Categorías: Actualidade

A Xunta aproba unha Lei de aproveitamento lúdico de augas termais “reducionista e estreita”

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou a “visión reducionista e estreita” do sector por parte da Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais presentada pola Xunta. Os socialistas votaron contra esta norma que “non contribúe a promover o desenvolvemento económico e social para Galicia” e que foi finalmente aprobada polo PP en solitario.

Rodríguez Rumbo acusou á Xunta de renunciar á “necesaria implicación dos concellos termais de Galicia”, que “non ven reflectida a súa diversa problemática”, nun texto que “tampouco define os parámetros para garantir a calidade das augas”, así como tampouco os medios para o seu control. Sinalou que “inclúe unha discutible regulación sobre as concesións” e deixa sen regular os plans turísticos ou as cuestións hixiénico – sanitarias”.

A deputada advertiu que a propia Asesoría Xurídica da Xunta alerta da falla de informes preceptivos para a tramitación do texto. Rodríguez Rumbo sinalou que o goberno galego presentou esta Lei sen o informe da Dirección xeral de Planificación e orzamentos, o informe do Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro do Consello Galego de Economía e Competitividade nin o preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Rodríguez Rumbo criticou ademais a falla de “afán negociador” por parte do PP, que “despreza o labor da oposición” ao incluír tan só 9 emendas das 70 presentadas polos socialistas galegos, todas elas “froito das xuntanzas cos actores implicados na Lei, como son o sector, os expertos e os concellos afectados, os grandes esquecidos polo goberno galego”. O PP aceptou un total de 28 emendas da oposición do total de 180 que foron presentadas.

A deputada socialista destacou que esta actitude non é máis que outra mostra da “arrogancia política” característica dos populares galegos. Esta “ausencia de afán dialogante” por parte do PP non trae máis que consecuencias negativas para os actores afectados pola lei.

Advertiu que sería “moito máis acaído afrontar unha modificación integral da Lei de Augas Termais e minerais” para incluír os usos lúdicos que facer unha norma específica. Criticou que o PP “rexeita considerar toda auga como un ben público” incidindo no “erro grave que debera corrixirse de que a Lei de Minas regule estas augas”.

Plan de Turismo Termal

A parlamentaria socialista afeoulle ao grupo do PP que rexeitara as emendas socialistas para obrigar á Xunta a elaborar un Plan de Turismo Termal, nun prazo de 6 meses, como mecanismo fundamental para poñer en valor o aproveitamento turístico e lúdico deste recurso.

Os socialistas tamén pedían un informe vinculante de Sanidade para declarar as augas como aptas para aproveitamento lúdico, ademais de obrigar a acreditar se este tipo de explotación prexudica a este recurso en cada caso. Ademais, tamén incluían unha emenda para que calquera explotación que no obtivera a autorización habilitante fora considerada ilegal, que tamén foi rexeitada polo PP.

Rodríguez Rumbo reclamou un “proxecto de lei sólido para o sector termal galego”, que da emprego a 800 persoas, das que un 71,5 por cento son mulleres, ofrece servizo a 150.000 usuarios cada ano a través dos 21 balnearios e máis de 3.000 prazas hoteleiras. Ademais, sinalou, boa parte dos 300 mananciais de augas minero – medicinais de Galicia son augas termais, que cada vez son máis demandadas dende as vertentes terapéutica, turística, cultural e industrial.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Lara Méndez reclámalle á Xunta que apoie á viticultura heroica da Ribeira Sacra con recursos específicos para garantir a supervivencia da produción

Salienta a importancia desta modalidade produtiva para o mantemento da paisaxe e da poboación rural, e que sustenta a súa…

07/05/2024 18:33

Julio Abalde acusa á Xunta de responder con “medidas parciais e cosméticas” á caída estrutural da produción marisqueira

Reclama un Plan de axudas estables que permita a pervivencia do sector, que sufriu unha redución da produción de máis…

07/05/2024 17:21

Besteiro ve “con moita alarma” o descontrol que o Consello de Contas está detectando na contabilidade do Sergas

O secretario xeral do PSdeG reivindicou o potencial da industria galega durante a súa visita a TMC Cancela, unha empresa…

07/05/2024 16:05

Besteiro empregará a sesión de control para comprobar o compromiso de Rueda coa rexeneración democrática “ou se opta pola confrontación, a mentira e a crispación”

Elena Espinosa critica a “devaluación as políticas de igualdade” ao dividilas en dúas direccións xerais e acusa ao PP de…

07/05/2024 14:33

Carmen Dacosta censura que a única prevención de incendios da Xunta sexa “facer a danza da chuvia e encomendarse a manitú”

Alerta da falla de tarefas de prevención nos montes, que “se cargan de biomasa sen que a Xunta faga nada…

07/05/2024 14:31

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta axudas específicas á viticultura tradicional da Ribeira Sacra

Lara Méndez reivindicou durante unha visita a unha adega da denominación de orixe “unha maior implicación” por parte do Goberno…

06/05/2024 16:20