

O Goberno de Pedro Sánchez levará ao Congreso unha medida para suspender o pago á Seguridade Social mantendo o período como cotizado
Besteiro sinalou hoxe en Boiro que a iniciativa ten “unha intencionalidade política evidente”: protexer un sector que perdeu dúas de cada tres traballadoras en pouco máis dunha década
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo hoxe o foco no papel do Partido Popular na tramitación da lei que permitirá suspender o pago das cotas á Seguridade Social ás mariscadoras e mariscadores durante os períodos de paralización da actividade, mantendo ese tempo como cotizado.
A medida chega tras as reunións mantidas co sector en Cabo de Cruz, onde se trasladou ao Goberno a necesidade de adaptar o sistema á situación provocada polos temporais e polos períodos nos que non se pode traballar.
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, destacou o traballo realizado nas últimas semanas co sector e co Goberno para dar resposta a unha demanda concreta. “Viñemos traballar sobre un problema real que tiña o sector e hoxe presentamos o resultado dese traballo e do compromiso adquirido”, sinalou.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, explicou que a proposta responde a unha situación específica derivada dos temporais e dos períodos de inactividade. “O sector pedíanos poder suspender o pago das cotas neses períodos e puxemos en marcha esa solución”, indicou.
Blanco detallou que a medida permitirá suspender o pago á Seguridade Social mantendo ás persoas traballadoras en situación asimilada á alta e computando ese tempo como cotizado “a todos os efectos”, incluídas prestacións como xubilación, incapacidade ou supervivencia.
Besteiro confirmou que a iniciativa se incorporará a un proxecto de lei de medidas urxentes para paliar os danos causados polos temporais e será debatida no Congreso. “É un compromiso político que asumimos en Galicia para trasladalo ao Goberno de España: garantir a exención das cotas e que ese tempo compute como cotizado”, explicou.
O líder socialista quixo poñer datos enriba da mesa para contextualizar a situación do sector. “Pasamos de cifras de nove mil profesionais traballando no marisqueo a estar agora arredor dos tres mil e poucos. E deses tres mil e poucos, o 75% son mulleres”, recordou. Por iso, sostivo Besteiro, esta medida ten “unha intencionalidade política evidente”, a de protexer un sector que perdeu en pouco máis dunha década dúas de cada tres traballadoras.
Neste contexto, dirixiuse directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que interveña na posición do seu partido en Madrid. “Ten nas súas mans que Feijóo aprobe no Congreso esta lei”, advertiu.
Besteiro insistiu en que o apoio do PP será determinante para que a medida saia adiante e pediu que non se repitan episodios de bloqueo. “O que esperamos é que o Partido Popular non intente boicotear tamén esta lei”, dixo.