
Censura que o conselleiro acuse ao Consello de Contas de mentir co informe que evidencian que Galicia é a segunda Comunidade que menos inviste en Atención Primaria
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe ao conselleiro de Sanidade “un pouquiño menos de autocompracencia e soberbia e máis eficiencia” na xestión do Sergas. Así o dixo no debate dunha Interpelación na que o responsable socialista presentou os datos do Consello de Contas evidenciando a situación crítica na sanidade e sinaladamente na Atención Primaria que o conselleiro desmentiu cun lapidario “o Consello de Contas non é deus”.
“Se teñen un problema co rigor do Consello de Contas teñen un problema de verdade”, respondeu Torrado antes de advertiu que o PP “cre que o que non lles gusta é mentira” de maneira sistemática. Lembrou que segundo o informe que presentou o ente fiscalizador da Comunidade Autónoma hai dúas semanas, Galicia inviste por debaixo da media do Estado na sanidade pública e é a segunda que menos inviste do Estado en Atención Primaria, só por diante de Madrid.
O responsable socialista acusou ao conselleiro de “abandonar” o servizo reducindo investimento para facer unha “Atención Primaria de segunda” mentres priorizan outros servizos cando “debería ser o servizo que máis resolve, máis atende e máis capacitación ten” para descargar a presión asistencial dos hospitais. Acusou ao PP de ter provocado a perda de calidade asistencial cunha xestión que “entende de demacrar o sistema” e provoca a perda de capacidade resolutiva.
Torrado acusou ao PP de “estar cegos co sistema sanitario, pero non temos ópticos, xestionan con mal pé pero non hai podólogos, e son á política como unha dor de muelas, pero tampouco temos dentistas”. Advertiu que a realidade da sanidade pública “desmíntelle os datos, os feitos e o argumentario” para responsabilizar ao goberno central.
O parlamentario socialista responsabilizou ao goberno galego da falla de profesionais médicos en Galicia “porque pagan o peor salario de MIR de toda España”, e provocan que as prazas de formación “queden baleiras” despois de anos menosprezando á Atención Primaria. Lembrou que é o goberno galego o que solicita as prazas de formación de médicos que despois o Estado habilita, e volve ser a Comunidade Autónoma a que decide a convocatoria.
Torrado explicou que precisamente é o goberno galego o que leva cinco anos pedindo as mesmas prazas de formación de médicos, “e non piden máis porque non teñen máis titores”, pero non teñen problema en sinalar ao Estado para criticar a falta de profesionais que eles mesmos levan 15 anos negándose a formalos.