
Aitor Bouza traslada a “máxima condena e repulsión” dos socialistas galegos contra as actitudes violentas contra a liberdade e orientación sexual
O secretario do PSdeG de Santiago, membro da Executiva e parlamentario autonómico Aitor Bouza, trasladou hoxe o “apoio, agarimo e afecto” á vítima da agresión homófoba que tivo lugar esta pasada noite en Compostela. O responsable socialista advertiu que “non hai espazo para o odio nin para a violencia en Santiago nin en Galicia” e anunciou que trasladará esta condena á Cámara autonómica.
Bouza apuntou aos “partidos e ideoloxías que alimentan o odio” como responsables de actitudes agresivas contra a liberdade e orientación sexual que frutifican en accións violentas como a da pasada noite, dada a coñecer a través das redes sociais, e que “producen repulsión e provocan a nosa máxima condena”.
O responsable socialista esixiu “máis educación en igualdade” para evitar replicar este tipo de accións e fixo un chamamento á responsabilidade dos responsables públicos fronte á equidistancia e a tolerancia cos discursos de odio que “non teñen cabida no espazo público nin no conxunto da sociedade”. Lembrou que as actitudes LGTBIfóbicas constitúen condutas discriminatorias que deben ser respondidas sen ningún tipo de fisura.
Reiterou o compromiso e a convicción plena dos socialistas galegos coa igualdade efectiva de tódalas persoas independentemente da súa orientación sexual como elemento fundamental da convivencia pacífica para o progreso e o desenvolvemento social.
Lembrou que o Grupo Socialista presentará precisamente a próxima semana unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que poña en marcha plans para impulsar a igualdade real do colectivo en Galicia e que despregue campañas de sensibilización e educación afectivo – sexual nos centros educativos para promover o respecto á diversidade e previr a discriminación, sinaladamente entre a infancia e a mocidade.
Tamén reclama a plena aplicación da Lei pola igualdade de trato e non discriminación de LGTBI, destinando os recursos necesarios para o Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e a Identidade de Xénero para consolidar un marco de protección efectivo contra a LGTBIfobia.
Emprazou ao PP e ao goberno galego a seguir o camiño da igualdade marcado polas políticas do Estado, que teñen acadado que España fora recoñecido como o país europeo máis garantista cos dereitos do colectivo segundo o Mapa Arcoíris 2026, publicado o pasado martes.