A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Concepción Burgo, alertou hoxe fronte á “política lingüística extremadamente perigosa” por parte do PP a nivel nacional fronte á que o goberno galego “vai pregarse se ten a oportunidade”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral que presentou hoxe en Comisión fronte á proposta de Pablo Casado de aprobar unha Lei de Linguas dirixida a “reducir as linguas cooficiais”.
A responsable socialista censurou a tibieza amosada polo director xeral de Política Lingüística, que eludiu defender o status da lingua galega fixado pola Constitución e o Estatuto de Autonomía e evitou declararse en contra da proposta do líder do PP de fixar o galego como mérito e non como requisito nas probas de acceso á función pública. De feito, criticou que escusara a Casado explicando que a proposta respondera a “un problema puntual cunha médica de Baleares”.
Burgo ironizou co suposto “problema que, como é puntual e en Baleares, van facer unha Lei Orgánica que afecte a tódalas leis do Estado” e que eran “palabras en campaña electoral”. A responsable socialista explicou que a proposta de Ciudadanos para suprimir o galego como requisito nas oposicións á administración autonómica foi votada polo PP a favor no Congreso, o que “xa non son palabras: son votos”.
Criticou que o PP está a demostrar unha “involución absoluta” con estas propostas que “nos sitúan nos momentos previos á Constitución”, seguindo a mesma estratexia de Feijóo, que chegou ao goberno en 2009 “no seo dunha confrontación lingüística que provocaron para buscar uns votos”. Advertiu que a redución das linguas cooficiais supón a “vulneración de dereitos” porque “é difícil usar o galego na administración pública cando os que atenden non teñen a obriga de coñecelo”.
Lembrou que os dereitos lingüísticos das linguas cooficiais son recoñecidos pola Constitución e defendidos polo Estatuto de Autonomía, que no artigo 5 sinala ao galego como lingua propia, cooficial ao castelán, que os galegos teñen o dereito de coñecer e utilizar, e os poderes públicos teñen a obriga de garantir o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciar o uso galego.