
Lamenta que o PP votara en contra de aumentar o orzamento para contratar a máis profesionais e garantir o dereito á saúde mental en Galicia
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou a negativa do PP á proposta que levou hoxe á Comisión de Economía para reclamarlle ao goberno que incremente o orzamento do Sergas para contratar máis psicólogos e “garantir o dereito á saúde mental en Galicia”. Torrado lembrou que Galicia é amplamente deficitaria na ratio de psicólogos clínicos por habitante na sanidade pública.
Torrado explicou que o Sergas ten 1 psicólogo clínico por cada 100.000 habitantes en Atención Primaria, moi lonxe da media do Estado e da UE. Sinalou que hoxe Galicia ten “problemas graves” porque o goberno galego “non consegue incorporar aos profesionais” ao sector público polas condicións laborais que ofrecen e porque teñen renunciado a convocar prazas PIR para a formación de psicólogos.
Torrado afeoulle ao PP que proteste pola falla de profesionais dispoñibles cando é o goberno galego o que fixa as prazas formativas e cando a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago titula cada ano a 100 psicólogos clínicos. Criticou a súa falla de rigor cando presumen de que Galicia ten máis psicólogos da media cando ou ben inclúen aos que traballan na privada ou “confunden profesións” e presentan o dato de psiquiatras.
Dereito á saúde mental
Reclamoulle ao PP e ao goberno galego que “poñan enriba da mesa decisións valentes” para que a saúde mental sexa “un dereito real” con “xente ben atendida, en centros e condicións axeitadas e unha rede de profesionais conforme ás necesidades de Galicia que hoxe non existe”. Acusounos de desatender un “problema serio”, como demostran os informes do CES, que alerta de que o 10 por cento dos galegos e galegas teñen trastornos serios do estado de ánimo ao longo da súa vida.
Advertiu fronte ao incremento dos trastornos mentais e da conduta dende e prepandemia, cun incremento de máis dun 50 por cento de consumo de psicofármacos dende entón, cun incremento especialmente importante en maiores de 75, adolescentes e mulleres.