
A portavoz socialista de Política Forestal denuncia no pleno que a Consellería nunca presentou un informe técnico público sobre o verán de 2025, que cesou en silencio aos altos cargos responsables en decembro e que segue sen aplicar as 123 recomendacións do ditame parlamentario aprobado tras a vaga de 2017. A moción reclama un estudo alleo á Consellería cun prazo dun mes
A deputada Carmen Rodríguez Dacosta levou hoxe ao pleno do Parlamento a esixencia formal dun estudo independente sobre os incendios do verán de 2025, os de maior dimensión desde que existen rexistros en Galicia. A moción que defendeu a portavoz socialista de Política Forestal reclama un informe cun prazo concreto, un mes, asinado por técnicos alleos á Consellería de Medio Rural, e con conclusións útiles para reforzar un sistema de prevención e extinción qu, segundo o PSdeG, chegou ao seu límite.
“Non estamos pedindo unha conclusión escrita de antemán. Estamos pedindo exactamente o contrario. Un estudo rigoroso, independente e técnico sobre os incendios máis graves que viviu Galicia desde que existen rexistros”.
A insistencia da socialista en que a auditoría sexa independente responde á realidade: a Xunta nunca presentou un informe técnico público que explique que fallou no verán de 2025, “por que arderon 120.000 hectáreas segundo as cifras oficiais (preto de 170.000 segundo o programa europeo Copernicus) e por que parroquias incluídas pola propia Xunta como zonas de Alta Actividade Incendiaria, baixo vixilancia especial e medidas extraordinarias, acabaron sendo o punto de inicio dalgúns dos maiores lumes da historia recente”.
A iso engádense outros indicios que, para o Grupo Socialista, fan inviable que a análise a faga a propia Administración auditada. O Consello da Xunta cesou en silencio, en decembro de 2025, ao secretario xeral da Consellería e aos directores de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal: saíron sen comparecencia, sen explicación pública, sen rendición de contas.
No caso de Oímbra hai unha investigación xudicial aberta por posibles fallos de coordinación administrativa en traballos de desbroce contratados por administracións públicas. E o ditame parlamentario aprobado en xullo de 2018 tras a vaga de lumes de 2017, asinado por tres cuartas partes da Cámara, contiña 123 recomendacións sobre prevención, extinción e ordenación forestal das que a maior parte segue sen aplicarse, sen que ninguén audite por que. “Pedirlle á Xunta que se autoavalíe é o que se levou facendo todos estes anos. E así nos foi”, resumiu a deputada.
Dacosta lembrou que o propio director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, recoñeceu hai semanas que Galicia se enfronta a “escenarios completamente novos” en materia de incendios. Para o PSdeG, esa frase non admite outra lectura: “Os expertos levan anos avisando da chegada de incendios de quinta e sexta xeración, fóra de toda capacidade de extinción pero a Xunta seguiu apostando exclusivamente pola reacción. E chegan sempre tarde”, afirmou a deputada.
Dacosta subliñou que un voto en contra da moción será “moi difícil de explicar” diante do país. “Como se lle explica á xente de Valdeorras, da Limia, de Monterrei, de Viana, do Bolo, da Veiga, de Larouco ou de Oímbra que o Parlamento de Galicia non quere analizar con rigor o que pasou? Galicia merece saber que pasou”, sentenciou.
Dacosta cuestionou tamén que o Pladiga 2026 chegase con sete meses de atraso sobre o prazo legal, presentado no Consello Forestal o pasado 27 de marzo sen que a conselleira pedira sequera comparecencia para explicalo no Parlamento. “A prevención non se fai en xullo nin en agosto, cando se contratan as brigadas. Faise no inverno, cando aínda se está a tempo de reducir a carga de combustible. E iso non está pasando”.
A portavoz socialista apuntou tamén ao convenio coa empresa pública Seaga para a xestión das franxas secundarias, rexeitado pola Fegamp e asumido por moitos concellos baixo presión. O problema de fondo, dixo, non é o convenio que vén, senón a execución do que xa estaba comprometido. As franxas pactadas na campaña anterior quedaron sen limpar. Algúns traballos foron contratados, mesmo pagados, e despois non se executaron. E os propietarios das parroquias priorizadas, a estas alturas de maio, aínda non saben cando se vai actuar nas súas parcelas. “Non saben cando, non saben como, non saben se se vai facer. E o 31 de maio está aí. O verán tamén”.
A socialista incidiu tamén na brecha entre o que se anuncia e o que se executa. Dentro do programa 551B de accións preventivas e infraestrutura forestal, segundo os datos oficiais facilitados polo propio Goberno galego, quedaron sen executar arredor de 191 millóns de euros entre 2009 e 2025. “Cada euro que non se executa é máis combustible acumulado, máis abandono, máis risco”.
A moción articula, ademais do estudo independente, catro compromisos máis. Un novo modelo integral de prevención asentado nun enfoque territorializado e anticipatorio, con execución das actuacións antes da época de alto risco e seguimento semestral diante do Parlamento. Unha revisión do deseño das ordes de axuda en materia forestal, para corrixir publicacións tardías, condicións inaccesibles e infrautilización de fondos.
Un plan extraordinario para os distritos forestais que levan anos acumulando déficits de execución, con identificación e priorización claras dos territorios máis abandonados. E un informe detallado das obras de prevención previstas dende 2020, programadas e non executadas, desagregado por distritos forestais e concellos. Coas causas.
A intervención abordou tamén os cartos que o Estado está a investir 9,5 millóns de euros en obras urxentes en Larouco, Oímbra ou A Mezquita, mentres a Xunta segue sen explicar que parte vai asumir nin en que territorios vai actuar máis aló dos montes conveniados ou de xestión directa.