O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou hoxe ao goberno galego de “agochar a falla de xestión absoluta” en materia de seguridade industria. Así o dixo logo de coñecer o veto do PP a unha proposición non de Lei na que o Grupo Socialista reclamaba o cumprimento da obriga legal da Xunta de dar conta de forma inmediata ao Parlamento dos resultados dos plans de inspección.
O responsable socialista alertou da situación da nave da empresa Xesnatura, do Grupo Couceiro, no polígono industrial de As Gándaras –Porriño- que ardeu o pasado 11 de setembro, unha situación que non foi peor grazas a que había un parque de bombeiros a escasos 300 metros da nave. Losada advertiu que este é o segundo incendio na mesma nave, que xa ardera en 2008, e o terceiro do mesmo grupo empresarial, logo do incendio dunha nave diferente en 2014.
Losada apunta á acumulación de incendios do mesmo grupo empresarial, que “o sistema de prevención e de seguridade industrial da Xunta debera ter detectado de oficio”. Sen embargo, o informe dos bombeiros, apuntando importantes deficiencias de seguridade, con moitas das bocas para as tomas de auga cubertas por residuos, evidencian que “ou ben non tiveron inspeccións recentes ou, se as houbo, case peor”, por non ter detectado esta situación.
Por iso reclamoulle ao goberno galego que “aclare se fixeron inspeccións sistemáticas e transparentes”, e se puxeron en marcha protocolos de especial vixilancia para os problemas de seguridade industrial recorrentes. Sinalou que o propio artigo 26.1 do Decreto Lei 1/2015 establece o texto refundido das disposicións legais de Galicia en materia de política industrial, que determina a obriga de remitir ao Parlamento os resultados dos plans de inspección.
Tamén solicitaba un “plan de sistematización e transparencia” na elaboración dos ditos plans de inspección da Xunta, así como un “plan específico de inspeccións extraordinarias daquelas instalacións industriais que teñan presentado recorrentes problemas de seguridade industrial de calquera tipo”.
Plisan
O parlamentario socialista comparou o incumprimento do goberno galego coa súa obriga de remitir os resultados dos ditos plans de inspección ao Parlamento co desbloqueo da depuradora da Plisan, que “ou hai unha torsión no espazo – tempo euclidiano ou non chegou”. De feito, apuntou que “logo do goberno do PP en Madrid e Galicia, tivo que ser un goberno socialista o que desbloqueara o proxecto en apenas 6 meses por acordo entre a Zona Franca e a Confederación Hidrográfica”.