O candidato socialista á Xunta presenta en Lugo o seu proxecto para “traer a industria que xera máis empregos, mellores salarios, maiores cotizacións e maiores pensións”
Chamou a “mirar cara adiante e ofrecerlles aos galegos o proxecto dos socialistas, que significa máis empregos”
Zapatero pide “votar contra a hipocrisía do PP e pola decencia, a votar contra a covardía e a favor da valentía” en definitiva, “a votar por Besteiro”
Lugo, 13 de febreiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse este martes en Lugo a reindustrializar a Galicia interior para loitar contra o reto demográfico logrando “máis empregos, mellores salarios, maiores cotizacións e maiores pensións”.
Besteiro ofreceu un mitin ante máis de medio millar de persoas en Lugo, acompañado do ex presidente do goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero, no que remarcou o seu proxecto para impulsar as provincias do interior e loitar contra o despoboamento grazas á reindustrialización. Para elo, o candidato apunta á transformación do sector cárnico, forestal e especialmente do lácteo, “apostando con forza por un grupo industrial lácteo de toda Galicia”. “Somos os maiores produtores, producimos leite, exportando leite e importamos iogures, esa situación hai que poñerlle fin”, engadeu.
Así mesmo, considera que para frear o declive demográfico que sofren Lugo e Ourense, “con máis emprego, máis dereitos e máis servizos públicos”. Neste último ámbito, apuntou especialmente ás políticas do PP nos últimos 15 anos e ás propostas socialistas na sanidade pública, na educación e na dependencia.
Para Besteiro “a política son retos e os socialistas asumímolos, como o de saír dos anos nos que mentres España medraba, Galicia miraba”. “Hai que saír desa situación, pero sen mirar ao pasado”, pero lembrou que despois do tempo en que Feijóo e Rueda gobernaron, “Galicia ten hoxe menos poboación, 100.000 habitantes menos, e 80.000 empregos menos que no 2009, así como o triplo de débeda pública.”. Nós que cremos neste país, podemos representar un futuro mellor”, remarcou.
A MENTIRA DO PP IRROMPE NA CAMPAÑA
Criticou tamén a actuación do PP coa amnistía, xa que “despois de dicir que estaba en contra, de crispar este país, agora Feijóo di o que nos temíamos e aos votantes do PP se lles queda cara de tontos”, apuntou. “Unha vez máis a mentira marca a forma de actuar do PP e a mentira volve a irromper na campaña electoral”, dixo.
“Quen non asume responsabilidades non merece gobernar, así como quen vota en contra do noso idioma con fixo o PP, de 800.000 pensionistas galegos ou dos abonos de balde do tren no Congreso dos Deputados”, continuou un Besteiro que emprazou aos seus compañeiros socialistas a “mirar cara adiante e ofrecerlles aos galegos o proxecto dos socialistas, que significa máis empregos a través da reindustrialización”.
“UN PRESIDENTE DECENTE E VALENTE”
O ex presidente do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero, adiantou que mañá no debate de RTVE “vai perder Rueda” coa súa ausencia, sendo que debater “é un deber democrático”, e que lles tremen as pernas nos debates a estes do PP, porque os comen”. “Coñecedes a alguén que crea en si mesmo, que teña un proxecto para Galicia, que teña argumentos, que non queira ir a un debate”, engadiu o leonés.
Tamén dirixiu as súas palabras ao PP e a un Núñez Feijóo, xa que para Zapatero “o que vivimos estes días é insólito, unha páxina máis da reiterada, contumaz, hipocrisía do Partido Popular cando está na oposición”. Considera que “o que é inaceptable en democracia é subirse a unha tribuna e estar durante 3 meses dicindo aos españois que Sánchez é un traidor á patria por negociar para intentar facer concordia en Cataluña, cando ti estabas intentando facer o mesmo por atrás”. Ao que engadeu que Feijóo “tiña dereito a intentalo, pero non a acusar de todo ao presidente de España e a meter ao país na crispación”.
“Para dirixir un país fai falla ser decente como Pedro Sánchez e Besteiro, e valente como é Pedro Sánchez e Besteiro, proseguiu un Zapatero que entende que “valentía é dar a cara, Besteiro fíxoo e sufriu unha gran persecución xudicial por ser a gran esperanza do PSOE”, no ano 2016. Sinalou que “a alternativa a un partido como o PP, só pode ser un partido forte, con historia, raíces, con compromiso de Estado, a alternativa de cambio seguro en Galicia, é o PSdeG e Besteiro” e pediu “votar contra a hipocrisía e pola decencia, a votar contra a covardía e pola valentía, a votar por Besteiro”, concluíu.
“TER UN PRESIDENTE QUE PENSE NA IGUALDADE”
A candidata número 2 pola provincia de Lugo, Lara Méndez, denunciou a inacción do goberno de Rueda coa cidade de Lugo “negando incluso o compromiso que el adquiriu a financiara estación intermodal”. A ex alcaldesa de Lugo, apuntou que o PP convocou as eleccións para o Entroido “para que non fóramos a votar, porque os seus va ir todos, pero se nós votamos, eles vanse”, e remarcou que “s mulleres imos saír masivamente a votar para que José Ramón Gómez Besteiro sexa o presidente da Xunta de Galicia. Sabemos o importante que é ter un presidente que pense na igualdade, que pense en feminismo”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, puxo en valor que “Besteiro representa a cercanía, o compromiso, a experiencia, e a ambición de ser presidente de todos e todas as galegas”. “É boa xente comprometida, con todas as políticas públicas, coas mulleres, coa xente con Galicia, con Lugo” apuntou.