O líder dos socialistas galegos agradece o labor dos servizos públicos e salienta a cooperación entre administracións como clave para recuperar a normalidade
Gómez Besteiro puxo en valor a serenidade, prudencia e solidariedade da cidadanía galega ante unha situación inesperada que alterou a vida diaria en todo o país
O PSdeG ofreceu colaboración plena desde o primeiro momento, “que é o que hai que facer en momentos como este”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou este martes unha mensaxe de recoñecemento á sociedade galega e aos servizos públicos polo seu comportamento durante o apagamento xeral que afectou este luns a todo o Estado.
“O apagamento xeral vivido onte foi un dos episodios máis difíciles que lembramos nos últimos anos”, sinalou Besteiro, quen lembrou que “en cuestión de minutos, milleiros de persoas en Galicia viron alterada a súa vida diaria: centros de saúde, escolas, servizos básicos… todo quedou en suspenso”.
O líder dos socialistas galegos subliñou que a situación “foi unha nova mostra de que o inesperado pode chegar en calquera momento” e insistiu en que “só desde a cooperación e a responsabilidade somos quen de facerlle fronte”. Neste sentido, explicou que estivo “en contacto permanente coa Xunta, a Delegación do Goberno e os concellos, ofrecendo colaboración total para axudar a restablecer a normalidade porque é o que toca en momentos como este”.
Besteiro puxo en valor o funcionamento coordinado das administracións. “Desde o PSdeG queremos, en primeiro lugar, recoñecer o comportamento exemplar da sociedade galega, así como a coordinación entre administracións —Estado, Xunta e concellos—, que foi clave para ir recuperando a normalidade”. Destacou como exemplo “a activación do nivel 3 de emerxencia por parte do Goberno galego, e a posterior entrada en acción do Goberno de España, que asumiu o control da situación en Galicia, tal e como se solicitou”.
José Ramón Gómez Besteiro quixo tamén facer un recoñecemento “á resposta exemplar da cidadanía galega, que actuou con calma, prudencia e solidariedade” e agradeceu “profundamente o traballo de todos os servizos públicos: o sistema sanitario, que respondeu con solvencia, os medios de comunicación, o profesorado, que axudou a manter a conciliación, as forzas de seguridade e os equipos de emerxencia, sempre ao pé do país cando máis se precisa, e cada persoa anónima que tivo un xesto de axuda, de apoio, de coidado”.
“Esta crise demostrou a forza dunha sociedade como a galega: solidaria, responsable e capaz de superar calquera adversidade”, concluíu Besteiro. Finalmente, o dirixente socialista sinalou que “agora toca facilitar a recuperación total da normalidade e garantir unha avaliación rigorosa do sucedido”, e advertiu que “será con calma, unha vez estabilizado o país, cando toque analizar con serenidade o acontecido e extraer as leccións necesarias”.