A parlamentaria socialista Paloma Castro responsabilizou hoxe da “desatención sanitaria” de Pontevedra aos vaivéns e ao desleixo en materia sanitaria do goberno galego durante os últimos dez anos. A parlamentaria pontevedresa lembrou que hoxe fan dez anos da “fraude” de Feijóo que desbotar o proxecto orixinal de ampliación do Hospital de Montecelo para presentar un proxecto de Hospital Único en Montecarrasco que nunca prosperou.
Castro lembrou que aquel proxecto, que supuxo un investimento de case un millón de euros nunha maqueta para intentar facer un centro hospitalario, co mesmo modelo que o Hospital de xestión privada de Vigo, foi desbotado en 2016 para volver ao proxecto de ampliación. A consecuencia, dixo, é que “hoxe temos unha área hospitalaria infradotada e lastrada por enormes carencias derivadas da incompetencia do goberno galego”.
Explicou que dez anos despois, a “maqueta da vergonza” acumula telarañas nun almacén logo dunha “vergonzante operación de márketing para publicitar unha obra faraónica que quedou en nada cando Feijóo volveu á idea de ampliar o Hospital de Montecelo”. Lamentablemente “dez anso despois “non temos nin adxudicada a dita ampliación”, no que cualifica de “fraude aos pontevedreses e pontevedresas”.
A parlamentaria socialista sinala que precisamente a área sanitaria de Pontevedra, Poio e Marín acumula xa máis de mes e medio de peche perimetral precisamente pola presión hospitalaria derivada dun equipamento que “queda moi lonxe de cubrir as necesidades sanitarias da nosa poboación”. Os pontevedreses e pontevedresas, dixo, “levamos anos obrigados a acudir a outras localidades, como Vigo e Santiago, para someternos a tratamentos que non hai en Pontevedra”.