

Julio Torrado sostén que ao titular da carteira se lle está poñendo “cara de Florentino Pérez”: enfrontado cos profesionais, cos colectivos, cos medios e ata co órgano fiscalizador
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista defende que unha Atención Primaria ben xestionada e resolutiva descarga as urxencias, evita derivacións e descongestiona os hospitais
O portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, anunciou hoxe que o seu grupo levará ao próximo pleno do Parlamento un paquete de propostas para reordenar a Atención Primaria en Galicia. A intención, explicou, é cambiar un modelo que a Xunta segue pensando “como hai 30 anos” e abrir o sistema a moitas máis categorías profesionais.
Torrado sinalou que a proposta socialista pasa por ampliar o volume e o tipo de profesionais que hoxe non existen na sanidade pública galega. Falou expresamente de podólogos, ópticos, entre outras categorías que xa están incorporadas noutras comunidades. “Galicia segue negándose”, dixo. A maiores, defendeu un incremento forte do número total de profesionais e un deseño máis aliñado coa realidade asistencial actual.
O portavoz socialista insistiu en que unha Primaria resolutiva é a chave para descongestionar o resto do sistema. “Unha boa Atención Primaria resolve moitos dos problemas que teñen as urxencias e descarga moitísimo os hospitais porque deriva moito menos”, advertiu. Pero a Xunta, engadiu, segue ancorada nun formato sobrepasado.
Torrado debuxou un escenario no que o conselleiro Antonio Gómez Caamaño está enfrontado, ao mesmo tempo, cos profesionais, cos colectivos, cos medios e ata co Consello de Contas. Citou o comunicado recente de coordinadores de urxencias de practicamente toda Galicia, que apunta directamente á xestión de recursos humanos da Consellería e á incapacidade para resolver os problemas de contratación. “Estamos a falar de servizos que queren contratar e a consellería non llelo permite”, explicou.
Lembrou tamén o pulso aberto cos facultativos, que non recoñecen acordos que a Xunta vende como pechados, e a paralización efectiva das autoconcertacións denunciada pola xunta de persoal.
E sinalou con especial énfase o resultado da última OPE de enfermería, á que se presentaron preto de oito mil aspirantes. “Estamos a falar de cerca de oito mil enfermeiras e enfermeiros que non teñen praza no Sergas pero que a queren, oito mil persoas que poderían contribuír a unha mellor enfermería en Galicia”, subliñou. Para Torrado, esa cifra é a proba máis evidente de que o sistema ten un colchón de profesionais disposto a entrar e de que a Consellería non está sabendo aproveitalo. Esa OPE, dixo, é tamén unha protesta en si mesma “fronte á pasividade da Consellería”.
E a iso engadiu o último informe do Consello de Contas, que sitúa a temporalidade no sistema sanitario galego nunha cifra histórica do 28%, cunha punta moi por riba en enfermería. O ente fiscalizador apunta a baixo investimento en Primaria e a unha xestión deficiente da contratación. Torrado lembrou que Galicia é xa a segunda comunidade do Estado que menos inviste en Atención Primaria.
“Cara de Florentino Pérez”
O portavoz socialista sinalou que “ao conselleiro estáselle poñendo cara de Florentino Pérez”. Unha imaxe, explicou, que encaixa cun titular da carteira que ve a realidade ao revés que todo o mundo: cando hai datos di que son mentira, cando hai colectivos que protestan asegura que están influídos, cando os profesionais se queixan replica que non teñen idea, cando os medios publican algo incómodo acusa de querer disparar contra el. “Todo é mentira e todo o mundo está contra el”, resumiu Torrado.
O portavoz socialista recoñeceulles, iso si, un mérito aos responsables de comunicación da Consellería: ter conseguido que o conselleiro fale moito menos. “Hai que felicitalos, son mellores que o gabinete do propio Florentino Pérez”, ironizou. E engadiu que probablemente sexa unha decisión política do propio presidente Rueda, “que sabe que se non, teríamos un problema”.
“A recollida de cable de Rueda coas baixas”
Preguntado pola contratación de novos inspectores médicos anunciada esta semana pola conselleira de Emprego, Torrado considerouna “a única boa nova en sanidade nos últimos tempos”. Pero advertiu de que detrás hai unha recollida de cable importante por parte do Goberno galego. “O señor Rueda falara inicialmente de meter as mutuas a valorar aos pacientes. Agora corríxense e poñen profesionais sanitarios. Algo é algo”, dixo.
Aínda así, rexeitou de plano o relato de fondo. “O que non pode ser é que o debate xire arredor dunha presunción de culpabilidade dos traballadores e dunha presunción de fraude dos profesionais sanitarios”, advertiu. Se houbera un problema con baixas longas, engadiu, é precisamente porque o sistema sanitario non funciona e ten demoras. E foi máis lonxe: “É curioso que ao Goberno galego lle importe que haxa demoras non porque sexa un problema para a cidadanía, senón porque o é para as empresas”.
“Un intento tosco de borrar a historia do país”
Torrado tampouco deixou pasar a celebración do 35 aniversario da transferencia da sanidade que esta semana protagonizou a Xunta. Cualificouna de “intento tosco, burdo e vulgar de borrar a historia do país”. Lembrou que a transferencia efectiva non son 35 anos, senón 37, que arranca coa Lei 1/89 cando gobernaba González Laxe, e que a sanidade pública en España naceu coa Lei Xeral de Sanidade de Ernest Lluch, hai 40 anos. “Pero o Goberno galego non celebrou eses aniversarios. Cren que só existe o PP e unha única visión de Galicia. Equivócanse, como case sempre”.