A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe á Xunta de incumprir a propia Lei de Orzamentos de 2019 e as recomendacións do Consello de Contas ao negarse a darlle ao Parlamento cumprida información sobre o endebedamento. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta oral en Comisión na que acusou á Xunta de “agochar” o endebedamento récord de Galicia.
Feijóo pasou de 4.859 millóns de euros de endebedamento en 2009 aos 11.431 rexistrados en setembro de 2018, aumentando 5.572 millóns en apenas 9 anos, un 135 por cento máis. Estes datos, advertiu Rodríguez Rumbo, teñen que ser extraídos das publicacións do Banco de España, xa que a Xunta négase a remitírllelos ao Parlamento por moito que nos Orzamentos de 2018 figure a obriga de enviar información trimestral e o Consello de Contas o leve reclamando 3 anos.
A responsable socialista sinalou que os Orzamentos da Xunta reflicten que a contía destinada a amortizar débeda multiplicouse por 6 dende 2009, e que o importe destinado a amortizar débeda e o pago de xuros aumentou en 1.284 millóns de euros.
Ademais, lembrou que o goberno galego pediulle ao Consello de Ministros autorización para emitir bonos a longo prazo por 400 millóns de euros, que foi aceptada en febreiro e que o goberno central consideraba “coherente á actualización do plan plurianual de endebedamento”. Rodríguez Rumbo advertiu que “descubrimos así que teñen un plan plurianual de endebedamento que manexan e lle dan ao Consello de Ministros pero que non lle comunica ao Parlamento”.
A parlamentaria socialista acusou ao goberno galego de “obstaculizar o labor dos grupos parlamentarios” e esixiulles que cumpran coa Disposición Adicional Primeira da súa propia Lei de Orzamentos de 2019, que repite as disposicións da lei de 2018 e anteriores, e coas recomendacións do Consello de Contas e asuman un “compromiso real e non só de papel” coa transparencia.