O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de presentar unha serie de preguntas parlamentarias nas que lle reclama ao goberno galego que explique “se considera ineficiente o gasto en tratamentos oncolóxicos”. Torrado presentou estas iniciativas logo da comparecencia dunha das expertas convocadas polo PP á Comisión de Investigación dos recortes na sanidade.
A Xunta leva dous días calada sobre se comparte que hai tratamentos oncolóxicos que son moi caros para pacientes con baixa esperanza de vida.
As persoas non somos números, por favor… pic.twitter.com/iz6vMwkAXF— Julio Torrado (@juliotq) 30 de noviembre de 2018
O responsable socialista pídelle ao goberno galego “que respalde ou desautorice” ao grupo parlamentario do PP, que a través do seu portavoz de Sanidade na Cámara autonómica, apoiou as afirmacións que foron vertidas na Comisión nas que a experta convocada consideraba “un problema que se estean dando tratamentos oncolóxicos a pacientes que non teñen máis perspectiva que un par de meses por diante”.
Torrado amosou a súa sorpresa pola “sinceridade” amosada polo portavoz de Sanidade do PP, quen asegurou que “case, case a xente pensa que non pode morrer” e que rubricou apuntando que “a presión social” é a que leva a “facer cousas que poden parecer non moi axeitadas” en termos económicos. Torrado pregoulle ao goberno galego que “se liberen desa presión social e amosen a mesma franqueza e sinceridade do seu portavoz, que vén de quitar a careta no Parlamento”.
O responsable socialista advertiu que “en calquera caso os socialistas somos radicalmente contrarios a aplicar criterios economicistas á hora de coidar da saúde e da esperanza de vida da xente”, unha actitude que cualifica de “inhumana” ao “confundir ás persoas cunha táboa de excel e a xestión sanitaria cun power point publicitario”.
Sinalou que “grazas a estes arranques de sinceridade tódolos galegos e galegas podemos entender as razóns dos recortes aplicados por Feijóo na sanidade durante os últimos nove anos e por que por exemplo deixaron morrer a pacientes de hepatite C negándose a pagarlles os tratamentos”.