
O líder dos socialistas galegos reclámalle á Xunta financiamento estable para o desenvolvemento da IA en Galicia e en galego
Sinala que a supresión da área de Promoción da Lingua no Concello de Lugo demostra que “un goberno indigno produce consecuencias políticas indignas”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe a Rueda que se sume ao goberno central no financiamento do desenvolvemento da Intelixencia Artificial en galego. Durante unha visita ao Instituto Galego da Lingua, advertiu que se o galego permanece ausente do desenvolvemento da tecnoloxía, “perderá espazo na vida da xente”.
O líder dos socialistas galegos emprazou ao PP a seguir dende o goberno galego o camiño de vascos e cataláns, que están a garantir financiamento estable nas novas tecnoloxías e apoiar o traballo que está a despregar o eido dixital. Sinalou que a aposta polo dixital supón “unha aposta polo futuro, pero tamén polo presente”, e advertiu da oportunidade que supón para a lingua, xa que “quedar á marxe das novas tecnoloxías vai supor unha nova fenda para o futuro do noso idioma”.
Besteiro reclamoulle á Xunta que se sume á iniciativa do goberno central que se comprometeu a incrementar o investimento de 3,5 millóns de euros para o Proxecto Nós -dentro do programa Ilenia- para o desenvolvemento da IA en galego xunto coa Universidade, o Citius e o Instituto da Lingua Galega. Esixiu a “aposta decidida” do Executivo autonómico polo uso do galego no mundo dixital que se traduza en novas ferramentas, novos dicionarios ou asistentes de voz que abran as portas ao galego neste “mundo de futuro”.
Logo da celebración de onte do Día das Letras Galegas, o responsable socialista reafirmou o compromiso do PSdeG para reclamar “investimento, recursos, capacidade e vontade política” na loita polo galego “tódolos días do ano”. Pediulle ao goberno galego que incremente os recursos para as novas tecnoloxías e que “non quedemos á marxe do novo mundo dixital”.
Goberno indigno e políticas indignas
O secretario xeral do PSdeG sinalou, en resposta a preguntas dos xornalistas, que a decisión da nova alcaldesa de Lugo de suprimir a área de Promoción da Lingua, precisamente na semana das Letras Galegas, demostra que “un goberno ilexítimo e indigno produce consecuencias políticas indignas”. Relacionou esta decisión co cambio na simboloxía do Concello, que supón “unha volta atrás”, pero só unha mostra “das políticas que virán” ao goberno local.
Tamén dixo unha valoración do fracaso do adianto electoral do presidente do PP de Andalucía, Moreno Bonilla, ao perder a maioría absoluta que el mesmo situara como obxectivo e que o aboca ao “lío” que el mesmo definiu de ter que acordar coa extrema dereita. Lamentou que “as consecuencias deste ‘lío’ lamentablemente as van ter que pagar os cidadáns e cidadás e os servizos públicos”.