
Julio Torrado censura as “políticas favorecedoras das clases máis pudientes” por parte da Xunta cando Galicia ten “menos riqueza e peor distribuída”
O parlamentario socialista Julio Torrado acusou hoxe ao PP de “alimentar a desigualdade” en Galicia dende o goberno galego. Torrado presentou unha pregunta na Comisión de Economía polas “políticas erradas” en materia económica polo executivo galego como revela o Atlas da riqueza de España, que sitúa a esta Comunidade Autónoma na segunda peor posición do Estado, só superada por Madrid.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de defender unhas políticas “favorecedoras das clases máis pudientes” e permanecen impasibles diante da “combinación perversa” de que Galicia teña menos riqueza que a media do Estado e mal distribuída. Explicou que o un por cento da poboación galega acumula o 29 por cento dos bens e “entre moi poucos teñen moito”.
Torrado criticou que o PP responde cunha política pública “excesivamente liberal” que atende á “decisión clara de non reverter os problemas de desigualdade”. Advertiu que en lugar de aplicar políticas para axudar a quen menos ten, o goberno galego “privilexia” ao catro por cento máis rico con rebaixas fiscais, e segundo o Consello de Contas Galicia conta cun superávit de 191 millóns de euros que “algún día contarán onde foi”.
Subliñou que “temos un problema” cando, a pesares desta situación de desigualdade, o goberno galego deixa sen investir o superávit e renuncia a ingresar recursos polas rebaixas fiscais aos máis ricos.
Explicou que a desigualdade tradúcese en case 500.000 persoas agardando pola cita sanitaria, hai un ano de espera pola resolución da Dependencia e máis de 30.000 familias están apuntadas no rexistro de demandantes de vivenda pública. Torrado reclamou unha xestión política dirixida a axudar a quen menos ten porque “o problema é que quen ten riqueza está cada vez máis afastado dos que teñen menos”, polo que “o ascensor social non está roto, solo baixa”.