
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista advirte que case un de cada tres profesionais sanitarios traballan en precario e acusa ao Sergas de “truquear” os datos
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, dixo hoxe que a xestión da sanidade por parte do PP é “unha praga bíblica”. Torrado retrucoulle dende a Comisión de Sanidade ao conselleiro, que onte púxose “moi divino” ao sinalar no Pleno do Parlamento que o Consello de Contas “non é deus” cando sinala a falla de investimento do goberno galego na sanidade pública, sinaladamente en Atención Primaria.
Torrado interveu na comparecencia da responsable de Recursos Humanos do Sergas hoxe no Parlamento poñendo enriba da mesa os datos do último informe do ente fiscalizador, que desminte os datos de temporalidade que presenta o goberno galego, que apunta a un horizonte do 8 por cento de persoal eventual. A realidade, dixo Torrado, é que a temporalidade supera o 28 por cento, polo que case un de cada tres traballadores e traballadoras da sanidade ten contratos eventuais.
O responsable socialista sinalou que os datos reais “non casan” co discurso do PP, que salienta a importancia do persoal sanitario, cando a temporalidade en enfermaría dispárase ata o 40 por cento e están a cambiar ao persoal de servizo e tipo de contrato para que non poidan fixar a praza. “Non ten sentido ningún”, concluíu Torrado.
Ademais, lembrou que o Consello de Contas está a dar a voz de alarma diante da acumulación de convocatorias de prazas no Sergas, que en lugar de garantir o acceso ordenado de profesionais pasan tres anos, entre 2021 e 2023, sen facer convocatorias e despois anuncian as prazas acumuladas.
Así sucedeu por exemplo nas prazas de Medicina de Familia -explicou-, onde anunciaron en 2023 as mesmas 271 prazas que correspondían ás convocatorias dende 2021, pero que seguen anunciando cada ano dende entón sen rematar de convocalas. Criticou que o goberno galego segue ademais sen esgotar “nin de lonxe” as taxas de reposición en tódalas convocatorias de profesionais sanitarios.