O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, pediulle hoxe á Xunta que “escoite á cidadanía de Rande” e as protestas desta contra o proxecto para converter ao Cargadoiro de Pedra nun deposito de cargadoiros. No debate dunha pregunta oral na Comisión de Industria, advertiu do “impacto medioambiental e patrimonial” do proxecto para a zona.
O deputado socialista faloulle hoxe a Xunta de que a expansión do Porto de Vigo debería ter “o menor impacto ambiental posible” aínda coa complexidade da zona. Recordou que a zona onde se sitúa o Cargadoiro de Mineral forma parte da Rede Natura 2000, o cal “debería desaconsellar esa situación”. Ademais sinalou o valor patrimonial a nivel industrial, etnográfico e cultural da zona, que se vería gravemente afectada pola instalación.
Losada puntualizou que a actividade a realizar nun cargadoiro de contedores non implica necesariamente que este se sitúe na beira do mar, o cal pode abrir a porta a situacións alternativas mais preparadas como Plisan, a cal pese a unha década de retraso, está nun proceso de urbanización de primeira fase e que posúe un chan industrial que a faría unha moito mellor localización.
Lembrou que as características xeográficas de Rande, xunto a saturación que supón que por aí pasen dúas vías de comunicación, farían que a obra afectase a calidade de vida da veciñanza, sumándolle todas as externalidades que soen derivarse do funcionamento deste tipo de instalacións, tales como os ruídos, o aumento da vibración ou os cheiros.