

A voceira de Industria e Enerxía do Grupo Parlamentario Socialista advirte de que o goberno do PP leva dezasete anos incumprindo a obriga legal de aprobar o Plan sectorial mineiro que esixe a Lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia
O PSdeG constitúe un grupo de traballo que se reunirá o luns con alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, voceiros da oposición e responsables socialistas de medio ambiente e industria para coordinar a resposta aos anuncios da conselleira Lorenzana
Iglesias deixou claro que os socialistas non están en contra da minaría sostible e estratéxica, en liña co Regulamento europeo de materias primas críticas e co Pacto Verde, pero rexeitan o “todo vale” co que a Xunta retoma proxectos como Corcoesto, Varilongo, San Finx ou Touro-O Pino
A voceira de Industria e Enerxía do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Iglesias, criticou hoxe que a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciase no último pleno a reactivación de megaproxectos mineiros que foron rexeitados no seu día pola propia Xunta. Segundo trasladou a conselleira, nas próximas semanas publicarase no Diario Oficial de Galicia unha orde de concurso de dereitos mineiros caducados que abre a porta a proxectos como a mina de ouro de Corcoesto, a mina de wolframio de Varilongo, en Santa Comba e Coristanco, ou o proxecto de San Finx, que afecta á ría de Muros-Noia.
Iglesias quixo deixar claro que o PSdeG non está en contra da minaría. “A minaría estratéxica é necesaria, así o recoñece o Regulamento europeo de materias primas críticas, e Galicia debe contar cunha minaría sostible e verde porque é unha peza clave para a autonomía estratéxica de Europa, para a transición enerxética, para o almacenamento de enerxía e para a loita contra o cambio climático”, explicou a voceira socialista, que enmarcou esta posición no Pacto Verde Europeo.
O que rexeita o socialismo galego, advertiu, é a falta absoluta de planificación coa que opera a Xunta. Iglesias salientou que existe un eixe común entre os proxectos de renovables, as plantas de biogás e os megaproxectos mineiros: a ausencia de ordenación previa do territorio. “É unha condición previa para poder tramitar despois proxectos que teñen un impacto enorme no territorio e na vida da xente, e a Xunta saltouse ese paso”, denunciou.
A voceira lembrou ademais que o propio goberno galego modificou a Lei do solo para permitir que estes proxectos se instalen en solo rústico, e acelerou os trámites coa figura dos proxectos industriais estratéxicos e de interese autonómico, “baleirando de capacidade de decisión os concellos afectados”. “Iso é poñerlles a alfombra vermella aos promotores de megaproxectos que cambian para sempre o territorio”, resumiu.
Iglesias recordou que a Lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia, pioneira no seu día, obriga a aprobar un Plan sectorial de actividades extractivas como máximo instrumento de planificación da política mineira. Dezasete anos despois, o PP segue sen cumprir esa obriga legal. “Non temos plan sectorial mineiro. O goberno galego está a incumprir a súa propia lei, e iso é moi grave”, denunciou.
Sobre os proxectos concretos, a voceira socialista mostrou a súa preocupación pola reactivación da mina de ouro de Corcoesto, rexeitada pola Xunta no ano 2013 por falta de solvencia técnica e económica do promotor. “Estamos a falar dunha explotación a ceo aberto que require o uso de cianuro para extraer o ouro e que precisa grandes balsas para os pasivos mineiros, todo iso nunha zona moi próxima ao Río Anllóns, cunha ZEPA, espazos protexidos e moi preto da Rede Natura», advertiu. As mesmas dúbidas estendeu ás minas de Varilongo, con contaminación previa documentada nos encoros da zona, San Finx e Touro-O Pino.
Iglesias resumiu a posición socialista nun marco de tres patas: sostibilidade ambiental, sostibilidade económica e técnica, e sostibilidade social. “Nós non somos como o PP, que pensa que todo vale e que se pode vender todo. Pero tampouco somos os de que aquí non se pode poñer nada. O que pedimos é planificación, rigor e equilibrio, e que as decisións se tomen de abaixo arriba, contando co territorio, coa veciñanza e cos concellos afectados», afirmou. A voceira tampouco se conforma con que parte do beneficio destas empresas, «que cotizan en bolsa e son moi potentes”, se repercuta no territorio. «O noso territorio non se debería vender», sentenciou.
Para canalizar esta resposta, Iglesias anunciou que o PSdeG vén de constituír un grupo de traballo que se reunirá de xeito periódico para fixar a posición do partido fronte a estes anuncios. A primeira reunión celebrarase o luns e contará con alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, voceiros da oposición e responsables socialistas de medio ambiente e industria. “Queremos ser propositivos, achegar propostas en positivo, estar moi vixiantes e fiscalizar dende o minuto un a actuación do goberno galego cando esa orde se publique no DOG”, concluíu.