Pablo Arangüena considera o texto legal “desenfocado”, “impreciso” e “baleiro de contido”, xa que se amosa “alleo á realidade” de Galicia
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de criticar o proxecto de lei reguladora de acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia, xa que “é unha norma que non vai contribuír a remediar a falla de acción exterior da Xunta de Galicia”. Fíxoo, hoxe, durante a elaboración do ditame, do citado proxecto de lei na Comisión Institucional do Parlamento.
“É unha norma atrapallada, moi extensa e que abonda en cuestións burocráticas”, aseverou o responsable socialista, quen subliñou a “imprecisión” dun texto legal “baleiro de contido” e “alleo á realidade de Galicia. Nesta liña, criticou un texto cun “desenfoque que non se arranxa emendando, senón modificando o texto de xeito radical”.
Arangüena sinalou que a acción exterior de Galicia parte da “ensoñación política” e non se contempla unha regulación “coherente” da acción e promoción económica fóra de Galicia. Así, criticou que Galicia recibe “moito menos investimento directo do exterior que a media do estado”, xa que “capta menos do 0,2% do total do PIB o cada ano, cando o seu peso no PIB do Estado ronda o 6%”.
“Son cifras demoledoras que desmenten o atractivo inversor de Galicia, a diferenza do norte de Portugal, que capta capital a moreas, dende hai anos, mentres Galicia mira para outro lado”, sentenciou.
O responsable socialista sinalou o “problema de fondo” que supón o IGAPE, “un desastre na promoción de Galicia e na captación de investimento estranxeiro” e que “demostrou a súa ineficacia, algo ao que a Xunta parece a allea”.
“A única acción de captación exterior en 11 años por parte do gran xestor que se presupón o presidente da Xunta foi o caso PEMEX, que constituíu un acordo marabilloso”, lembrou con ironía Arangüena.
Doutra banda, o responsable socialista sinalou que “a diáspora tradicional xa é cousa do pasado” cando, nos últimos 10 anos, marcha de Galicia “xente nova, ben formada e cualificado e na que o noso sistema educativo investiu moitos recursos”. Así, lamentou que haxa “decenas de milleiros de profesionais que tivesen que saír de Galicia por falla de oportunidades”.
“Desmentindo a omnipresente propaganda oficial que nos pinta unha Galicia feliz e encantada de coñecerse”, que “non existe na realidade”, aseverou o socialista.