
Esixiulle que apoie a regularización e defenda aos máis vulnerables e as necesidades da comunidade: “É a máis avellentada de España, o rural baléirase e o 43 % do emprego creado desde a última reforma laboral corresponde a persoas de orixe estranxeira”
O secretario xeral do PSdeG defendeu que a medida fará posible que en Galicia máis de 10.000 persoas pasen “de traballar en negro a cotizar”, o que se traducirá en “pensións, recadación e xente en concellos que están quedando baleiros”
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe a actitude de Rueda respecto das persoas migrantes. No día que se abriu o prazo para solicitar a regularización de xeito presencial, censurou que o presidente da Xunta “abraza o discurso da ultradereita de criminalizar a inmigración mentres Galicia precisa máis dereitos e máis poboación”.
O líder socialista recordou que máis de 10.000 persoas “levan agardando por este momento” na comunidade. “Xa viven aquí, xa traballan aquí, pero ata hoxe fano sen contrato, sen dereitos e sen cotizar”, sinalou.
Porén, o PP “respondeu ao decreto de regularización da única maneira que sabe, bloqueando”, dixo, e sinalou que cinco comunidades gobernadas polos populares xa anunciaron recursos á norma. “E a Xunta non o descarta”, advertiu para engadir que o Goberno galego non acudiu a semana pasada á Conferencia Sectorial de Infancia e recorreu 15 traslados de menores non acompañados.
Aínda que recoñeceu que se trata de asuntos diferentes, Besteiro afirmou que “hai un fondo común” no proceder do PP. “Trata a estas persoas como unha ameaza e criminalízaas polo simple feito de non teren nacido aquí”, advertiu sobre un discurso que, “ata hai pouco, era propio da ultradereita, e hoxe Rueda asúmeo sen ningún pudor”.
O secretario xeral explicou que o PSdeG defende a regularización por cunha cuestión “de xustiza”. “Non é aceptable que miles de persoas vivan e traballen nun territorio sen ningún dereito”, argumentou, e lembrou que, ademais de contar co apoio maioritario do Congreso, a medida ten o respaldo 900 asociacións.
José Ramón Gómez Besteiro insistiu en que se trata dunha regularización “necesaria”, especialmente para Galicia por ser a comunidade máis avellentada de España. Nese senso, apuntou: “O rural baléirase, e o 43 % do emprego creado desde a última reforma laboral corresponde a persoas de orixe estranxeira”.
Sinalou tamén que esas persoas xa representan máis do 14 % dos afiliados e afiliadas á Seguridade Social, e agora vanse unir a elas máis, “que van pasar de traballar en negro a cotizar”. “Son pensións, recadación e xente en concellos que están quedando sen ninguén”, salientou.
Finalmente, subliñou que desde 1986 houbo seis procesos de regularización coma o actual, realizados por gobernos “de todo signo”. Como exemplo, citou os de 2000 e 2001, baixo a presidencia de Aznar. “Se era bo cando o fixo el, por que é malo agora”, preguntou.
A esa cuestión uniu outra: “Que alternativa ten Rueda ao decreto?”. “Ata agora, o único que fixo foi poñer pegas”, criticou. Por iso, esixiulle que preste axuda ao proceso “defendendo os dereitos dos máis vulnerables e as necesidades de Galicia”.