

Cualifica de “indecencia” o “mercadeo en directo” por parte do PP para impulsar unha moción de censura en Lugo logo do falecemento de tres edís socialistas e empregando ás institucións para comprar vontades
A secretaria de Organización do PSdeG puntualiza que “Lugo é unha cidade de xente honesta, e quen intenta romper co mandato da cidadanía con manobras escuras non é benvido”
A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, advertiu da convocatoria, hoxe, dunha praza pública da Xunta que “parece feita á medida” da concelleira tránsfuga de Lugo. Así o dixo nunha intervención no Pleno do Parlamento que tivo lugar esta mesma tarde e na que advertiu que “se se demostra non é política: é corrupción”.
Aludiu así á publicación, hoxe, dunha convocatoria á comisión de servizos na Xefatura Territorial de Costas de Lugo de nivel 25, que “encaixa milimetricamente” coa concelleira tránsfuga, o que implicaría que “deixa de ser unha convocatoria pública para ser un pago político”. Méndez censurou a “indecencia” do PP ao impulsar “sen disimulo nin escrúpulos” unha moción de censura en Lugo aproveitando o falecemento de tres edís socialistas no último ano.
A responsable socialista advertiu que “isto non vai de política, vai de ata onde están dispostos a chegar” ao ofrecer un “espectáculo lamentable que da vergoña”, como é o “mercadeo en directo” da “compra e venda dunha tránsfuga” impulsada pola responsable do PP na provincia. Lara Méndez subliñou neste sentido a “estrema gravidade” de que aquel partido estea a “utilizar ás institucións públicas para comprar vontades”.
Méndez subliñou que “Lugo é unha cidade de xente honesta, e quen intenta romper co mandato da cidadanía con manobras escuras non é benvido”, e engadiu que “as e os socialistas non o imos permitir, por Lugo, por Paula, por Pablo e por Olga”, en alusión á alcaldesa e os concelleiros falecidos neste último ano.