

Aitor Bouza acusa ao PP de facer “enxeñería fiscal” co orzamento que precisan os investigadores e investigadoras “para desenvolver o seu traballo en condicións”
O parlamentario socialista Aitor Bouza alertou hoxe de que a Xunta desviou en 2024 e 2025 100 millóns de euros que estaban orzamentados para o Programa 561A – Plan Galego de I+D+i Tecnolóxica, un total de 200 millóns de euros que se suman aos 55 que desapareceron dos Orzamentos de 2023. Así o dixo na comparecencia da directora da Axencia Galega de Innovación -AGAIN- na Comisión de Educación do Parlamento.
Bouza acusou ao goberno galego de levar “a lo menos tres anos facendo enxeñería fiscal” empregando estas partida de maneira sistemática para retirar fondos que “non sabemos onde están”. Explicou que para este ano o Programa terá un orzamento de 191 millóns de euros, un dez por cento menos que nos Orzamentos de 2025, que comezaron o exercicio con 206 millóns e que a final de ano ficaron en 106 millóns.
O responsable socialista criticou que o goberno galego quere retirarlle fondos propios á I+D+i para “tratar de atribuírse o mérito cando en realidade o orzamento procede maioritariamente de fondos estatais e europeos”. Sinalou que o sector está a sobrevivir grazas ao esforzo do Estado e ao empeño persoal dos profesionais e a pesares dos paus nas rodas impostos polo executivo autonómico.
Criticou finalmente a “falta de planificación e falta evidente de coñecemento” por parte da Xunta, máis preocupada de “ser os primeiros” que aprobaran a Lei de Intelixencia Artificial en abril de 2025, pero que tiveron que cambiar oito artigos na Lei de Acompañamento en decembro porque non se adaptaba á normativa europea.