

A deputada Silvia Longueira fundamenta a batería de iniciativas rexistradas onte no Parlamento en que “o 95% da intelixencia artificial do mundo está adestrada en inglés, se Rueda non pon diñeiro xa, o galego queda fóra. E quedar fóra da IA non é quedar atrás dez anos, é desaparecer da tecnoloxía que vai mandar o século”
A socialista esixe que a Xunta presente, antes de que remate o ano, un cronograma con obxectivos, accións e orzamento para que o galego deixe de quedar atrás na IA. E que entregue, antes do peche deste período de sesións, un informe coas medidas inmediatas que pode pór en marcha xa
O Goberno de España leva achegados máis de 3,4 millóns de euros desde 2023 para meter o galego na intelixencia artificial. Rueda, nin un euro en tres anos. Agora Madrid anuncia máis financiación e o Grupo Parlamentario Socialista quere saber canto vai pór a Xunta e cando.
O Grupo Parlamentario Socialista vai levar ao Pleno do Parlamento unha batería de iniciativas para denunciar o que está a facer Alfonso Rueda. A pregunta é simple: canto vai poñer a Xunta para que a lingua galega entre na intelixencia artificial? A iniciativa, rexistrada pola deputada Silvia Longueira e o deputado Aitor Bouza, chega xusto despois de que o Goberno central anunciase máis financiación para a continuación do proxecto Nós da USC. Un proxecto no que xa leva máis de 3,4 millóns de euros achegados desde 2023. Rueda, no mesmo tempo, nin un euro.
A foto é demoledora. Desde 2023 o Estado puxo case 3,5 millóns sobre a mesa para que a Universidade de Santiago, a través do CITIUS e do Instituto da Lingua Galega, metese o galego na era da intelixencia artificial. Tres anos de traballo. E onte mesmo a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, confirmou que o apoio continúa e que vai haber máis cartos.
E aínda hai máis. A Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, a AESIA, que regula a IA en toda España, ten a súa sede na Coruña. É dicir, Galicia pon o territorio, pero é Madrid quen pon o diñeiro. Rueda mira.
“O 95% da intelixencia artificial do mundo está adestrada en inglés”, recorda Longueira. “Se Rueda non pon diñeiro xa, o galego queda fóra. E quedar fóra da IA non é quedar atrás dez anos, é desaparecer da tecnoloxía que vai mandar no século.”
A proposición socialista pide datas e cifras. Que a Xunta presente, antes de que remate o ano, un cronograma con obxectivos, accións e orzamento para que o galego deixe de quedar atrás na IA. E que entregue, antes do peche deste período de sesións, un informe coas medidas inmediatas que pode pór en marcha xa. “O Estado dixo o que vai facer e xa o demostrou con tres anos de financiación. Agora tócalle a Rueda dicir que vai facer el”, resume Longueira.
Longueira lembra que estos tres anos de traballo non foron en balde. Hai corpus masivos en galego, modelos de linguaxe abertos, con deseño responsable, aliñados coa familia ALIA, a aposta pública e soberana do Estado para as linguas oficiais. Bouza recórdao así: “Este programa sitúa o galego no adestramento da intelixencia artificial. Pero, sobre todo, evita a súa extinción dixital.”
A pregunta queda no aire e é incómoda. Por que están dispostas a pagar pola súa lingua todas as comunidades con lingua propia menos a Galicia de Rueda? Que clase de defensa do galego é esa que non leva nin un euro asociado?
“Defender o galego non sae gratis nos discursos. Na intelixencia artificial custa cartos. E eses cartos tenos que poñer tamén é sobre todo a Xunta, non só o Goberno central como está a pasar”, conclúe Longueira. “Tres anos sen aportar un euro deixan claro o que xa case todos sabemos: Rueda non cre na nosa lingua.”