
Asegurou, despois de que hoxe se reunise a comisión de seguimento do acordo de viabilidade da planta, que “unha vez que o Goberno lle concedeu o Perte á empresa, xa non existe ningún impedimento”
O secretario xeral do PSdeG defendeu que a nova instalación contribuirá á rendibilidade da planta de San Cibrao “incluso ao curto prazo”, ao non depender da adquisición deses compoñentes no estranxeiro
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe que “xa non hai escusas para que Alcoa non inicie a construción do forno de cocción de Ánodos” na súa planta da Mariña lucense.
Despois de que esta mañá se reunise na Delegación do Goberno a comisión de seguimento do acordo para a viabilidade da factoría de San Cibrao, o líder socialista defendeu que, “unha vez que o Goberno lle concedeu o Perte á empresa, xa non existe ningún impedimento” para poñer en marcha esa actuación. Besteiro referíase así á recente concesión de 40 millóns de euros á compañía por parte do Estado, correspondentes aos fondos destinados a descarbonización.
Tal como sinalou o secretario xeral, a construción do forno “estaba dentro dos obxectivos” do plan de viabilidade e, por outra banda, “vai contribuír á eficiencia económica e á rendibilidade da fábrica, incluso a curto prazo, ao non ter que adquirir ánodos no estranxeiro”.
Valorización dos residuos
O líder socialista referiuse, ademais, á situación da balsa de lodos, que precisa dunha ampliación se se queren seguir depositando residuos. Nese senso, invitou a facer “unha reflexión sensata” sobre o futuro desa instalación e a buscar opcións para reducir o seu impacto.
“É necesario abrir liñas de estudo para o posible aproveitamento deses lodos e fixarse en experiencias que permitan valorizalos, xa que, debido á súa composición, teñen potencial para o seu aproveitamento”, indicou respecto da presenza de materiais de interese, como diferentes metais, para outros procesos industriais. Apuntou tamén á posibilidade de rebaixar o nivel dos residuos a través de procedementos de solidificación.
Subministro eléctrico
Besteiro aludiu tamén ao abastecemento enerxético de Alcoa. “Confiamos en que o Goberno finalice canto antes o proceso para as conexións que dependen do Estado”, dixo, e lembrou que as que dependen da Xunta se atopan paralizadas pola Xustiza.
Con todo, o secretario xeral sinalou que a factoría “tamén ten que mellorar” en canto a innovación co fin de aforrar en consumo de electricidade. “Non se trata só de obter enerxía máis barata. Debe reducirse o seu gasto”, asegurou.