Categorías: Secretaría Xeral

Besteiro: “Cando se trata de protexer aos máis vulnerables, o PP cala e mira para outro lado”

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista sinalou na Sesión de Control que no tocante ás desigualdades, “Galicia medra máis que o resto de España” e puxo sobre a mesa varios exemplos concretos que reflicten a falta de compromiso do goberno de Rueda coa cidadanía, como a vivenda, a sanidade ou a dependencia

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de perpetuar e agravar as desigualdades en Galicia mentres se nega a aplicar solucións eficaces. Na súa intervención na sesión de control ao goberno, Besteiro destacou que, a diferenza do conxunto de España, onde a economía medra, en Galicia a desigualdade medra a un ritmo maior “porque neste tema o PP cala e mira para outro lado”.

“Galicia medra menos que o resto de España, pero medra. Agora, no tocante ás desigualdades, Galicia medra máis que o resto de España”, denunciou Besteiro, que puxo sobre a mesa varios exemplos concretos que reflicten a falta de compromiso do goberno de Rueda coa cidadanía.

En materia de vivenda, Besteiro advertiu que os prezos se dispararon case un 45% nos últimos anos, mentres que a Xunta segue sen ofrecer solucións reais. “A súa única proposta é a construción de vivenda pública, pero como non a fixeron en todos estes anos, agora hai que esperar tres ou catro anos para poder acceder a elas”, criticou. Lembrou que os socialistas propuseron un Banco Público de Alugueiro que garanta o acceso á vivenda en condicións dignas, pero o PP votou en contra, deixando desprotexidas ás familias e á mocidade galega.

A dependencia foi outro dos puntos centrais da intervención de Besteiro, quen cualificou a situación como “o símbolo da maior desigualdade en Galicia”: “4.000 persoas teñen os seus expedientes sen resolver e 1.500 teñen recoñecido o dereito a praza en residencia, pero non hai prazas dispoñibles nin prezos accesibles. O problema non existe para vostede porque vostede non o sofre”, reprochoulle a Rueda.

En sanidade, a situación non é mellor. O líder socialista denunciou a discriminación que sofren os galegos no acceso á atención primaria, especialmente na zona rural, onde a falta de profesionais fai que os tempos de espera sexan alarmantes. “Propoñemos garantir a atención en 48 horas, pero vostedes, como no, votaron en contra”, lamentou.

Tamén puxo o foco na mocidade, destacando o saldo migratorio negativo: “Os mozos e mozas marchan porque non ven futuro en Galicia. Propuxemos un plan de contratación para a mocidade e tamén o rexeitaron”.

Besteiro sinalou, ademais, a política fiscal da Xunta, que favorece ás rendas máis altas en lugar de garantir un reparto xusto dos recursos. “Desigualdade no gasto, desigualdade nos ingresos públicos. Señor Rueda, cre realmente que está orientando correctamente as políticas do seu goberno cara á loita contra as desigualdades? Porque os datos din o contrario”, concluíu.

Na súa réplica, Besteiro ironizou sobre os cambios de discurso do PP, que pola mañá consideran “patriotas” a Junts e pola tarde “traidores”, ao tempo que criticou o silencio de Rueda sobre cuestións que afectan directamente aos galegos e galegas. Lembrou que o Partido Popular votou en contra da revalorización das pensións, o ingreso mínimo vital, o bono social térmico ou o transporte público gratuíto. “Cando se trata de protexer aos máis vulnerables, o PP cala e mira para outro lado”, sentenciou.

Besteiro concluíu reclamando a Rueda que “rectifique e se poña do lado da inmensa maioría dos galegos e galegas”, e que na vindeira semana apoie as medidas que reforzan a protección social. “Por este camiño van francamente mal”, advertiu.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

  • Actualidade

O Grupo Socialista censura a “hipocrisía política” de Rueda nas Medallas Castelao: “premia á lingua e á sanidade cunha man menters utiliza a esquiladora coa outra”

Lara Méndez critica o cinismo de Rueda, que se presenta como centrista moderado cando están…

30/06/2025
  • Secretaría Xeral

Besteiro constitúe os 15 grupos de traballo que artellarán arredor do PSdeG “un proxecto realista, galeguista e centrado na maioría social”

“Queremos escoitar máis voces, unir máis miradas e construír máis Galicia”, asegurou o secretario xeral…

29/06/2025
  • Actualidade

O Grupo Socialista defende para Galicia un servizo único contra o lume, fronte ao caos e á falta de planificación da Xunta

Carmen Dacosta alertou do déficit de traballadores para a defensa contra os incendios forestais e…

27/06/2025
  • Actualidade

O Grupo Socialista reclámalle á Xunta unha reforma integral dos tres centros educativos públicos de Betanzos

Julio Abalde esixiu que se planifiquen as actuacións para arranxar tanto os edificios principais coma…

27/06/2025
  • Actualidade

O Grupo Socialista denuncia a continua redución de recursos no ensino público e esíxelle á Xunta que respecte as ratios de alumnos por aula

Julio Abalde reclamoulle ao Goberno do PP que cumpra de xeito inmediato os acordos que…

27/06/2025
  • Actualidade

O Grupo Socialista reclámalle á Xunta unha planificación rigorosa da formación agraria: “Necesitamos centros para gandeiros, non para gaiteiros”

Lara Méndez criticou que os recursos están “infrautilizados ou directamente mal utilizados” e sinalou problemas…

27/06/2025