes de traballo entre as mulleres, que sofren 1 de cada 3 accidentes e enfermidades profesionais.
A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que “potencie a posta en marcha da Estratexia Galega de Seguridade Laboral, incrementando o orzamento “como mínimo ao nivel de 2011”, diante do fracaso do goberno galego, que “incumpre os obxectivos de reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura de prevención na empresa e entre os traballadores e traballadoras”.