
O líder do PSdeG denuncia que o presidente da Xunta “vive instalado na propaganda” e acusa ao seu goberno de non dar resposta aos principais problemas do país comop a crise da vivenda ou o colapso sanitario
Besteiro cualificou de “especialmente preocupante” a ausencia dun proxecto industrial para Galicia: “Pasamos da opacidade de Altri á opacidade de Recursos de Galicia e sen unha estratexia clara de país”
Cuestionou o discurso do presidente sobre incendios forestais, lembrando que “Galicia está ardendo en pleno mes de abril mentres a Xunta presume de planificación cun Pladiga que nin sequera foi publicado
Destacou o “silencio revelador” de Rueda sobre o financiamento autonómico, ao que apenas dedicou “dez segundos nun debate clave para o futuro dos servizos públicos: “É a proba de que non hai modelo nin posición política definida para defender os intereses de Galicia”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao presidente da Xunta de presentar no Debate do Estado da Autonomía “un relato que non se corresponde coa Galicia real”, e de facer “un exercicio de propaganda que tenta tapar dous anos de xestión sen rumbo e 17 anos de políticas esgotadas do Partido Popular”.
Besteiro sinalou que Alfonso Rueda “fixo unha emenda á totalidade do seu propio goberno”, cun discurso no que “non apareceu a vida diaria dos galegos e das galegas nin os problemas que hoxe marcan o presente do país”. “Falou dunha Galicia que non existe mentres miles de persoas seguen esperando solucións que nunca chegan”, advertiu.
O líder socialista puxo o foco na crise da vivenda, lembrando que “hai máis de 32.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes sen ningunha resposta real por parte da Xunta”. Criticou que o único ofrecemento do presidente fora “seguir esperando a un futuro que nunca acaba de chegar”, sen medidas inmediatas para facilitar o acceso, especialmente entre a xente moza. “Non hai política de vivenda, hai anuncios”, resumiu.
En materia sanitaria, denunciou que Galicia vive “unha situación límite que o presidente decidiu ignorar”, cunhas listas de espera “como non se recordaban en anos” e unha atención primaria “cada vez máis debilitada”. “O problema existe, é evidente, pero a resposta segue sendo a mesma: non facer nada distinto”, afirmou.
Besteiro tamén cualificou de “especialmente preocupante” a ausencia dun proxecto industrial para Galicia. “Pasamos da opacidade de Altri á opacidade de Recursos de Galicia, pero sen unha estratexia clara de país”, indicou, para concluír que “o único impulso industrial que chega é o que vén de fóra, do Goberno de España e dos fondos europeos”. “Aquí non hai modelo: hai improvisación”, engadiu.
No ámbito social, advertiu do “fracaso acumulado” na atención ás persoas maiores, cun déficit de máis de 11.000 prazas residenciais. “Levan anos anunciando as mesmas prazas que nunca se materializan mentres a distancia entre o que se necesita e o que se ofrece segue medrando”, sinalou.
O secretario xeral do PSdeG destacou tamén o “silencio revelador” do presidente sobre o financiamento autonómico, ao que apenas dedicou “dez segundos nun debate clave para o futuro dos servizos públicos”. “É a proba de que non hai modelo nin posición política definida para defender os intereses de Galicia”, afirmou.
Besteiro criticou ademais as “contradicións constantes” do Goberno galego, tanto en materia fiscal como de infraestruturas. “Non se pode reclamar máis recursos ao Estado mentres se reducen impostos sen criterio, nin defender a gratuidade das autoestradas sen facer nada nas vías galegas”, apuntou.
Tamén cuestionou o discurso do presidente sobre incendios forestais, lembrando que “Galicia está ardendo en pleno mes de abril mentres a Xunta presume de planificación cun Pladiga que nin sequera foi publicado”. “Hai máis propaganda que prevención”, advertiu.
“Fallan no estrutural, fallan na planificación e fallan no máis importante: en ofrecer respostas reais aos problemas da xente”, concluíu Besteiro, quen cualificou o balance presentado por Rueda como “absolutamente insuficiente para a Galicia que existe fóra deste Parlamento”.