

Patricia Iglesias reclama un gran Pacto de Enerxía e Industria para que Galicia lidere o desenvolvemento do sector, e puntualiza que “non queremos unha macrocelulosa no corazón do país”
Sinala que os 15 Plans Industriais Estratéxicos “na UCI”, o fracaso de Altri, o caos eólico, a falla de planificación para as plantas de biogás e de xestión de residuos e de RdeG “opaca e sen rumbo” demostran que o goberno “non está á altura”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, alertou hoxe que “non hai política industrial con ADN galego” porque “temos un problema” coa falla de xestión do PP dende a Xunta, que demostra que “non están á altura” das necesidades de Galicia. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Economía e Industria no Pleno do Parlamento para dar conta das liñas de actuación da política industrial e enerxética.
Iglesias criticou que o goberno galego se limite a “anuncios e propaganda” e á “política da confrontación e do vitimismo” fronte ao goberno central mentres carecen de planificación a longo prazo. Resumiu que o goberno galego ten situado aos 15 Plans Industriais Estratéxicos -PIEs- “na UCI” sen avanza nin execución e o proxecto de Altri “arquivado polos tres non do goberno de España e a mobilización cidadá en contra” sen que a día de hoxe teñan amosado o memorando segredo.
Tamén alertou da xestión “opaca e sen rumbo” da sociedade Recursos de Galicia, un “híbrido para privatizar a vento, a auga e as minas”, mentres levan ao “caos” ao sector eólico cun plan sectorial do ano 97, 90 parques suspendidos e a mobilidade forzosa do maxistrado do TSXG que coñecía destes casos. Alertou de que logo de 14 modificacións da Lei eólica e un novo Plan sectorial que “como moito non veremos a finais da década”.
Sinalou a “falla de planificación” para as plantas de biogás e de xestión de residuos, que están intentando impoñer en solo rústico “sen regulación autonómica e sen transparencia” na Laracha, en Culleredo, Curtis ou Teo, provocando a resposta cidadán en contra. Tamén criticou o Plan do goberno galego en resposta á crise provocada pola guerra de Irán, que cualificou de “contabilidade creativa” para anunciar de novo de iniciativas xa existentes sen axudas aos sectores afectados.
Iglesias criticou a falta de “selo galego” na política industrial cando a Comunidade Autónoma vai en contra do ciclo crecente do Estado, quedando 2 puntos por debaixo, os prezos industriais descenden un 7,4 por cento, o IPI baixou un 1,7 en febreiro e as vendas teñen un descenso do 6,1 por cento lastradas pola caída do 40 por cento das exportacións aos Estados Unidos.
Pacto de enerxía e industria
Iglesias reclamou un “gran pacto de enerxía e industria” que permita o desenvolvemento do sector con “innovación, pechar os ciclos de produción” en Galicia e unha “industria sostible” porque, resumiu, “non queremos unha macrocelulosa no corazón do país”, en alusión ao proxecto de Altri que foi “a única aposta do PP”. Subliñou que “Galicia pode liderar, ten todo para facelo, o único que falta é un goberno que estea á altura”.
Finalmente, a responsable socialista criticou a “incoherencia e hipocrisía” do PP coa viaxe a China do presidente do goberno, que foi duramente criticada por M. Rajoy coincidindo coa viaxe de Rueda a aquel país no que, “dixeron que non era política, polo que non sabemos se foi pasear ou a facer ciclismo”.
Criticou a falla de resultados da viaxe do presidente galego, que fronte aos 19 acordos asinados polo goberno central, volveu falando do proxecto de SAIC Motors para Galicia pero sen presentar ningún tipo de acordo ou protocolo en materia de automoción. Advertiu que “xa vimos ese guión demasiadas veces” co goberno do PP, como antes pasou con Pemex ou coa fábrica de Century, cando se preocupan de “poñer a medalla e logo vemos como cae o suflé”.