
A secretaria de Organización do PSdeG denuncia unha “moción indecente” que “arrebatou a vontade do pobo” e advirte que Lugo “pasará factura nas urnas en 2027”
Méndez retrata o modus operandi de Candia: “Onde non pode mercadear nin comprar a un colectivo, xera outro paralelo cunha persoa da súa confianza”
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciou este venres que a moción de censura que entregou a Alcaldía de Lugo a Elena Candia é unha «moción indecente» que «arrebatou a vontade do pobo» expresada nas urnas en 2023, e advertiu que a cidadanía lucense «pasará factura nas urnas en 2027».
A dirixente socialista lembrou que o modus operandi da nova alcaldesa popular non é novo. “Desde aqueles anónimos falsos cando estaba na oposición na Deputación, ata o mercadeo de hoxe para facerse coa Alcaldía. Non só cando está no goberno, cando está na oposición tamén utiliza estas prácticas. Esa é a forma de actuar da señora Candia”, afirmou.
Méndez sostivo que a contraprestación que se negou estes días cara á tránsfuga María Reigosa está xa á vista de todos. “No momento en que se están outorgando funcións que non tiñan, no momento en que se estuda a fórmula para, sen pasar a liña vermella da legalidade, atribuírlle máis competencias á señora Reigosa, está demostrado que aquí houbo contraprestación. Está demostrado que a señora Candia mercadeou e segue mercadeando coa cidade de Lugo e coas súas veciñas e veciños”.
“Indignación tremenda” nas rúas de Lugo
A responsable de Organización dos socialistas galegos describiu o estado de ánimo dunha cidade que está vivindo a moción “cunha indignación tremenda”. “Esa indignación aflora nas concentracións, pero tamén nas rúas, tomando un café, nos whatsapps, nas chamadas. A xente nos para para trasladarnos o seu apoio e a súa indignación”, relatou. Méndez subliñou que para os lucenses “Miguel Fernández segue sendo o alcalde aos ollos da veciñanza”.
Recordou que en 2023 a cidadanía lucense decidiu nas urnas “unha alcaldesa socialista e un goberno progresista” e manifestouse convencida de que en 2027 “volverá dicir o mesmo”. “Se Candia tivese en conta o sentir do pobo, non sería alcaldesa. Esperaría a 2027 e tentaría gañar a confianza dos veciños nas urnas. Pero optou pola outra vía”, reprochou.
“Dime de qué presumes e direiche de que careces”. Méndez utilizou esta expresión popular para retratar á nova alcaldesa. “Presume de honestidade, presume de que non fai mercadeo nin chanchullos, de que vai mirando cara adiante pensando en todos. E a realidade é que a súa forma de chegar á Alcaldía foi exactamente esa: o mercadeo, a compra de vontades”.
Virán anuncios tras anos de bloqueo á cidade
A secretaria de Organización anticipou o que vén nos próximos meses. “Imos ver anuncio tras anuncio de proxectos que estiveron bloqueando. Probablemente teremos zona de baño, probablemente haxa máis fondos para o Museo da Romanización e, por fin, despois de 27 anos, rematarase o Plan Paradai, que empezou en 1999”. Para Méndez, eses anuncios serán a confesión implícita de quen estivo todos estes anos atrancando o avance da cidade.
A dirixente socialista advertiu de que o modus operandi de Candia continuará durante este mandato. “Vai impoñer as súas normas. Empezou xa cos actos simbólicos, retirando a bandeira en aopio ao pobo palestino, e seguirá enturbiando, crispando e confrontando, porque a confrontación e a crispación en Lugo veñen exactamente de 2022, cando ela anunciou que ía ser candidata polo PP”.
Unha estratexia de división social
Méndez completou o retrato denunciando o que cualificou como unha estratexia sistemática de fractura. “Onde non pode mercadear nin comprar a un colectivo, xera outro paralelo cunha persoa da súa confianza. Houbo divisións no mundo sindical, no empresarial e no asociativo. Mesmo nunha asociación xuvenil presidida por un membro de Novas Xeracións do PP. Esa é a forma de actuar de Elena Candia”.