

Aitor Bouza esíxelle á directora da Axencia Galega de Infraestruturas que explique o destino final duns fondos que representan o 32 por cento do orzamento previsto inicialmente
O parlamentario socialista Aitor Bouza alertou hoxe no Parlamento de que a Xunta desviou no Orzamento de 2025 un total de 77,5 millóns de euros inicialmente incluídos no programa de conservación de estradas autonómicas e que “desapareceron sen deixar rastro”. Así o dixo na comparecencia da directora da Axencia Galega de Infraestruturas en Comisión parlamentaria, á que lle esixiu sen éxito que explicara o destino destas partidas.
Bouza acusou ao goberno galego de agochar o que fixeron cunha partida que representa o 32 por cento do orzamento inicial previsto polo goberno galego e que ao longo do exercicio foron retirados da partida sen explicar para que foron empregados. O responsable socialista ironizou con esa contía que de ser executada permitiría cumprir con tódalas propostas en materia de infraestruturas que os socialistas presentan no Parlamento e que o PP rexeita de maneira sistemática.
O parlamentario socialista esixiulle ao PP e á responsable da Axencia Galega de Infraestruturas que garantan que van executar a totalidade da partida para conservación de estradas aprobada nos Orzamentos para o ano 2026. Boiuza reclamou que colaboren cos concellos para fixar unha planificación plurianual en materia de infraestruturas que lles permita coñecer das actuacións do goberno galego e evitar situacións como a dos orzamentos de conservación de estradas.
Acusou á directiva de “botar balóns fóra”, atacando ao goberno central para evitar dar resposta ás preguntas do Grupo Socialista, e criticou o “uso partidista” da Axencia, logo de denunciar que o 75 por cento dos convenios asinados entre os anos 2023 e 2025 beneficiaron a concellos do PP, marxinando ás restantes formacións políticas.