

Os socialistas consideran que o veto do PP busca evitar que se esclarezan os compromisos asumidos pola Xunta coa multinacional e manter oculto o memorando de entendemento asinado en 2021 a través da sociedade Impulsa Galicia
O PSdeG considera que o voto en contra do Partido Popular confirma a vontade do Goberno galego de pechar filas arredor dun proxecto cheo de incógnitas. “Hoxe o PP decidiu usar de novo a súa maioría absoluta para impedir que o Parlamento investigue que prometeu a Xunta á multinacional Altri”, advertiu a deputada socialista durante o debate.
Segundo explicou, a creación da comisión respondía á necesidade de aclarar decisións e compromisos que seguen sen explicación pública. “Estamos falando dun proxecto industrial de enorme impacto para Galicia. O mínimo esixible é transparencia”, sinalou.
Iglesias lembrou ademais que levan meses reclamando no Parlamento a creación dunha comisión de investigación para coñecer a fondo o contido do pacto secreto con Altri, un acordo que segue oculto malia as reiteradas peticións de acceso á documentación.
Nese sentido, puxo o foco nun dos documentos clave deste asunto: o memorando de entendemento asinado en 2021 entre o entón conselleiro de Economía, Francisco Conde, como presidente de Impulsa Galicia, e o CEO de Altri.
Ela mesma presentou ata nove solicitudes formais de acceso ao expediente da sociedade Impulsa Galicia, ao proceso da súa creación, á súa disolución e ao contido dese memorando. “Nove solicitudes. E nove silencios”, denunciou.
Para o PSdeG, esa negativa reiterada a facilitar información pública só reforza as sospeitas sobre o que pode conter ese documento. “Cando un goberno leva anos negándose a ensinar un papel, a pregunta é inevitable: que están ocultando?”, sinalou.
Os socialistas insistiron ademais en que Impulsa Galicia non era unha sociedade privada, senón unha entidade controlada pola Xunta de Galicia, con capital público maioritario e co Goberno galego dirixindo o seu consello de administración.
Durante o debate tamén lembraron a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que conclúe que a desprotección ambiental dunha zona vinculada ao proxecto carecía de motivación técnica suficiente, unha decisión administrativa que foi posteriormente anulada polos tribunais.
Para o PSdeG, esta resolución xudicial abre novas dúbidas sobre as decisións adoptadas polo Goberno galego durante a tramitación do proxecto.
Os socialistas tamén advertiron de que o arquivo do procedemento anunciado pola Xunta non supón unha denegación definitiva do proxecto. “Arquivar non resolve nada. Arquivar significa simplemente deixar o proxecto nun caixón á espera de que cambien as circunstancias”, sinalou a deputada.
Por todo iso, o Grupo Socialista insiste en que a comisión de investigación era a vía para esclarecer que compromisos asumiu a Xunta, que papel xogou a sociedade Impulsa Galicia e se existiu relación entre as decisións administrativas adoptadas e os acordos alcanzados coa empresa.
Nesta liña, Iglesias insistiu en que “o PP pode bloquear unha comisión, pero non pode borrar as preguntas que seguen sen resposta”, advertiu. E rematou cunha cuestión que, segundo dixo, continúa sen explicación por parte do Goberno galego: “Se todo foi transparente e correcto, por que seguen ocultando o memorando de Altri?”.