

O secretario xeral do PSdeG recolleu en primeira persoa o relato dos pacientes encerrados no hospital de Ribeira. Dous anos de espera para unha cirurxía. Probas intermedias que tardan ata 400 días en dar resultados. E segundas consultas que o Sergas oculta porque, segundo a propia plataforma SOS Sanidade, non está obrigado a publicalas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe a deriva da sanidade pública galega despois de achegarse ata o Hospital Comarcal da Barbanza para acompañar e escoitar á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que leva xa cinco noites encerrada no vestíbulo para esixir unha reunión co xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Ángel Facio, e co director do centro, Hugo Pérez. A plataforma cidadá rexistrou tres solicitudes formais ao longo de máis de dous anos sen recibir resposta.
“Cinco noites. Cinco noites levan os veciños e veciñas do Barbanza durmindo no chan do seu hospital, pedindo que o xerente abra a porta e os escoite. Esa é a resposta que a Xunta de Rueda ten para a sanidade pública galega: portas pechadas e silencio”, afirmou Besteiro. O dirixente socialista subliñou que o que se está a producir no centro de Ribeira “non é unha protesta calquera, é unha emerxencia”.
Besteiro recolleu en primeira persoa o relato dos pacientes encerrados. Dous anos de espera para unha cirurxía. Probas intermedias que tardan ata 400 días en dar resultados. E segundas consultas que o Sergas oculta porque, segundo a propia plataforma, non está obrigado a publicalas. “Son datos que desmontan o relato oficial. Por iso non quere comparecer ningún responsable, porque os números non admiten maquillaxe”, engadiu o líder socialista.
O secretario xeral do PSdeG enmarcou esta crise no diagnóstico que fixo público o pasado xoves o Consello de Contas e que di que Galicia é a segunda comunidade do Estado que menos inviste en Atención Primaria, cun 12% do gasto sanitario, lonxe do 25% que recomenda a Organización Mundial da Saúde e por baixo da media estatal, que se sitúa no 14%. O informe constata ademais que o 28% das prazas do Sergas están en réxime de temporalidade, cando o obxectivo legal é non superar o 8%, e que un de cada catro profesionais da sanidade galega ten contrato temporal.
Besteiro lembrou que o mesmo informe censura a contratación a dedo coa sanidade privada mediante autorizacións de uso temporal, sen concorrencia nin publicidade, unha práctica que o Consello de Contas vén advertindo desde 2022 sen que a Consellería de Sanidade rectifique. “Rueda mantén 500.000 galegos e galegas en listas de espera, pechou 2024 cun superávit de 191 millóns de euros sen explicar a que os dedicou e segue desviando recursos públicos á concertada por vías que o propio organismo fiscalizador pon en cuestión”, denunciou.
O dirixente socialista cualificou esta situación como “o froito directo de case dúas décadas do Partido Popular desmantelando o que entre todos construímos” e anunciou que o Grupo Socialista volverá esixir explicacións a Alfonso Rueda no Parlamento pola súa xestión sanitaria. “Non pode ser que, en 2026, a única forma de que un goberno escoite á xente sexa durmir no chan dun hospital”, sentenciou.
Besteiro trasladoulle á plataforma comarcal o respaldo do PSdeG. “Aos veciños e veciñas do Barbanza só lles podo dicir unha cousa: tedes todo o noso apoio. Estaremos ao voso lado o tempo que faga falla”, concluíu.